Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

O Cerdedo romano e outros "complexos"

Unha ollada á campaña e descubrimentos de"Coñeza Cerdedo", posta en marcha polo goberno municipal

Cartel que anuncia o "Complexo romano de San Antón", en Cerdedo.

O Antigo Réxime despediuse de Cerdedo enchendo as encrucilladas e beiravías do ex-concello de paneis e sinaladores. A serodia tentativa de promoción turística, filla, con todo, da présa ou da desesperación, responde unha vez máis á sempiterna estratexia do "facer que se fai". A campaña "Coñeza Cerdedo" (2016), argallada pola autoridade en resposta á nosa e retranqueira "Cerdedo: Descúbreo por ti mesmo" (2015), só confirma que os de Capitán Gosende volvemos meter o dedo na chaga.

Non obstante, Cerdedo atesoura moitos máis atractivos dos que foron merecentes de indicativo e os bens escolleitos apóianse en textos que, máis ca explicar, desinforman e atrapallan os nosos visitantes. Nos ditos paneis, Cerdedo aínda figura como concello soberano.

O chocalleiro "Complejo Romano de San Antón" que, inmortalizado na propaganda oficial, ferve nas redes sociais, é un claro exemplo de ignorancia e desapego, feitío da política de perfil baixo que fixo crebar o noso malfadado municipio. Calquera alumno da ESO, sen dificultade, é quen de discernir que nin a ponte nin a capela de Santo Antonio (Cerdedo) nin a ponte de Pedre son de época romana. Na mesma liña, non posuímos documentación que permita afirmar que o camiño enlousado, nomeado A Torrente, fose obra dos itálicos conquistadores ou infraestrutura daquel tempo. De calquera xeito, non é necesario que sexan contemporáneos a Octavio Augusto para aquilatar o seu mérito, pois ambas as dúas pontes son extraordinarios exemplos (mutatis mutandis) de arquitectura medieval, obra perdurábel dos nosos habelenciosos e desaparecidos canteiros.

Sen máis asesoramento e cos cartiños de todos, a autoridade cometeu o atrevemento de chantar a cartelaría "informativa" en lugares ben visíbeis, tentando atraer, co engano, os incautos que transitan pola N-541. De balde (témome que en balde), aconsellamos substituír a desafortunada indicación pola seguinte: "Conxunto histórico de Santo Antonio", en bo galego e na honra do santiño portugués.

Non quero insistir no xa publicado. Remítome á hemeroteca do Faro de Vigo e, en concreto, á edición do 3 de marzo de 2013: "A ponte de Santo Antonio de Cerdedo" e, verbo da ponte de Pedre, á edición do 13 de maio de 2013: "Capitán Gosende ao rescate da Pontapedre".

Deixando o asunto do Cerdedo romano "y sus complejos" e obviando a carallada das "cabañas en los árboles", provócame enfastío comprobar unha e mil veces que o tesouro patrimonial de Cerdedo (concello ou non) se reduza ás eslamiadas Eira Grande (Pedre), Eira da Pena (Cerdedo) e mais Eira da Ermida (Filgueira-Castro), desfiguradas por mor das desaxeitadísimas intervencións que nelas se levaron a cabo no pasado ou, no seu defecto, polo abandono presente. U-lo monte do Seixo (a Montaña Máxica)? U-la aldea vella de Vichocuntín? U-los xacementos castrexos?...

De novo, a expedita internet pasoulles por riba aos estrategas do silenciamento e/ou terxiversación en Cerdedo. Aquilo de "Cerdedo: Descúbreo por ti mesmo", lema da nosa modesta campaña de promoción turística, segue tendo plena vixencia. Mais, como se comproba, as súas manobras non foron quen de agochar os gozosos resultados da incesante pescuda arqueolóxica dos Gosendes. A por de insistir por canles tan indirectas coma eficaces, o colectivo Capitán Gosende conseguiu que a autoridade local (exista ou non) se dignase a sinalar os gravados rupestres (Laxa das Filloeiras I e II e Laxa da Romaxe I e II), descubertos pola "pandillita" no monte de Pedre en 2012 e 2015, respectivamente. Que foi do recorrente "Esas pedras non existen"?

Estamos moi orgullosos do noso humilde labor, porén, non podemos disimular o noso desabor polo que, a todas luces, supón a enésima mostra de ingratitude. Explícome.

A noite do 15 de novembro, membros do colectivo Capitán Gosende achegámonos ao sitio arqueolóxico da Laxa da Romaxe coa intención de fotografar os petróglifos baixo o influxo da lúa de forza. Concluída a frutífera sesión fotográfica e xa de retirada, foi moita a nosa sorpresa cando, non lonxe das insculturas, ao pé dunha devasa, descubrimos un outro panel "desinformativo".

De grandes dimensións, o letreiro combina texto, fotografías e debuxos das referidas estacións de arte rupestre.

