Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Romeiros do Alén, xente boa e xenerosa (I)

Crónica da XXXIX Romaxe de Irimia no monte do Seixo

O equipo encargado da loxística solventou con éxito a enchente prevista no Seixo.

Na mañá do sábado 10 de setembro, o lugar de Cerdedo viuse sorprendido polo incesante transitar de autobuses e turismos que, ateigados de xente e impulsados por unha chamada proveniente das alturas, viraban na Rampla e, sen paraxe nin acougo, principiaban a ascensión ao monte do Seixo.

O destino final era a chaira da Santa Mariña, feirón de antano (18 de xullo), situada por riba dos 900 m de altitude, predios monteses pertencentes ao concello de Cotobade e, en concreto, á Comunidade de Montes de Caroi. Moitas grazas, Xesús Fortes pola cesión do espazo. Alí, nas inmediacións da ermida que garda a imaxe da santa, advocación da montaña, agardábaos a infraestrutura física e humana que fixo posíbel a celebración da multitudinaria XXXIX Romaxe de Irimia no monte do Seixo. "Romeiros do Alén", inspirándonos na obra do antropólogo Marcial Gondar, foi o lema escolleito para esta edición de 2016.

Os voluntarios de Capitán Gosende, que xa tomaramos contacto coas vicisitudes do evento na edición de 2015 en Penas de Rodas (Outeiro de Rei), sabiamos que a xestión do aparcamento ía ser fundamental para o feliz desenvolvemento do acto. A loxística esixía, pois, designar un equipo específico para solventar con éxito a enchente prevista. Así mesmo, distribuídos ao longo do traxecto Cerdedo-monte do Seixo (Santa Mariña), permaneceron ao pé do canón os voluntarios da asociación Irimia, reforzando os sinaladores colocados estratexicamente por Capitán Gosende. Para esta tarefa, contouse co apoio de dúas patrullas da Garda Civil. Moitas grazas, Garda Civil de Cerdedo.

De véspera, para evitar atrancos, instalouse a ampla carpa que goreceu os devotos do viño, da empanada e do polbo á feira. Ao respecto, cómpre salientar a xenerosa e indispensábel colaboración do restaurante "O Meu Lar" de Cerdedo, establecemento hostaleiro que apoiou dende o primeiro momento a organización do evento. Moitas grazas, Lorena, Alexandra, Sara e Manolo. Así mesmo, tamén de véspera, dispúxose o grupo electróxeno, cortesía das Concellarías de Cultura do Morrazo (Cangas, Bueu e Moaña). "O Morrazo coa Cultura". Moitas grazas, irmán Héitor Mera.

No tocante aos estacionamentos, non se transixiu, e a zona habilitada para autobuses, a máis achegada ao punto de recepción, deulle cabida, en perfecta fileira, á vintena de vehículos longos que, provenientes dos catro puntos cardinais da Galiza, acadaron os cumes do Seixo. Esta operación tamén tivo en conta os espazos de carga e descarga solicitados polos vendedores ambulantes (téxtiles, rosquillas, libros, souvenirs...), o fornecemento do bar-restaurante, o aparcadoiro da ambulancia medicalizada e o aparcadoiro da camioneta de bombeiros. Moitas grazas, Protección Civil de Cotobade. Non lonxe, en batería, fóronse acomodando as ducias de coches particulares. A iso do mediodía, o número de romeiros congregados no Seixo xa roldaba os 2.000. Superáranse as previsións.

Outra das encomendas que cumpría resolver con eficacia era a da "acollida", é dicir, recibir os nosos visitantes cun agasallo culinario. Un equipo formado por membros dos colectivos Capitán Gosende e Canón de Pau foron que de preparar nas horas previas (e en tempo record) 1.500 petiscos, unha lambonada composta a base de galleta mariñeira, requeixo da Corredoira e mel do Paraño. Non quedaron nin as faragullas. As mil quiñentas galletas mariñeiras (ou pan mariñeiro) foron agasallo da elaboradora luguesa "Daveiga" (Chantada). Moitas grazas, Xosé Lois Lamazares.

