Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Os cruceiros, patrimonio entre a lenda e a historia

Mitoloxía, historia sagrada, fervor ou fe, promesa ou recoñecemento dunha milagre ou dun feito, estes elementos de pedra son parte imprescindible da nosa historia e patrimonio cultural de todos -Son o resultado na evolu- ción histórica da cristianización das formas e figuras celtas ou castrexas

Os primeiros cruceiros aparecen na Irlanda recén evanxelizada durante os séculos VI e VII, cando en estes primeiros momentos do Cristianismo se comezan a sacralizar lugares e monumentos pagáns con cruces. Xurde deste xeito a cruz anglo-irlandesa, resultado da cristianización dos menhires e dos miliarios romanos, que servirán sen dúbida algunha en moitos casos coma soportes das cruces, creando así un conxunto monumental, que en Bretaña chaman Leech.

Nalgúns pódese apreciar un primeiro intento de sacralizar a pedra, co gravado dunha cruz na parte superior da mesma. Hai que recordar que na cultura mitolóxica destes pobos, o menhir ten significacións sagradas, de culto fálico, relacionadas coa virilidade, a vida e a reprodución da especie, mesmo. Séculos máis adiante, a partir do IX, X xa coa igrexa dominadora e dominante, xorden novas formas e estilos nas cruces e cruceiros, adoptándose escenas bíblicas e dos evanxeos e utilizándose estas como forma de transmitir ao pobo analfabeto historia sagrada, educando cristiamente, tal e como ía suceder cos capiteis dos claustros románicos, nos tímpanos das catedrais e igrexas, nos linteis, etc.

VER GALERÍA | Recorrido por algunos cruceiros significativos. // A. U.Recorrido por algunos cruceiros significativos. // A. U.

O paralelismo da nosa cultura en moitas cousas -lendas, música, mitoloxía, cultura castrexa en definitiva- ca das illas británicas é ben coñecido. Asimesmo, estas concomitancias repítense no tema das cruces e cruceiros destas monumentais cruces de Bretaña e Irlanda, coñecidas tamén como "sermóns de pedra", porque levan gravadas escenas bíblicas, coas que educar cristiamente ao pobo, tanto aquí en Galicia como alá onde o pobo puido aprender a través destas representacións a paixón de Cristo, a expulsión bíblica do Paraíso e as penas e tormentos das almas pecadoras que purgaban os seus pecados nos infernos e Purgatorio.

Para algúns estudosos e entendidos, estas formas de instruír e transmitir as ensinanzas cristiás, chegan a Galicia polo Camiño de Santiago a Compostela, que se vai enchendo de cruceiros, gradas e lugares de repouso, descanso e acollemento aos peregrinos e camiñantes; inmenso traballo das ordes mendicantes do Císter e Cluny, que estenden polo país a arte románica, os mesmos que máis tarde, co paso do tempo, íaselles engadir a columna ou fuste que elevaba a representación sagrada, no gótico.

Recibirán a partir daquel entón o nome de cruceiro, co devenir da arte gótica, aínda que quedan algunha que outra mostra de maior antigüidade, como o famoso cruceiro de Melide, o máis antigo de Galiza para algúns investigadores, e datado no século XIV, o da Porta do Camiño, o do Home Santo, en Santiago de Compostela, do XV. Porén, facemos a matización que recollen algúns autores e entendidos na materia e segundo os cales non sería correcto considerar esta cruz de Melide como un cruceiro a modo, xa que a desharmonía entre a propia cruz, gótica, e o resto do conxunto e absoluta. Resulta descoñecido o uso inicialmente desta cruz pero está claro que foi reutilizada como un cruceiro ao cabo dos anos.