No tocante ao texto (totum revolutum), reitérase a romanidade das pontes de Santo Antonio e Pedre, engadindo no haber dos arquitectos de Roma a igrexa parroquial de Santa Mariña de Tomonde. Lamentábel. Por se non fose abondo, aseverar que "o románico é protagonista en calquera recuncho cerdedense" é outra hipérbole innecesaria. Enxalzar o pazo das Raposeiras e, ao mesmo tempo, cualificalo de "pésima palleira" é un clamoroso oxímoro. Complexo de romano ou complexo de inferioridade?

Respecto ao parágrafo que identifica as ribeiras dos ríos Lérez, Castro e Seixo con "paisaxes que aínda non sufriron a transformación por parte do home", permítanme advertir os nosos visitantes da hidroeléctrica do Lérez, da hidroeléctrica do Castro e da traída de augas que, instalada recentemente no curso alto do río, deseca o caudal do Seixo.

Os apuntamentos gastronómicos (que todo vén a conto) non teñen desproveito. As carnes "procedentes dos animais criados no monte do Seixo", o xabaril como "prato estrela" e a "galiña ao sal" non son máis ca un falar por non estar calado. Dicir que o prato da galiña ao sal é "apenas coñecido no resto de Galicia" só se acepta se incluímos Cerdedo nese "resto de Galicia". E como colofón, a vincha. Por extenso poderiamos falar da "Festa Gastronómica da Vincha", iniciativa popular comandada polas afoutas mulleres da extinta asociación Espadela, mais, só anotarei que a súa desaparición (en 2011 e tras once edicións) foi longamente promovida polo propio Concello. "Comigo ou contra min".

Ao respecto dos parágrafos que pretenden glosar os gravados rupestres de Pedre, diremos que a súa redacción é froito dunha lectura apresurada das novas que o colectivo Capitán Gosende foi deluvando ao longo destes anos na prensa local e mais na Rede. Non se nos pediu razón, xa que logo, non nos facemos responsábeis da chambonada.

Aclaremos, por alusións, que non existen os petróglifos do Outeiro da Corva I e II e si, o petróglifo do Outeiro da Corva e os petróglifos das Corvas I e II (todos no monte de Pedre). A denominación correcta, amais de "Laxa das Filloeiras", é "petróglifo dos Castelos", respectando o microtopónimo, non "do Castelo". Os redactores, entre outros trucos, extraeron da chistera o chamado "petroglifo do Vilar". É tamén falso que os petróglifos se atopen "en terrenos montañosos de difícil acceso". De certo, carecen de toda sinalización e protección (inclúanse as mámoas). En conclusión: "Non os vaian ver, que non paga a pena"; "Cerdedo ten o seu patrimonio arqueolóxico a monte". Insistimos: "Cerdedo: Descúbreo por ti mesmo".

É especialmente engrazado o parágrafo que tenta explicar o porqué do nome da Laxa das Filloeiras: "Está formado por cazoletas circulares de diversos tamaños que pola súa semellanza coas filloas, bautizaron como Laxa das Filloeiras". A ver, sentidiño. Cualificar as "cazoletas" de "circulares" é salientar o evidente. As ditas fossettes, de dimensións inusuais, escasa profundidade e fondo plano, teñen semellanza cos filloeiras, a pedra de facer as filloas, non coas filloas. O verbo "bautizaron", desprovisto de suxeito, omite o nome dos innomeábeis: os de Capitán Gosende. Quen as bautizou logo? Os romanos talvez.

Sigamos. A denominación correcta é Laxa da Romaxe (I e II), non "Laxa da Romaxa" (aínda que rime en consonante). Tomen nota, déuselle esta denominación, na honra dos "Romeiros do Alén", as 2.000 persoas que o segundo sábado do pasado setembro acudiron á chamada de Capitán Gosende e celebraron no monte do Seixo a XXXIX Romaxe de Irimia. Nunca se viu outra en Cerdedo. Silencio.

É incerto que o gravado da Laxa da Romaxe II se compoña de "7 figuras xeométricas". Ende ben, o conxunto visíbel está formado por 23 elementos circulares.

É vulgaridade engadir que os petróglifos "resultan moi interesantes", pois equivale a dicir "que son muy bonitos".

Ocupémonos agora dos debuxos. O tal que aparece na parte superior, a carón do título "Petroglifos de Pedre", é unha copia, sen autorización, do deseño que Capitán Gosende fixo dos círculos concéntricos das Filloeiras en 2012 e que se publicou na prensa local (Faro de Vigo, 22-7-2012) e se difundiu por internet. Os debuxos que aparecen na parte inferior son unha ridícula invención. De existiren, os artífices do panel terían motivos abondos para nomealos, por aquilo de acrecer o campo semántico: "Laxa dos Bistéqueles ou das Patácolas ou Laxa dos Ovos Fritidos".

É tamén falso que as cazoletas, denominadas "filloeiras", estean arrodeadas "por cinco círculos concéntricos". Só hai que afastarse do panel uns cantos metros, pórse na vertical dos gravados con luz rasante e comprobalo. Penoso.

Parafraseando a Samaniego: "A un "panel" de rico mel, dúas mil moscas acudiron, que por alarbes morreron presas de patas nel". Eu engado: "De ben nacido é ser agradecido".

Compartir el artículo

stats