Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Fíxose a luz en Cerdedo (e II)

Os cerdedenses alumáronse artificialmente dende xullo de 1912 ainda que o recoñecemento final das obras data de novembro de 1915

Antigo pau da luz. // Calros Solla

No Anuario de Electricidad para 1900 (Madrid, 1900), no capítulo titulado "Poblaciones que carecen de central eléctrica y número de sus habitantes", figura Cerdedo con 5.179 habitantes.

Secundino Bugallo Sieiro, D. Secundino ou Secundino do Monte, no principiar do século XX, foi agasallado polo destino cun pingüe premio da Lotaría. Segundo a web de RTVE, gañar, por exemplo, o "Gordo" de Nadal supuña en 1905 embolsarse arredor de 600.000 pesetas, é dicir, o equivalente hoxe a 1.605.209 euros (o prezo do décimo andaba nos 60 céntimos de euro). Naquela altura, con ese diñeiro podías adquirir, por exemplo, uns vinte edificios e a maiores trinta e tres automóbiles.

Upado pola fortuna, Secundino (dende aquelas D. Secundino) aliouse politicamente co riestrismo, desposou en casa forte, edificou un pazo no monte do Sangal (dende aquelas Secundino do Monte) e investiu o máis do capital na creación de dúas empresas: unha de transporte de viaxeiros, "La Cerdedense", e unha central hidroeléctrica, "A Fábrica da Luz", que instalou na marxe esquerda do río Lérez, no predio coñecido pola Torre dos Mouros. Con tanto mérito acumulado, don Secundino acadou a alcaldía de Cerdedo en 1912, herdanza do seu sogro Xerardo Varela Figueroa (recorrente nepotismo). Escusamos engadir que foi, fundamentalmente, alcalde de si mesmo; creou escola.

"La Cerdedense", coches tirados por cabalos, cubría o traxecto Cerdedo-Pontevedra (ida e volta) e, que se saiba, foi a primeira compañía do ramo en Cerdedo. En 1914, termando rexamente do bastón de mando, D. Secundino vendeulle os carromatos a un tal Manuel Portas.

No tocante á Fábrica da Luz, a solicitación de aproveitamento de augas data de setembro de 1906 (550 litros de auga por segundo). Por Real Orde de 28 de maio de 1912, o Ministerio de Fomento accedía á petición de Secundino Bugallo para establecer una línea de transporte de energía eléctrica con destino a alumbrado y fuerza motriz desde el lugar de "Insua" o "Torre dos Mouros" hasta la villa de Cerdedo. Non obstante, as obras deran comezo antes de recibir o visto e prace ministerial. O encoro fincouse tras a reconca do Pego, á altura do castro e da ermida do mesmo nome. A auga desviada da madre, conducida a través dunha levada que cinguía o monte de Cerdedo polo norte, percorría 1'8 km de distancia, precipitándose despois pola encosta uns 60 m deica a turbina, situada a uns 30 m do leito do río. A residencia montesa de D. Secundino, hoxe en completa ruína, arredábase máis dun quilómetro da industria e outro tanto do núcleo de Cerdedo.

Segundo o xornal Noticiero de Vigo (27-7-1912), os cerdedenses alumáronse artificialmente dende xullo de 1912 (ben, aqueles que se puideron permitir o luxo), aínda que "o recoñecemento final das obras executadas" (xerador e liñas dende a Torre dos Mouros deica a capital) datan de novembro de 1915 (Diario de Pontevedra, 13-11-1915). As intensas nevaradas do inverno de 1911-12 dificultaron as tarefas de colocación de paus e fíos (Progreso, 2-1-1912). Os parroquianos, como indicamos, houberon de agardar até a década dos corenta para iluminarse con lámpadas candentes.

O correspondente en Cerdedo do xornal pontevedrés Progreso , na edición do mércores 24 de xullo de 1912 (en portada), deixou testemuño do acontecemento histórico:

"[...] La fábrica de la luz eléctrica está enclavada a corta distancia del pueblo, y en el punto denominado "Torre dos Mouros".

El inteligente mecánico de la fábrica de Dorna, D. Enrique de Francisco, ha sido el encargado de montar la maquinaria, así como el tendido de los cables conductores.

El domingo último se ha celebrado la inauguración del nuevo alumbrado.

El Sr. Bugallo obsequió, en las postrimerías de la tarde, a sus numerosas relaciones con un espléndido "lunch". [...]

Frente a su casa apiñóse un gentío muy crecido formado por los vecinos de Cerdedo y pueblos colindantes. Se organizó un animadísimo paseo que se prolongó hasta las primeras horas de la madrugada, amenizado por la banda del municipio, luciendo varios focos eléctricos de gran potencia en la casa del señor Bugallo, que iluminaban intensamente las inmediaciones donde aquel tenía lugar..."

En outubro de 1912, Secundino Bugallo pagou polo "imposto de iluminación" 18'33 pesetas. En febreiro de 1914, o importe foi de 19'82 pesetas.

