Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Antonio Sueiro Cadavide, o mellor alcalde de Cerdedo (III)

O 12 de xuño de 1931 faise cargo do goberno. Prioriza a educación, abrindo escolas mixtas, sen esquecer as obras públicas

Aspecto actual da Casa do Pobo de Deán (Figueiroa).

A nivel estatal, o éxito das candidaturas da Conxunción Republicano-socialista nos comicios do 12 de abril do 31 posibilitou o exilio de Alfonso XIII e a proclamación da II República. Nas eleccións constituíntes dese mesmo ano, o PRRS converteuse na terceira forza política das Cortes españolas.

Aínda que o PRRS non contemplaba o marxismo no seu ideario, os radical-socialistas cerdedenses sempre se posicionaron ideoloxicamente perto das teses daquel PSOE dos anos trinta. Isto explica, en Cerdedo, a cordialidade e boa sintonía existente entre os representantes das forzas políticas da esquerda. Alén das ideas, aquela colaboración, desinteresada e inmune ao devezo de poder (servir e non servirse), fundamentábase na amizade.

Instaurado o novo réxime, os once concelleiros republicano-agraristas proclamados en Cerdedo polo artigo 29 (é dicir, sen concurso electoral) non adiarán expresar o seu desacordo coa presenza na Corporación dos dous concelleiros monárquicos, representantes da vella política e contrarios ao novo réxime. Co Decreto de 13 de maio de 1931 (Gaceta de Madrid do día 14), o Goberno Provisional da República permitirá a repetición das eleccións municipais naqueles concellos onde se incoara expediente de protesta.

O 1º de maio de 1931, o Centro Republicano Radical-Socialista de Cerdedo organiza na localidade a Festa do Traballo. Ao berro de "Viva a República!!", centos de homes e mulleres dirixen os seus pasos cara á aldea de Deán. Amais de bandeirolas e estandartes, moitas mulleres portan baloiras adobiadas na punta con acios de mazarocas de millo.

Ás portas da Casa do Pobo, tomaría a palabra Antonio Sueiro Cadavide. A piques de ser confirmado na alcaldía, Antonio do Lagharto, exhibindo con oufanía os estandartes agrarios, fala en representación dos radical-socialistas de Cerdedo e, asemade, como presidente do colectivo Recreo e Instrucción de Limeres: "Nuestro estandarte está hecho girones por la lucha de muchos años en pro de la emancipación de las clases trabajadoras. Pido el concurso de todos para agruparnos en torno a nuestro emblema, para redoblar la potencia que da siempre la unión de los que luchan por emanciparse!!".

El Pueblo Gallego do xoves 7 de maio de 1931 (páx. 9) engade: "Al concluirse el mitin, el orfeón del Grupo Republicano, que dirige don Antonio Alonso (Ríos), interpretó con sumo gusto "La Internacional", "La Commune" y el "Himno Socialista", habiendo cosechado aplausos de entusiasmo. Contribuyó al lucimiento de este acto la afinada banda de música que dirige don Francisco Cerdeira que con todo desinterés se presentó a amenizar el momento, interpretando "La Marsellesa" y el "Himno de Riego"".

Símbolo do Cerdedo labrego, obreiro e artesán, do Cerdedo ceibe e irredutíbel, o local social de Deán, sufragado coas cotas dos residentes e mais dos emigrados e inaugurado en febreiro de 1907, foi espoliado e incendiado polos fascistas cerdedenses na enxurrada do 36.

O 31 de maio de 1931, repetiranse en Cerdedo as eleccións municipais. Os trece candidatos presentados polo Partido Republicano Radical Socialista son proclamados polo artigo 29 (tampouco houbo proceso electoral). Os radical-socialistas, liderados por Antonio Sueiro, faranse coa alcaldía de Cerdedo.

