Era o único que lle faltaba á Festa do Galo de Curral de Vila de Cruces: organizar un certame musical no que, dalgunha maneira, esté presente esta ave. Se un se pón a pensar, hai cancións de case todos os estilos nos que o galo (pola súa simboloxía) é o protagonista, dende Gallo de pelea, de Juan Pardo ou tamén de Los Tigres del Norte, ata Qué jallo é, un dos temas máis coñecidos de Heredeiros da Crus. É precisamente este grupo de rock bravú, fundado en Ribeira fai 25 anos, o que será cabeza de cartel do Festival Galo Rock, que terá lugar o sábado 27 de maio no campo da feira cruceño.

As actuacións comezan ás 22.00 horas, e o programa complétase con outro histórico da música en galego, Astarot, e un sexteto que, como quen di, acaba de empezar (fundouse en 2011), Fillos do Estramonio. Astarot é ben coñecido por misturar rock con sons folk, logrando versións tremendas de temas populares (léase A Rianxeira) e musicando, tamén, pezas da talla de Negra Sombra, un dos poemas creados por Rosalía de Castro. En canto a Fillos do Estramonio, dende o seu perfil das redes sociais aseguran que o rock é un ingrediente ó que lle engaden humor.

A organización deste festival corre a cargo dun hostaleiro do municipio, e de seguro que animará a noite previa á cita máis multitudinaria de Cruces. As entradas custan 20 euros, pero se se mercan de xeito anticipado quedan en 15. Están disponibles preto de 2.500, aínda que 300 xa se despacharon durante a xornada de onte. Poden adquirirse no sitio web www. entradasabanca.es, así como nos seguintes locais: Cafetería Eureka, na Estrada; Pub Kirós, en Rodeiro; Café Bar O de Mario, en Arzúa; Cafetería A Fundación e Cafetería A Solaina, en Melide; Café Bar Rosaleda, en Lalín; Café Bar Trujillo, en Silleda; Cafetería Capitol, en Chantada; Pub Agarimo e Disco Precio, en Santiago; Cervecería 1900, en Sigüeiro; Café Bar Bruselas, en Monterroso, e Disco Cactus, en Vila de Cruces, ademais de nas Tendas Bernabé da Estrada, Lalín, Silleda e Vila de Cruces. Están á venta ata o día 25.