Un total de 33 traballos foron presentados para participar no XXIII Premio de Xornalismo Gastronómico Álvaro Cunqueiro, que pechou o prazo de entrega de candidaturas o 18 de xaneiro. Este certame que organiza cada ano o Concello de Lalín como actividade complementaria da Feira do Cocido, ten a finalidade fomentar a difusión da cociña galega e recoñecer o labor realizado por estudantes, xornalistas e escritores que prestaron especial atención ao tema. Nesta edición contan cunha dotación económica de 5.000 euros.

Entre a listaxe de candidaturas, 16 pertencen á categoría absoluta, mentres os restantes 17 entran dentro da sección de traballos académicos. Asimesmo, entre a nómina de publicacións recibidas, encóntranse dende contidos multimedia en páxinas web, ata programas radiofónicos e televisivos, libros, artigos xornalísticos en prensa ou diferentes traballos académicos. A maior parte das obras procede do propio territorio galego, aínda que tamén optan ao premio candidaturas chegadas dende Castela A Mancha, Ceuta, Tenerife, Madrid ou Puerto Rico, entre outros.

Reunión do xurado

Os 33 traballos xa foron distribuídos para a súa análise entre os membros do xurado, que ten previsto reunirse o vindeiro 6 de febreiro para deliberar o fallo. Este tribunal está composto por persoeiros do mundo do xornalismo de recoñecido prestixio, entre os que están os decanos das facultades de comunicación de Galicia, representantes do Colexio de Xornalistas ou un dos gañadores da pasada edición. Os galardoados recollerán os premios no transcurso do Luar especial do Cocido, que se emitirá en directo pola Televisión de Galicia dende o plató de Montouto (Teo) o venres 17 de febreiro.

Hai un primeiro premio de 3.000 euros para o mellor traballo presentado entre todas as categorías; un segundo de 1.000 euros para o traballo que distinga o xurado tamén entre todas as seccións; e un terceiro, tamén de 1.000 euros, para o mellor traballo presentado por estudantes de Xornalismo, Publicidade ou Comunicación Audiovisual de toda a xeografía nacional co fin de potenciar os novos valores da profesión xornalística.