Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Rafael Cuiña Aparicio: "Os veciños xa se acostumaron a min, noto o seu respecto e o seu cariño"

"Cometemos erros por inexperiencia e por ter caracteres impulsivos, pero a balanza está moi desequilibrada a favor dos acertos" - "Non me dedico a facer ruido, pero, vendo como actúan algúns, sempre gardo algún as"

A entrevista tivo lugar no comedor presidido polos retratos dos seus avós paternos. // Bernabé/Javier Lalín

Vén de superar o ecuador do seu primeiro mandato municipal. Desde que colleu o bastón de mando do Concello de Lalín transcorreron dous anos nos que viu como o seu goberno pasaba de tripartito a cuatripartito con maioría absoluta para, aos poucos meses -a piques está de cumprirse un ano-, volvía quedar de novo en minoría e por unha deserción no seu propio grupo. Como líder de Compromiso por Lalín, Rafael Cuiña confesa sentirse "responsable por levar a unha persoa en termos políticos indecente na lista", pero tamén lle parece "lamentable que outros aproveiten esta circunstancia para intentar bloquear proxectos para os veciños de Lalín, cuestión que eu nunca faría".

-Como percibe a súa relación cos veciños? Como se ve como alcalde?

-Doume conta de que os veciños xa se acostumaron a min. Noto que cren que agora teñen un alcalde cercano, ao que se poden dirixir pola rúa, que recibe a todo o mundo tan pronto llo pide, se ten un oco. Noto o cariño e, sobre todo, o respecto da xente. Creo que moita xente me estaba tanteando, porque non me coñecía; agora coñécenme moito máis e síntome respectado e querido. Estou á fronte dun goberno do que os números son incuestionables e que se fosen as eleccións o vindeiro domingo melloraría moitísimo.

--Pón a man no lume pola unidade do goberno e a fidelidade de todos e cada un dos seus integrantes?

-Absolutamente, e non creo que ninguén poida dicir o contrario. Auguraba moita xente que ía haber problemas serios e o que estamos vendo é todo o contrario, hai unha grandísima coordenación. Estes días fixemos valoración todas as forzas e coincidimos ao cen por cen no plantexamento. Ás veces digo que somos un grupo de amigos, no sentido de que nos levamos moi ben, pero hai que diferenciar, loxicamente, o que ten que ser a representatividade política. Eu son amigo, desde que nacín, do tenente de alcalde, son amigo do voceiro do BNG desde hai moitos anos e teño unha excelente relación coa representante de APAC. Dito iso, cada un representamos a forzas políticas do cambio e coincidimos no 99% das ocasións nas decisións que tomamos, e iso está moi ben.

--Admitirá que membros do seu goberno, e vostede especialmente, cometeron moitos erros non forzados nestes dous anos...

--Si, seguramente. En dous anos sempre se cometen erros, aínda que creo que a balanza está moi desequilibrada a favor dos acertos. Sobre todo, foron erros por ter caracteres impulsivos, por intentar facer as cousas o antes posible, por falta de experiencia no cargo. Son erros que xa non se cometen, pero si é certo que se cometeron.

-Entre os máis sonados, a creación dunha identidade falsa para unha recollida de sinaturas no Corpiño que non chegou a facerse, o visionado de imaxes de cámaras de videoseguridade...

-Por algunhas desas cousas xa nos desculpamos no seu momento e non tiveron ningunha trascendencia máis alá do concello, como se lle intentou dar. Evidentemente, foron cousas que pasaron e non estiveron ben. Pero tamén quero deixar claro que se queremos facer ruido, sen dúbida, teriamos tamén como facelo. Eu non me dedico a esas cousas, pero vendo como actúan algúns, sempre me gardo algún as; aprendín co tempo que hai que ter algún preparado.

-Unha das súas promesas incumpridas que máis críticas lle suscita, polo que ten de persoal, foi a non renuncia ao soldo de alcalde.

