Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

As Neveiras de Fixó

O mosteiro de Aciveiro fixo dúas sobre 1610 e permitiu outras dúas pero preiteou contra outras en Quintillán

Unha imaxe da Neveira 2 de Fixó, de 4,5 metros frente ós 8 da 1, trala escavación. // Bernabé / Ana Bazal

Lemos no FARO DE VIGO que nas últimas semanas o Concello de Forcarei en colaboración coa Axencia de Turismo de Galicia está a rehabilitar as Neveiras de Fixó e prepara visitas ás escavacións. Cómpre pois engadir algún dato sobre estas neveiras, sacado duns preitos na Real Audiencia de Galicia, pois aínda que se supón que ditas neveiras pertencían ao mosteiro de Aciveiro, non é así, pois pertencían ao cabido e arcebispado de Santiago. As do mosteiro estaban en Lamasgalán (Aciveiro).

Neles cóntase que o mosteiro de Aciveiro fixo dúas neveiras sobre o ano 1610, de onde sacaban "neve" que trasladaban a Santiago e Pontevedra. Dez anos máis tarde o cabido de Santiago pediu licenza e consentimento ao mosteiro de Aciveiro para facer unha neveira, que lle permitiu facela, xa que o mosteiro de Acibeiro tiña o dereito de prohibir facer neveiras nun contorno de catro légoas, é dicir, duns vinte ou vinte e un quilómetros. A neveira do cabido estaba situada no monte "Orxas" que pertencía a Vilariño e a Edreira -hoxe un barrio de Fixó-, ambos na parroquia de Millerada, segundo lemos tamén no Tumbo Grande de Aciveiro. Logo sobre 1650 o comisario Roca (non se dan máis datos) conseguiu facer outra neveira grazas á orde da Real Audiencia de Galicia.

Por iso cando no mes de decembro de 1661 Gonzalo de Caramés, veciño de Meavía, fixo outra neveira, o mosteiro de Aciveiro iniciou un preito pois dicía que aqueles montes pertencían ao mosteiro. Porén Gonzalo de Caramés argumenta que a neveira que fixo estaba no monte de Toural xunto á aldea de Campo (Meavía) e estas terras pertencían ao arcebispo. En efecto parece que o promotor desta neveira era o arcebispo Pedro Carrillo de Acuña, polo que mandou a un xuíz eclesiástico para que comparecese na causa.

Para demostrar que estas terras estaban aforadas polo arcebispo, preséntase unha escritura de foro feita en 1636 en tempos do arcebispo Espínola no que se detallan as herdades polas que se pagaban dezaoito ferrados de centeo á torre e meirindade de A Barreira e catro ao mordomo de Tabeirós. As leiras e montes que se aforaban eran varios: "Item más la heredad da Torre que llevará de sembradura una anega de pan poco más o menos que linda por la parte del norte con el camino real que va de Santiago a Orense y por la parte de vendaval con el río y puente de san Lorenzo [?] Item el monte que llaman de Toural [?] y otra llamada Figueiriña que confina con el lugar de Outeiro", etc.

Curiosamente os veciños de Quintillán estaban obrigados a levar neve a Pontevedra para servizo do exército, pero a cambio estaban exentos de ir "a campaña". En fin, ao mosteiro non lle interesaba que se creasen máis neveiras por interese económico, mentres que Gonzalo alegaba que as novas neveiras favorecían aos veciños por estar máis cerca de Pontevedra, xa que cando había pouca neve tiñan que ir buscala á Lama "provincia de Ourense".

Pero en 1685 o cabido tentou de novo facer outra neveira no mesmo sitio que o intentara había 24 anos, pois volvía a dicir que os terreos eran seus e que alí mesmo se podían facer ata catro neveiras. É entón cando se nos di que a neveira antiga do cabido estaba rodeada dun valado e moitos carballos arredor e xunto a ela vivía Simón das Penas nunha casa posta polo cabido e que antes viviron alí outros máis para coidar da neveira.

Polo tanto unha neveira dataría de 1620, máis ou menos, outra de 1661 e posiblemente outra en 1685, aínda que non se di que estivera rematada. Mentres que as dúas neveiras que tiña o mosteiro estaban en Lamasgalán (Aciveiro) a "casi una legua" (a uns catro quilómetros) das do cabido de Santiago.

Felicitamos pois ao concello de Forcarei por esta actuación e desexamos que non perda folgos en continuar esta empresa.

Compartir el artículo

stats