Catro lalinenses partiron onte de Santiago para incorporarse ao intercambio xuvenil STEPS ( Share Trekking Experience Promoting Self-awareness) nos Apeninos italianos que ten lugar do 5 ao 13 de maio. Natalia Martínez, Unai García, Alba Freitas e Sergio Ferreira, acompañados pola presidenta do Comité de Irmanamento de Lalín (Cirla), Patricia Martínez, forman a delegación. Asistirán mozos de entre 18 e 23 anos procedentes de Italia, Croacia, República Checa e Estonia. Durante nove días realizarán unha ruta de sendeirismo polo Parque Nacional Tosco-Emiliano, asistidos por burros que cargarán co material para montar os campamentos cada noite, e tamén realizarán diversas dinámicas interculturais.