-Creo que me equivoquei, porque o alcalde dun concello coma Lalín, evidentemente, ten que cobrar. Partiu dunha intención clara, pero tamén desde un punto de vista un pouco egoísta, porque eu na miña vida privada cobraba máis do que gano como alcalde. Primeiro, esixíronmo os meus compañeiros, e, segundo, despois de dous anos, entendo que o alcalde de Lalín, traballando catorce horas diarias, ten que ter un soldo digno. Eu nunca critiquei o soldo de [José] Crespo, nunca. Amais, os salarios foron aprobados no pleno de organización. E, por primeira vez, a oposición ten un asesor, unha demostración de xogo limpio do goberno neste asunto.

-Que marxe de maniobra lle queda a un goberno en minoría?

-Isto custounos a posibilidade de facer cousas para os veciños. Hai unha clara estratexia da oposición, moi lamentable, de bloquear o máximo posible cuestións importantes para logo dicir por aí adiante que non se fan cousas.

-Unha vez perdida a cuestión de confianza que vostede plantexou, cre quehaberá moción de censura?

-Ao goberno, egoístamente, interésalle que haxa unha moción de censura, e quen a perda que asuma as responsabilidades políticas. É un mecanismo democrático absolutamente normal, pero cremos que a súa gravidade esixe consecuencias, ou ben para o goberno, que tería que deixar de selo, ou ben para quen a presenta.

-Nin ben entren en vigor os orzamentos deste ano terán que poñerse a preparar os de 2018, e máis tendo en conta o precedente...

-Consideramos que estes orzamentos valen perfectamente para 2018, xa os fixemos con esa idea tamén. O que queriamos salvar eran os fondos europeos, o DUSI, e cun orzamento prorrogado témolos salvados. Polo tanto, os que intentaron incluso torpedear que 5 millóns de euros que conseguimos para Lalín non se puidesen executar van quedar un tanto decepcionados.

-Cales son os proxectos prioritarios desta estratexia?

-É unha axenda urbana e temos diferentes cuestións. Eu destacaría, por exemplo, os 250.000 euros para programas de emprego nun contexto no que está baixando o paro en Lalín. Hai reformas importantes, como a do antigo colexio Manuel Rivero como centro social e para peregrinos, ou a urbanización e humanización de toda esa zona. Estou convencido de que haberá un antes un despois na historia de Lalín da execución destes 5 millóns de euros, que son 6, coa parte que ten que poñer o Concello. Moita xente non é conscente da importancia deste logro deste goberno.

-Cales seguen a ser os problemas principais dos lalinenses e que está a facer para solucionalos?

-Nun contexto de recuperación económica, Lalín está moito mellor ca hai dous anos; isto non o discute ninguén. Hai menos paro, están abrindo máis comercios, estamos pagando os impostos máis reducidos da historia de Lalín; fronte ao desastroso goberno anterior, que batiu o récord de paro, que puxo os impostos máis altos, sangrando aos lalinenses cando máis cartos e recursos necesitaban, e deixando o Concello ao borde da quebra ou de ser intervido polo Estado. A día de hoxe toda Galicia sabe que os números macro do Concello de Lalín son exemplares. Pero hai que seguir facendo políticas que axuden a reducir o paro -aínda que non temos competencias-, temos que vender ben Lalín para que empresas se asenten e volvan, empresas que marcharon ou pecharon na época de Crespo. En canto á hostalería e o comercio, estamos nunha época de esplendor, porque o número de licencias ou cambios de denominación ou titularidade é tres veces maioor ca nos últimos anos de Crespo Iglesias. No principio de mandato falaba de alborexar, agora as cousas van moito mellor ca hai dous anos.

-Vostede chegara a anunciar o asentamento de novas firmas no municipio, pero, dous anos despois, nada se sabe.

-Son cuestións difíciles. Nós temos falado con empresas do téxtil -e sábeno na AED (Asociación de Empresarios de Deza), porque tamén falaron con eles-, pero finalmente decidiron apostar por polígonos da Coruña, porque os seus responsables máximos preferían vivir preto dunha gran cidade. E seguimos facendo intentos; nesta mesma mesa que estamos, falamos aínda non hai quince días cun empresario para intentar convencelo de que fixese en Lalín os investimentos que vai facer en Ponferrada, pero ten importantes axudas da Xunta de Castela e León.

-Volvendo ao día a día dos veciños, en que mellorou desde que vostedes están no poder?

