Tacóns, faldas longas ou curtas, e incluso tocados, para eles. Bigotes, tirantes e boinas para elas. Non, non é a tendencia para a próxima primavera-verán. É o estilo que predominaba onte polas rúas de Lalín, con motivo do Vermú de Señoritas. A cita está xa consolidada no programa de Entroido da capital dezá, e conta cada vez con máis adeptos, que ano tras ano van pulindo o seu estilo nisto de transformarse, por un día, no xénero oposto. Iso si, moitos dos varóns decidiron manter a barba á hora de converterse en 'señorita', e máis dun seguro que tentou emular ao actor Dani Rovira e o seu paseo en tacóns na última gala dos Premios Goya.

A quedada arrincou xusto a mediodía no Café de Camilo, para ir percorrendo varios dos bares e cafeterías do casco urbano. Non faltou a visita obrigada á estatua da porca na rúa Colón. Eles e elas, transformados en elas e eles, misturáronse cos postos de verduras e hortalizas que se asentan cada sábado nas rúas lalinenses, e moitos dos participantes disfrutaron despois dun churrasco en común.

A festa en Lalín continou pola noite, da man do colectivo O Naranxo. Como todo sábado de Entroido, Santo Torrisco saiu en procesión polas rúas lalinenses, desde o bar A Tasca, que custodia esta imaxe desde o peche, xa hai anos, do pub Barriga Verde. A procesión máis pagana da comarca é sinónimo de coplas. Algúns versos falan de que "o fútbol presídeo un crego/ o casino un comunista/ o concello Pepe Crespo/da man dun clarinetista". O novo párroco de Lalín, Marcos Torres, e as súas recentes declaracións, tampoco escapan á crítica: "Xa temos un novo cura/e comeza blasfemando/di que Messi é coma un deus/ pero máis grande é Cristiano". A vinculación do cuatripartito co caso das firmas falsas do Corpiño relátase moi ben con "Segue o alcalde co censo/e para gañar un veciño/ puxo a Luis Madriñán Crespo/na parroquia do Corpilño".Hai espazo, tamén, para a nova biblioteca: "Xa temos na biblioteca/ espazos de esparcemento/anda a rubia agobiada/pensando Onde me sento?".