Entre os cruceiros máis antigos de Galiza subliñar o existente no concello de O Rosal, datado no ano 1572. Hai outro do 1583 en Parada, en Nigrán, e outro máis de 1592, coñecido como o Cruceiro da Ascensión, en Caldas de Reis, así como o Cruceiro de Tibó (Santa María de Caldas de Reis) do ano 1654. Na Cañiza, a Cruz Alta do Temperán marca como data da súa construción o ano de 1719. Ningún deles, pois, é anterior ao Concilio de Trento.

En Galiza non existen cruceiros datados anteriores ó Concilio de Trento, rematado no ano 1564, polo que a relación do sentido da Contrarreforma cos cruceiros resulta innegable tal e como se pode comprobar lendo as actas da sesión XXV e última do referido Concilio no capítulo no que se fai referencia ao culto e veneración das reliquias dos santos e imaxes sagradas. Este contexto histórico de Galiza no que se van instalando cruceiros por todos os camiños, está evidentemente contaminado por unha profunda relixiosidade, medo ou represión mesmo por parte da Igrexa a partir desta Contrarreforma e o traballo da Santa Inquisición.

A aparición e implantación dos tribunais da Santa Inquisición no noso país, no ano 1562, sen dúbida tamén contribuíu ao pulo desta relixiosidade fanática é á súa actividade en forma de obras de cantería: Cruceiros, petos de ánimas e outras obras relixiosas. A partir de entón a expansión por Galicia do tribunal foi rápida, desenvolvéndose máis de dous mil casos; concretamente, foron 2.023 procesos ata o ano 1700, período que coincide cronoloxicamente coa primeira fase de expansión dos nosos cruceiros. A Inquisición non foi, pois, máis que o garda da fe e da doutrina que depurou medos, feitizos, fantasmas e Santas Compañas dos camiños a golpe de cicel e martelo dos nosos canteiros imbuídos dunha sospeitosa relixiosidade plasmada na pedra granítica daqueles cruceiros, limando obstáculos no camiño dos artistas ferventes católicos de convicción ou por medo.

Existe recollido un censo máis ou menos oficioso por particulares e entendidos no tema de máis de dez mil cruceiros no noso territorio, aínda que non é posible estar seguros ao cen por cen. Do que non hai ningunha dúbida é da variedade existente en tamaño, formas, motivos, nos que os canteiros, de cada época, os mellores seguramente de cada lugar, nos deixaron os seus traballos falándonos de relixiosidade, fe, amor e temor.

Castelao mesmo, o escritor poeta e pensador, recordaba que "debaixo de cada cruceiro hai agochado un pecado". Para o escritor da terra e as xentes, os cruceiros non eran senón un real exemplo de cristianización, tanto as crenzas mitolóxicas e fantásticas da cultura castrexa como da romana, da que se apropia en forma de miliarios transformados en fuste para soporte de cruz, tan abundantes en corredoiras, congostras e camiños. Como puntualizou o escritor de Rianxo tamén, sería máis correcto chamar cruceiro soamente as croix ornées -como se lles coñece na Bretaña-, cruces soas con máis ou menos personaxes e máis ou menos ornamentación e deixar a palabra "calvarios" para referirnos aos monumentos que amosan grandes escenas da vida e paixón de Jesucristo. Para saber máis ver o traballo As cruces de pedra na Bretaña, escrito por Castelao no ano 1930.

Para outros autores, o fin último sería buscar protección para a xente que se arriscaba por sendeiros e bosques, cheos de perigos, sombras, meigas e demos que sufrían por mor dos encantamentos transformacións máxicas, en príncipes e doces doncelas, que te arrastraban ás profundidades das covas dos mouros e os avernos dos infernos onde quedaban prisioneiros para sempre. Tiñan, por tanto, unha eficaz áurea de protección, contra influenza de demos e espíritos, na súa finalidade de exorcismo contra o mal.

