A música tradicional é este ano en Deza a banda sonora do Día das Letras Galegas, adicado a Carlos Casares. Lalín, Silleda e Vila de Cruces centraron onte, e farano tamén hoxe e o sábado, esta celebración con concertos variados. Trasdeza albergou onte o Festival de Música Tradicional, organizado dende a Escola de Música de Silleda en colaboración co Concello. O festival contou coa presenza das formacións Aires do Trasdeza, do Colexio Plurilingüe María Inmaculada da capital municipal; Gaiteiros da Pereiriña, de Ansemil-Martixe; as Pandereteiras A Saleta de Siador; a asociación cultural Xirandola, de A Bandeira; O Son da Fervenza, de Escuadro; Pau de Buxo, de Saídres; Os Carqueixas de Lamela e finalmente a Aula Tradicional da Escola Municipal de Silleda. O evento levouse á rúa e comezou na Praza Siñor Afranio, onde os oito grupos interpretaron xuntos oPasodobre San Roque e o Himno Galego. Dende alí os grupos partiron dando un pasarrúas ata o auditorio da Semana Veronde tivo lugar o festival presentado por Carlos Pedreira, guitarrista do grupo Voces da Terra, de Vila de Cruces.

Precisamente, en Cruces terá lugar hoxe, ás 14.30 horas na Solaina de Piloño, un evento relacionado co Día das Letras Galegas. Trátase dun concerto didáctico que, baixo o título de "Cantarolas para xente miúda", está dirixido a todos os públicos. O evento evoca as figuras do cantante de Regodobargo, Suso Vaamonde, e do escritor de Gres, Xosé Neira Vilas. A interpretación correrá a cargo de Senén Vaamonde e de dous músicos do grupo de música tradicional A Roda. A duración do concerto será de arredor de 50 minutos e a entrada é libre. Estas "Cantarolas" aparecen recollidas nun disco infantil que inclúe os poemas de Neira Vilas musicados por Vaamonde como Cabaliño Novo, Cantarela dos nenos o Soñei co tuturutú. Ademáis recolle o tema Ensoños, con letra do propio Suso Vaamonde.

Por último, Lalín celebrou onte á tarde a xornada cun concerto da súa banda xuvenil e da coral polifónica da localidade. A edil de Cultura, Lara Rodríguez Peña, presentou pola mañá o"Serán das Letras Galegas" que terá lugar este sábado na Praza da Vila. O evento nace como colofón á celebración e "con a intención de que perdure". Estará adicado ás Pandereteiras de Zobra, e dará comezo ás 18.00 horas. No certame participan os grupos de pandereteiras das formacións Ailola de Lalín, Os Trasnos de Doade, Carballeria de Cercio, Ponte da Prata de Botos, Os Dezas de Moneixas e As Maruxeiras de Vilatuxe. No acto celebrado no museo municipal lalinense tamén estivo presente, entre outros, Celso Fernández Sanmartín, presentador da actividade, que destacou a valía social e musical deste grupo feminino de Zobra.