| A Praza da Igrexa de Lalín acolleu onte unha singular actuación. A Banda de Lalín acompañou os pases de varios alumnos tanto da escola Scene Ballet como de Máisquedanza. O evento ofreceu un variado repertorio, tanto de temas clásicos e ben coñecidos por grandes e pequenos como versión de pezas musicais máis recentes. Os alumnos das dúas escolas puideron demostrar, ante familiares e amigos, a súa evolución ao longo do curso que está a piques de rematar. Ademais, moitos destes estudantes de danza participarán no festival de Dancerveira, na localidade lusa de Vilanova de Cerveira, que terá lugar a finais do presente mes.