É, sen dúbida, o personaxe máis imitado do Entroido deste ano. Ao presidente dos Estados Unidos, Donald Trump, sáenlle clons en todos os desfiles de disfraces, e non se sabe se é polo seu particular tupé, a proba de refachos de vento de 180 kilómetros por hora, ou polo seu discurso rancio e a medio camiño da demagoxia, o racismo e calquera tipo de intolerancia. Así que este persoeiro non podía faltar nas arengas do Alto dos Xenerais da Bandeira. As coplas que mereceu o político desataron as risas de todo o público, que tamén disfrutou das referencias ós 300 días que botou España durante o ano pasado sen que se formase goberno ou, xa no ámbito local, dos cambios aos que tivo que someterse a rúa Lourás, precisamente na Bandeira, para dispoñer primeiro dun carril bici e despois ter que renunciar a algúns tramos deste para, a cambio, contar con máis prazas de aparcamento. Este ano, entre nenos e adultos, participaron 18 personas no Alto. Son, sen dúbida, a principal atracción do Entroido da Bandeira. Pero a vila conta, dende vello, con outros reclamos que ao longo do día invitan a vivir o seu carnaval. Así, pola mañá, tivo lugar o pasarrúas cos cabezudos, ao que seguiu unha representación con Títeres Cachirulo, As Xeneralas da Ulla, que tamén puido verse noutras localidades nas que se mantén vivo o Entroido da comarca do mesmo nome. A actuación tivo lugar na Praza de Juan Salgueiro. Pola tarde organizouse o desfile e, xa ben entrada a noite, houbo un baile de disfraces no pavillón, amenizado polo dúo Diseño e o trío Manhattan. A entrega de premios, 1.600 euros en total, foi case xa de madrugada.

Salgueiros, a próxima cita

Na comarca poderase disfrutar dun novo Alto dos Xenerais na parroquia cruceña de Salgueiros. Será o vindeiro domingo, 5 de marzo, a partires das 16.00 horas. Por primeira vez en moitos anos, en Piloño, tamén en Vila de Cruces, hoxe non se festexa o seu Entroido. Desde a asociación Cornamentas de Piloño explícase que faltou xente, e tempo, para organizalo.