Mañá será a Fundación Xosé Neira Vilas a que organice diversos actos para conmemorar o primeiro ano do pasamento do literato. Ás 18.00 horas, está prevista a presentación dun número especial da revista Raigame, adicada á vida e obra do autor cruceño. Non é a primeira vez que Neira Vilas é o tema central desta publicación, posto que xa o fora no ano 2011, con motivo do 50 aniversario da publicación de Memorias dun neno labrego. A revista está editada polo Centro de Cultura Popular Xaquín Lorenzo, da Deputación de Ourense. Por iso, acudirán ao acto Xulio Fernández Senra, da dirección desta publicación, e Manuel Doval Soto, deputado de Cultura en Ourense. Tamén estarán presentes o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; o alcalde de Cruces, Jesús Otero; e o presidente da Deputación, Luis Reimóndez, ademais de Carlos Seijo, director do documental Espantallo amigo, que tamén se proxectará durante a tarde. Este traballo é unha entrevista a Neira Vilas que se combina coa narración do relato sobre un espantallo que se fai amigo dos corvos.