Os nove concellos de Deza e Tabeirós-Montes presentan nos seus escudos oficiais temáticas variadas alusivas á súa historia. As cores verdes (sinople) mandan na heráldica municipal. En case todos os blasóns está presente unha coroa real pechada, agás no do Concello de Lalín, na que no seu timbre aparece a coroa condal dos Andrade e de Vilalba.

O simbolismo destes escudos parte da necesidade histórica dos pobos por buscar ferramentas propias de autoidentificación. Pero os blasóns, non todos, tamén foron evolucionando na súa historia recente. Un exemplo válido é o de Lalín, xa que no actual xa non aparece a antiga torre medieval, que si estaba no blasón anterior. Algunhas destas referencias foron analizadas por coñecidos investigadores das dúas bisbarras especializados en heráldica. Nese anceio por delimitar un territorio propio a evolución dos elementos singulares da heráldica parten en casos desde o que na Idade Media se chamaban "escudos de guerra", que logo se homologaron como imaxes institucionais dos municipios. Nesta reseña histórica tamén se teñen en conta os cambios que houbo en concellos como Silleda ou Vila de Cruces, pois no primeiro caso o consistorio físico estaba na parroquia de Chapa e a capital cruceña era Carbia. A utilización destes escudos oficiais está reservada ás administracións públicas e non está permitida nin a súa difusión nin uso para outros fins e menos, sen permiso dos seus titulares legais.

Se todos os concellos teñen cadanseu escudo oficial, tres dos nove das dúas bisbarras carecen de bandeira. Son os tres máis pequenos de Deza: Rodeiro, Agolada e Dozón. Nas eseñas tamén, a cor verde, é a máis representativa, coas exepcións de Silleda, A Estrada e Cerdedo.