Son numerosos os proxectos que deixou abertos Xosé Neira Vilas ao seu falecemento, do que mañá se cumpre un ano. Unha desas obras que agardaban a ver a luz é Quique na aldea, que se presentou onte na Fundación que leva o seu nome, en Gres (Vila de Cruces). Á presentación acudiu o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, así como o artista Roi Casal e un grupo de alumnos dos colexios de Piloño, Vedra e Boqueixón, vestidos coma os nenos de comezos do século pasado.

O libro está editado por Volanda e tén 32 páxinas, nas que se relata a historia de Quique, un neno que vive nunha vila e que descobre todos os encantos da aldea grazas a un verán que pasa cos avós. Varios dos nenos leron algúns dos poemas que recolle este volume, mentres que durante a súa intervención, Feijóo afirmou que "hai xente que non tivo a sorte de nacer no rural, como Quique, e é moi bo que a xente da cidade o veña coñecer". O acto, organizado pola Xunta, non podía pasar sen ter unhas palabras de recoñecemento para o autor das memorias do neno labrego máis coñecido fóra de Galicia. "Neira Vilas foi unha persoa que nunca se esqueceu da súa aldea, nin de Gres, nin de Galicia, nin da paisaxe", afirmou o presidente da Xunta, quen tamén deu unha serie de consellos aos nenos que estaban presentes. "A Neira Vilas o que lle gustaría é que leades, que medredes en libertade e con coñecemento", afirmou, engadindo que "a diferencia entre un can de palleiro e nós é que nós sabemos ler".

Este acto da Xunta forma parte do programa de eventos co que se conmemora o primeiro ano do pasamento do xenial escritor. Hoxe pola tarde (18.45 horas) na capela de Gres terá lugar a misa de cabodano, á que acudirá a familia e aqueles coñecidos que gardaban unha estreita relación co escritor cruceño.