Roteiros de Lalín celebrou onte a súa undécima camiñata. Ao redor de 130 persoas cubriron a pé o Camiño do Corpiño desde o Pazo de Liñares e, entre elas, non só había xente de distintos territorios de Deza, senón tamén chegada doutras comarcas de Galicia.

Baixo un apacible sol de outono, os participantes percorreron 12 quilómetros na variante curta e 18 na longa. A andaina partiu do Pazo de Liñares -berce do aviador Joaquín Loriga- e continuou por Prado, Noceda, Madriñán, Anzo e Losón -na súa igrexa parroquial está soterrado o mencionado fillo ilustre de Lalín-, se ben o recorrido rematou no santuario do Corpiño.

O Camiño do Corpiño sorprendeu pola súa riqueza patrimonial, etnográfica e paisaxística. Foron visitadas as igrexas de Noceda, Madriñán, Anzo e Losón, todas de gran mérito artístico e arquitectónico, e puideron verse grandes casas fidalgas e de aldea, como os pazos de Anzuxao e de Golmar. Chamaron a atención os conxuntos singulares de Vilar do Río e Noceda de Abaixo, cos seus escudos e datas fundacionais das casas. En Madriñán, os camiñantes admiraron o seu impresionante cruceiro. Numerosos muíños e castros, especialmente o de Losón, foron outros atractivos. No aspecto paisaxístico, destacan a devesa de Liñares, as carballeiras de Prado ou a pequena fervenza que fai o rego de Busto no tramo de Agrazán.

Roteiros incorporou a promoción de produtos gastronómicos de calidade, grazas á aportación de Pazo de Anzuxao, Cárnicas Anzo e Panadería Brea, e os participantes degustaron unha ración de callos ofrecida polo restaurante Sanmartín. A organización agradece a colaboración aos voluntarios, en especial aos de Aspadeza, pola sinalización, así como "a magnífica acollida" de toda a veciñanza dos lugares polos que pasou a ruta, con mención á xente de Noceda pola instalación do avituallamento.

A seguinte camiñata, en colaboración cos veciños da Xesta, será, posiblemente, o 27 de xaneiro de 2017.