-Se vexo que hai máis comercios, que a hostalaría se está movendo moi ben, moito dinamismo nas fins de semana, cantidade de xente de fóra de Lalín que vén a un montón de actividades deportivas e outros eventos que estamos facendo e que enchen os hoteis, os restaurantes e os comercios, se lle imos dar 60.000 euros á asociación de empresarios -que nunca tanto se lle apoiou, precisamente para facer plans de dinamización-, se facemos estudos de comercio moi importantes..., é evidente, a xente de Lalín teno que notar. Eu falo con directores de banco, que me din que hai movemento económico. Preocúpame moito o sector gandeiro, ao que as políticas do PP lle deron unha tremenda puñalada, sobre todo ao lácteo; están desaparecendo moitas explotacións, e isto si me preocupa, porque Lalín sen o rural non se pode entender.

-Lalín segue no fío da navalla dos 20.000 habitantes e non parece que vaia medrar...

-O problema demográfico de Galicia é xeral. Aínda así, eu entrei con 20.005 e este ano vai estar preto dos 20.100. Estase facendo un bo traballo, aínda que hai que ir contracorrente, porque a tendenza é a perder estes 20.000 habitantes. Temos que facer un concello atractivo para que moita xente, tendo traballo en empresas e con comercios abertos, poida asentar aquí as súas familias, que se sintan cómodos vindo vivir a Lalín.

-As relacións coa oposición parecen máis enquistadas ca nunca e non teñen visos de que vaian mudar no que resta de mandato.

-Eu intento mellorar as relacións con Crespo Iglesias, pero é moi complicado, porque, cada vez que fago unha aproximación, acaba soltándome algunha. Entendo o xogo político, o que non entendo é extralimitarnos, e insisto en que cometín erros tamén. Gustaríame poder sentarnos a falar de cuestións importantes para os lalinenses, pero creo que o PP a día de hoxe aínda non asumiu que o pobo de Lalín decidiu un cambio e daí veñen determinado tipo de actitudes. O propio Crespo dixo nunha entrevista que o PP era un lobby de poder; o goberno actual non é un lobby, senón un grupo de persoas que traballa para intentar mellorar a situación dos veciños.

-Prevé unha segunda metade de mandato máis dura ca primeira?

-Non necesariamente. Eu voume dedicar a traballar e os que decidan poñer atrancos vano acabar pagando electoralmente, aínda que eu preferiría que non o pagasen e ter a posibilidade de facer cousas para os veciños. E dígoo absolutamente en serio, porque non considero a política unha profesión, senón unha vocación de servizo público acotada no tempo. Polo tanto, non me preocupa especialmente, xa vou sabendo un pouco máis o que é a política que hai dous anos, contémploa cunha perspectiva diferente e sei que sempre tes que ter gardado un as na manga porque algúns ataques furibundos, se puidesen, intentarían acabar contigo. Eu tratarei ao PP exactamente igual ca o PP me trate a min.

-Algunha responsabilidade terá o seu goberno...

-Nós temos responsabilidade, evidentemente, e eles tamén, e cando non nos poñemos de acordo quen sae danado é o pobo de Lalín. Insisto en que, aínda que creo que a clave é a non asunción de perder o poder despois de moitísimos anos, non se correspondería coa realidade botarlle só a culpa á oposición.

-Vostede desvelara supostas prácticas ilegais da etapa anterior e creouse unha comisión de investigación. En que punto está?

-A investigación está en marcha, os traballos da comisión son segredos. O que é certo é que algúns intentan, con nimiedades, facer ruido mentres eu calo.

-Algo que lle gustaría subliñar?

-Sen este goberno non existiría a fraga das Casas Vellas; co PP estaría desaparecida a día de hoxe. Grazas ao traballo deste goberno e, sobre todo, da platarma está salvada, case con toda seguridade, a fraga.

-Mantén o seu horizonte de oito anos na Alcaldía de Lalín?

-Se o meu partido quere, esa e a miña idea. Outros catro anos e fin... E fin!

-E fin en Lalín ou fin en xeral?

-E fin. O que me preocupa neste momento é o Concello de Lalín. O futuro dirá, pero eu, antes ou despois, volverei a ser empresario, que é o que son.

Compartir el artículo

stats