Os inapelábeis resultados colleitados polo PRRS nas eleccións municipais do 31 de maio de 1931, malia as manobras do caciquismo, propiciaron o cambio de rumbo no goberno cerdedense.

En El Pueblo Gallego do venres 12 de xuño de 1931 (páx. 9), atopamos a nova da toma do nomeamento de Antonio Sueiro Cadavide como alcalde de Cerdedo. Na alcaldía, Antonio Sueiro arrodeouse de xente experiente e de confianza como Luciano García Ventín e Manuel Gamallo Bugallo (tenentes de alcalde). Francisco Varela Garrido Pancho sería nomeado xuíz municipal. A xestión da economía confióuselle ao eficiente secretario Carlos González Estévez, oriúndo de Tui. A praza situada a carón da igrexa de Cerdedo (hoxe, dedicada ao crego Fernando García Leiro) pasa a denominarse praza da República. A ruela que, dende a estrada xeral, dá acceso á devandita praza bautizouse co nome de Fermín Galán, mártir pola causa republicana.

Antonio Sueiro Cadavide farase cargo do goberno de Cerdedo durante os períodos: xuño de 1931-decembro de 1932, abril de 1933-outubro de 1934 e febreiro-xullo de 1936.

Coa esquerda rexendo no Concello, e case sen acougo, os cerdedenses enfrontan con ilusión a nova xeira electoral. No horizonte albíscanse as eleccións xerais do 28 de xuño que, asemade, posúen o rango de constituíntes.

Consonte os datos publicados polo xornal El Pueblo Gallego (2-7-1931), o pobo de Cerdedo apoiou maioritariamente as candidaturas da Federación Republicana Galega~ORGA (organización autonomista de esquerdas na que, nesa altura, se integraba o Partido Republicano Radical Socialista) e mais as candidaturas do PSOE. 28 cerdedenses déronlle o seu voto a Afonso Rodríguez Castelao.

O 9 de decembro de 1931, após tres meses e doce días de intensos debates, as Cortes decretan e sancionan unha nova carta magna. Bota a andar a Constitución republicana de 1931.

A enchente de reformas que Manuel Azaña, á fronte do Consello de Ministros, dispón no principiar do ano 1932, reviran España coma un peúgo. No eido dos dereitos sociais, os cerdedenses, instalados aínda no Antigo Réxime, experimentan o vendaval da modernidade: secularización dos cemiterios (propiedade municipal das necrópoles), matrimonio civil, Lei do divorcio...

En maio de 1933, as Cortes promulgarán a Lei de confesións e congregacións relixiosas: "De acuerdo con la Constitución, la libertad de conciencia, la práctica y la abstención de actividades religiosas quedan garantizadas en España".

Á fronte do consistorio e fiel aos seus principios, o alcalde Antonio Sueiro prioriza a educación, prodigándose na apertura de escolas, boa parte delas, mixtas: Cerdedo, Barro de Arén, Carballás, Pedre, O Serrapio, Figueiroa, San Martiño, Loureiro, Deán, Filgueira, Mamoalba...; porén, non esquece os necesarios investimentos en obras públicas: pontes, fontes, vías de comunicación... Baixo o seu mandato, concluirase a estrada de Presqueiras-San Domingos, o camiño de A Devesa-Cruceiro de Antas con rampla de acceso a Vilar...; e construirase a ponte de Arén que, xunto coas medievais de Cerdedo, Pedre e Parada, constitúen a arquitectura civil máis notábel de Cerdedo.

Práceme pensar que a magnífica ponte de Arén, construída pola cuadrilla de canteiros de Xosé Benito García (hoxe comesta pola matogueira), foi o xeito de concretar en Cerdedo a emoción que Antonio Sueiro experimentara ao contemplar as obras de Carquinez Bridge, no arredamento californiano. A ponte de Arén, sobre o río do Castro, facilitou a comunicación da parroquia cerdedense con Soutelo de Montes (feira de sona).

Continuará...

Compartir el artículo

stats