A idea xurdiu en 2014 e foi tal a avalancha de participantes que se puido publicar un libro, a comezos de 2016, coas mellores tatuaxes. Desde entón, o Clube da Lingua, creado no instituto Marco do Camballón, en Vila de Cruces, xa leva convocado tres edicións do certame Galiza, a flor da pel, un concurso co que quere difundir todas as tatuaxes que locen frases en galego, da literatura galega ou deseños que teñan que ver co noso folclore e tradición.

O concurso apóiase, sobre todo, na rede social Facebook. No perfil do Clube da Lingua poden contemplarse, dende hai meses, todas as tatuaxes que participan no certame, xa sexa enviadas por quen as porta como por quen as grabou sobre a pel ou por quen lles sacou a fotografía. Onte, a organización daba a coñecer os nomes dos gañadores, nas dúas categorías en que se divide a convocatoria: tatuaxes sen palabras e con palabras. Desta maneira, no apartado de só imaxes, a gañadora é Karina Pereira Rei, cunha tatuaxe que adorna o brazo esquerdo e que simboliza uns estalotes, esta planta que todos os que nos criamos no rural identificamos cos xogos da nosa infancia. Por detrás desta creación colócase unha pandereitiña nun dedo, que tamén pode verse nas fotografías que acompañan esta páxina e que foi remitida ó concurso por Geni Domínguez. O terceiro escollido é unha folla, de Raque Lilolelale. O xurado quere facer unha mención especial á tatuaxe dos petroglifos de Laxe das Rodas, que leva Iria Molina e que tatuou Martuk Tuk Rodríguez. Este deseño gañou a edición do ano pasado e agora estendeuse polo brazo da súa dona, co que "aumentou a súa forza visual", segundo explican desde a organización.

En canto ás tatuaxes que locen unha frase, as tres mellores son, por esta orde, Sempre ceives, de Charo Lopes e tatuada por Piratum; As sete vogais que tén o cantante Leo Arremecághona nos dous pulsos e que foron obra de Sara Marchene a Esther das Luras; e a frase Defender a alegría como uma trincheira, unha tatuaxe na espalda de Llerena Perozo Porteiro. Haberá libros para todas as fotos premiadas.

Desde a primeira edición, o proxecto Tattoos da Galiza xa leva recompilado preto de medio milleiro de fotos. Quen as queira contemplar pode entrar no blog www.blogoteca.com/tattoosdagaliza. Para o organizador do certame, o Clube da Lingua, esta colección é "unha obra de arte e de comunicación colectiva froito dun proceso de participación social intenso e cheo de emocións". A presenza desas emocións vén dada polo paso que da a persoa que decide amosar a súa tatuaxe, que forma parte da súa identidade, a un mundo tan infinito como é o virtual a través das redes sociais. A organización, ademais, tén claro que cando unha tatuaxe en galego ou sobre a cultura galega é permanente, tamén pasan a selo "a nosa lingua e a nosa identidade". E, de paso, estes dous conceptos súmanse á modernidade e á avangarda.