Amais do corpo, a organización tamén creu oportuno alimentar o espírito e, daquela, canda a larpeirada, os romeiros levaron para a súa casa cadanseu marca-páxinas, ao tempo que as gaitas dos Trubincos do Batán entoaban pezas do repertorio tradicional. O deseño do marca-páxinas encargóuselle a João Bieites (colectivo Capitán Gosende) e foi impreso en Gráficas Rodoprint (Tenorio), fermoso e singular recordatorio dunha xornada irrepetíbel. Repartíronse perto de 1.500 marca-páxinas. No marca-páxinas reprodúcese o gravado rupestre denominado "Laxa da Romaxe I", descuberto no monte de Pedre polos exploradores de Capitán Gosende en outubro de 2015. O petróglifo representa talmente unha foliada de hai 4.000 anos. Nos labores de limpeza efectuados ao día seguinte no recinto festivo, só apareceron ciscados tres. Escusamos máis comentarios.

Xa que falamos de limpeza e acondicionamento, convén dicir que, nos días que antecederon a Romaxe, un equipo de Capitán Gosende retirou da redonda da Santa Mariña uns 200 quilos de lixo (botellas, plásticos, papeis...). Aquel espazo debía lucir en todo o seu esplendor para que os de fóra levasen unha boa imaxe de nós. Fagamos por manter o monte limpo, coa chatarra eólica temos abondo.

Os romeiros fóronse acomodando perto do escenario (habilitáranse máis de 200 cadeiras), non sen antes adquirir, no telderete de Irimia e por un módico prezo, o magnífico medallón conmemorativo e mais o texto da celebración. A alfaia, confeccionada en cerámica de Sargadelos, foi deseñada por Ana Santiso (colectivo Capitán Gosende). O medallón é, sen dúbida, unha peza singular, xa que, para a ocasión, Sargadelos aceptou empregar un motivo concibido por unha artista non vinculada á fábrica de Cervo: A peneda de Portalén contornada de dúas póliñas de toxo e mais da inscrición "Romeiros do Alén-Monte Seixo-2016". Para o texto da celebración, a directiva de Irimia depositou en Rubén Aramburu (asociación Irimia) e mais neste escribán a súa confianza, honra que asumimos gustantes e no que fixemos por propiciar a participación do público asistente.

Cara á unha da tarde deu comezo o acto. Mini e Mero, á fronte do celebérrimo grupo A Quenlla, aceleraron os corazóns de todos interpretando "Galicia", o poema de Manuel María musicado por Suso Vaamonde (canta xustiza feita!!). A seguir, deuse a calorosa benvida en vervo xido, na fala gremial dos canteiros (arghinas) de Montes: "Xidas luces, ghradeantes de Queicoanta...!!".

Conchi Pereiro, Alba da Revolta, Xabier Blanco e quen asina desenvolvemos, dende o palco, a función de "guieiros", póndolle voz emocionada ao sentimento de pertenza a unha Terra:

"Dende o monte do Seixo, cando o vento de riba limpa de nubes e neboeiros o horizonte, a terra rebole vizosa á nosa roda, o mar espellado reflicte, fite a fite, a súa miraxe e a cambota do ceo enche de feluxe azul os ollos de quen procura o acougo no infinito..."

"Achámonos novamente perante o espello do noso ricaz acervo cultural, beicidos pola nosa tradición inmorredoira; turrando dun presente de incertezas, anceiando un futuro de esplendor; reafirmándonos na venturosa condición de galegos, morgados desta Galiza imensa e, ao tempo, diminuída polo insoportábel designio de imbéciles e escuros..."

"Din as boas lendas que o monte do Seixo é un xigante durmido, un coloso foupeiro que abala e devala a súa magnitude ao ritmo pousado da respiración. A lenda é abofé metáfora acaída do noso país. Galiza, o pobo galego é un xigante durmido, un boi de palla, un almallo cachazudo que precisa, agora máis ca nunca, reaxir, espelirse, pórse en pé e puxar e escornar a eito..."

Continuará...

Compartir el artículo

stats