Malia anunciar na prensa de xeito recorrente a súa intención de vender a hidroeléctrica, aínda en decembro de 1931, o xornal pontevedrés Progreso informaba que a Deputación de Pontevedra lle concedera ao ex-alcalde Secundino Bugallo Sieiro autorización para a instalación dunha liña de transporte de enerxía eléctrica que dende a central de Cerdedo fornecese "fuerza y luz" a Vilapouca, Folgoso, Figueiroa e Quireza.

Gonzalo Bugallo (fillo do prócer) e mais a súa criada, unha muller de nome Preciosa, eran as persoas encargadas de manter en funcionamento o xerador eléctrico da Torre dos Mouros. Cumpría, daquela, pernoctar naquel afastado lugar. Tras o temperán falecemento de Gonzalo (nos anos corenta), Preciosa asumiu en solitario a responsabilidade de "fabricar" a luz. Así e todo, suxestionada pola penumbra, contoulle a quen a quixo escoitar que, a cada pouco, no mansío da noite, sentía o defunto ora chamar por ela ora petar na porta do enxeño.

Miña nai, María do Carme, nada na casa das Raposeiras en 1932, lembra como Isolina e Xosefa Márquez (súa nai e súa madriña) optaron na escura posguerra pola prodixiosa claridade: "Puxeron bombillas por toda a casa, unha en cadanseu cuarto, e tamén unha na porta da eira e outra na porta do curral". Mi madre conta que, cos seus dez aniños, rematada a instalación, agardou que escurecese e baixou na compaña de alguén até o predio coñecido polos Pegos, no fondal de Meilide, para contemplar dende a distancia "a casa toda iluminada e a luminaria de Meilide". Fermoso espectáculo: "A casa parecía un barco na noite".

Co tempo, a distribución, farol a farol, da iluminación pública (no argot, punto de luz) engadiuse á praxe coercitiva da política caciquil. A ecuación era (e segue sendo) ben sinxela: cantas máis luces arden arredor da túa casa, mellor te levas co alcalde ou, o que é o mesmo, máis calas os seus desmandos. Malia satisfacer puntalmente os impostos municipais, na casa das Raposeiras hai anos que as noites recuperaron o encanto da prehistoria.

A medida que as congostras e as encrucilladas se ían dotando de farois, a Pantalla (Santa Compaña), coma o lobo, foi vendo reducido o seu territorio.

Na fotografía aérea obtida polo Voo Americano de 1956-57, a Fábrica da Luz de D. Secundino, a pesar do desuso, aínda é doadamente identificábel. En 1989, a firma Hidroeléctrica de Forcadas puxo en funcionamento una minicentral hidroeléctrica, ampliando en anchura e lonxitude a levada existente dende o encoro do Pego. As obras de construción das sucesivas canalizacións provocaron, con certeza, a desaparición dun significativo gravado rupestre (motivos alfabetiformes) documentado por Luís de la Riega no seu libro El río Lérez (1892).

A defunta señora Obdulia Camiña, Obdulia de María de Barro, sempre me tivo en boa estima. Herdei a benquerenza de meu pai, que arreo traballou para ela sendo neno e mozo. Como patroa disque era unha muller moi farturenta, cociñando para os xornaleiros a súa famosa "ficholada" (ovos, chourizos e patacas fritidos na tixola), prato que eu, de cando en cando, pido que me preparen no restaurante O Meu Lar, por aquilo de acalmar o apetito e a nostalxia.

A señora Obdulia, muller nonaxenaria, visitoume a cada pouco mentres permanecín de okupa na casa do Gheiteiro, naquel Abelaíndo de finais dos oitenta. Dende a soleira da porta, berraba por min: "Solla, Solla!!". Segundo souben despois, a señora Obdulia pensaba que fuxira de onda meus pais e, preocupada pola miña mantenza, ateigaba a aba do mandil con froitas e froitos gorentosos: mazás, peras, figos, castañas do canizo...

Nunha ocasión, despois de envorcar o agarimoso e nutritivo tributo do seu mantelo na mesa da cociña, pediume que a acompañase. Guioume en silencio deica a súa humilde morada, despechou a porta, entrou, ordenoume entrar e aconchegou a porta tras de min. Os ollos demoraron en afacerse ás tebras do habitáculo. A lareira, onde esmuxicaba o remol, non tiña cambota. O fume ascendía pousón, vernizando de parruma trabes, cangos e ripas, a escasa moblaxe, as pezas soltas da vaixela... Aquela atmosfera densa axiña me fixo esbagoar, reprimín a tose. Cando me tivo de face, falou empregando o ton de quen vai revelar un segredo transcendental: "Dálle a esa ficha, dálle". Revireime e, aparafusado a unha tarrancha, descubrín un pequeno e feluxento interruptor. Premín nel e, de súpeto, da negrura das paredes agromou o luceiro dunha bombilla de 40 W amortuxada polo charrizo. A escuridade da cociña non se inmutou. Mirei para a vella cun sorriso comprensivo nos beizos. O sorriso que me devolveu iluminou de vez aquela lóbrega estancia coa potencia do faro de Fisterra.

E fíxose a luz, e viu Deus que a luz era boa.

Compartir el artículo

stats