Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Adenda ás Neveiras de Fixó

A máis antiga foi realizada no ano 1624 por orden do cabido de Santiago, que decidiu facer a segunda a carón da outra en 1685

Visita da directora de Turismo Galicia e da alcaldesa de Forcarei ás Neveiras de Fixó. // Bernabé / Adrián Rei

A neveira máis antiga de Fixó foi realizada no ano 1624 por orde do cabido de Santiago, en concreto do cóengo fabriqueiro e cardeal Calle co permiso do Mosteiro de Aciveiro no monte chamado Orxas. Este cardeal regalaría logo unha casulla e outros obxectos para a igrexa de Millerada.

Fixeron o pozo da neveira e máis a súa manufactura os canteiros Gregorio das Penas, o seu neto Pedro das Penas e Alonso Oxea, veciños da parroquia da Madanela. Outro Gregorio das Penas, veciño de Ventoxo, ou o xa citado -pero ubicado mal por confusión, xa que Soutelo de Medio pertencía a Ventoxo e Soutelo de Arriba á Madanela- que faleceu sobre 1655, "había cogido la madera para ella [a neveira] y otros reparos y que la había armado y cubierto y tejado y que por el coste de todo esto le diera dicho cabildo cien ducados y que la había hecho".

"La nevera estaba cubierta de teja y estaba cercada alredor con una cerca de piedra y robles y está junto a ella una casa hecha por el cabildo". En efecto, tras facer a neveira co seu valado protector, ao pouco plantáronse carballos arredor (para darlle sombra) e fíxose tamén unha casa onde vivía o "neveiro" que coidaba da neveira. Alí viviron os neveiros Juan Bértolo, de Fixó, o seu xenro Manuel ¿Arce?, Esteban Bértolo, Isidoro Fortes, veciño de Vilariño, e Simón das Penas, que era o neveiro en 1685. O neveiro tiña xunto á casa unha presa de auga, unha pequena horta e, facendo unhas estivadas, tamén sementaba trigo, millo miúdo e liño. Logo sobre 1677 no monte de Orxas e a carón das neveiras fixéronse uns alpendres.

Curiosamente en 1668 a dito Simón das Penas fíxolle o mosteiro un foro sobre unhas herdades na Madanela e unha das condicións era que non podía facer neveiras.

Os veciños de Millarada, en concreto os de Vilariño e os de Vilar da Edreira (Fixó), e da Madanela levaban no verán a pastar o seu gando a este monte de Orxas, ao de Boca de Uceiras e ao dos Barreiros, e mesmo facían estivadas, e algúns veciños de Quintelas e de Fixó ían cavar e limpar o monte por orde do cabido, que lles pagaba un xornal.

O 25 de outubro de 1685 o cabido deu poder ao cóengo Juan Antonio Saavedra Castillo para axustar e contratar para facer unha nova neveira na xurisdición de Montes, que este mandou facer a carón da que xa tiña, traballando nela Juan de Seara, veciño de Covas (Forcarei), Pedro Pose, de Garellas, e Pedro Camiña, de Presqueiras.

Cando se fixo esta segunda neveira, o mosteiro puxo preito contra o cabido, pero neste caso nos se discute se o mosteiro tiña o monopolio das neveiras, como cando disputaron en 1665 polas neveiras feitas en 1661 no monte do Toural en Meavía, senón que se discute a propiedade deste monte. Dise que hai vinte anos xa houbo outro preito sobre o mesmo asunto, pero non se aclara se foi por unha neveira neste monte ou se se fai referencia á de Meavía.

Os veciños propostos polo cabido din que a maioría dos montes eran propiedade do arcebispo e que os montes que tiña o mosteiro estaban preto do convento e limitados por unha liña que ía desde o marco "del Campo de la Sierra y desde allí sube derecho a Forno telleiro y de ahí a la Tierra partida todo hacía el monasterio y lugar de Vilaverde". Mentres que as testemuñas propostas polo mosteiro din todo o contrario. O mosteiro ademais presenta un apeo e uns foros feitos en 1593 nos que aparece este monte de Orxas como anexo ao lugar de Vilariño e que o mosteiro aforaba. En realidade a loita pola titularidade dos montes da xurisdición de montes e mesmo pola xurisdición destas terras estivo sempre cuestionada polo arcebispado e polo mosteiro.

As neveiras propias do mosteiro e feitas sobre 1610 estaban en Lamasgalán (Aciveiro).

Compartir el artículo

stats