Pero tamén hai que ter en conta que algúns deles se levantaban en acción de grazas ou para suplicar una sanación, unha milagre, ou para saldar co Todopoderoso unha débeda, unha promesa ou un ofrecemento non cumprido. Outros recordan mortos ou roubos, ou calquera outro feito tenebroso, unha morte, un crime, e mesmo nos recordan en ocasións acontecementos históricos ou a aparición máxica en procesión polos lugares, da Santa Compaña, polo que en caso de apuro invocando a súa protección o viaxeiro podía sentirse a salvo de perigos, xa que coma sagrado que era, convertía en sagrado, o lugar onde se colocaba. Rezando ante él gañábanse indulxencias, perdoes e grazas, cando a Igrexa así o dispoñía.

A nosa xeografía está chea de romarías, festas e peregrinacións máis ou menos baixo a advocación da Virxe ou outros santos, nos que o principio e final da mesma transitan entre cruceiros con poderes divinos. Nas feiras, con recinto feiral ou simplemente as que se celebraban nas carballeiras ao uso da época máis recente dos nosos séculos XIX e anteriores, nas prazas onde se concentraba o gando para o mercadeo de tratantes vendedores e compradores, o cruceiro protexía os animais. Próximo aos campos, auspiciaba boas colleitas; nos camiños sinalaba direcións e destinos aos viaxeiros e peregrinos, arrieros nos seus carros de eixe de madeira cargados de mercadorías de pobo en pobo e outros camiñantes sen máis que deste xeito atopaban sinalizacións axeitadas nas súas andainas, sempre cheas de perigos. Hai tamén quen lles atribúe capacidade curandeira e a tradición oral e musical no agro galego ten coplas dabondo nas que se dan conta destes feitos, máis ou menos santos, ao carón dun ou outro cruceiro.

Para o escritor e estudoso da simboloxía e historia dos nosos cruceiros Xosé Álvarez, autor do artigo As imaxes dos cruceiros do Lérez, publicado na revista Cedofeita: A xente deixou de ler e comprender o simbolismo máxico agochado nos cruceiros e refire que observar a imaxe dun cruceiro sen mergullar no seu simbolismo é como ver a representación da Última Cea e pensar que son un grupo de individuos divertíndose.

Para comprender e admirar un cruceiro en todo o seu esplendor é preciso analizar ata o máis ínfimo detalle da obra, sen esquecer que, como xa quedou dito, era unha forma de ensino das sagradas escrituras a xente analfabeta do pobo por parte da igrexa cristiá. A figura principal sempre vai ser a imaxe de Cristo na cruz na que morreu por nós, que nos fala de sacrificio, coa cabeza caída, inclinada cara a dereita, con barba ás veces, os tres cravos sagrados perfectamente representados e o pé dereito apoiado sobre o esquerdo, sempre.

Asimesmo, resulta imprescindible deterse nos detalles máis pequenos e cheos de simbolismo das obras, non apreciables a simple vista dos neófitos, pero na que os canteiros e artesáns puñan sempre bo coidado para non cometer pecado ou sacrilexio. Así, o primeiro que observamos é a orientación do fuste no que se eleva a cruz, sempre cara o camiño principal, lugar de paso obrigado, as representacións da árbore da ciencia do ben e do mal, o mesmo árbore do paraíso, do que comeron e pecaron por elo, Eva e Adán. Resulta tamén interesante comprobar a posición das mans do Cristo; no caso de estar pechadas, é sinal da omnipresencia de Deus, se foran representas abertas, hai que entender que Cristo mostra a súa misericordia; e no caso de ter os dedos índice e corazón estendidos habería que entender está bendicindo aos que vaian deterse para a súa contemplación. Tamén en ocasións atopamos na base do cruceiro a caveira, imaxe que se repite en numerosas ocasións, o que simboliza o triunfo da vida sobre a morte.

Mitoloxía, historia sagrada, fervor ou fe, medo, promesa ou recoñecemento dunha milagre, os cruceiros son parte imprescindible da nosa historia e patrimonio cultural de todos nós.

Compartir el artículo

stats