O I Premio Xosé Neira Vilas de novela curta xa ten gañador: David Daniel Vázquez Álvarez. O xurado decidiu por unanimidade premiar o traballo presentado baixo o título Diario de Brian, o chinés, que, unha vez aberta a plica, resultou ser da autoría do escritor ourensán, nacido o 6 agosto de 1953 en Arcos de Valdeorras (Vilamartín) e residente en O Barco de Valdeorras.

Os encargados da selección destacan a "alta calidade" das once obras presentadas a concurso, con propostas "ben plurais tanto no estético coma no temático". A tarefa de xulgar recaeu en Juan Andrés Fernández Castro, Rosalía Morlán, Armando Requeixo e Fernando Redondo, como secretario, reunidos todos na tarde do pasado venres baixo a presidencia de Luis Reimóndez. En Diario de Brian, o xurado valorou a capacidade para transmitir un mundo de emocións gurgullante, protagonizado por adolescentes que deben enfrontarse a situacións problemáticas que cambiaron o mundo dos seus días. "A habelencia na arquitectura do relato, así como a calidade dos diálogos e a coidada caracterización dos personaxes fan deste texto unha historia apaixoante, que atrapa dende a primeira páxina", destaca.

A entrega do premio, cunha dotación económica de 1.000 euros, terá lugar na sé da Fundación Xosé Neira Vilas, en Gres, o vindeiro xoves día 3 de novembro ás 16:30 horas, coincidindo coa data de nacemento do escritor que da nome ao galardón. A obra gañadora será publicada pola editorial Embora. Intervirán no acto, amais do autor premiado, o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; o alcalde de Vila de Cruces, Jesús Otero; o presidente da fundación organizadora, Luís Reimóndez; e os padroeiros da mesma Juan Andrés Fernández e Fernando Redondo Neira. O acto rematará cunha actuación musical.