Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Achádego dun enterramento en Zobra

-A sepultura está datada na época medieval-postmedieval e foi localizada por un apicultor da parroquia -Na década dos anos 80 do século pasado abreuse unha pista desde o núcleo da aldea ata a igrexa

Situación da "sepultura de cista", marcada cunha vara métrica. // A.P.

Zobra (20,5 Km2), xuntamente coas parroquias limítrofes Lebozán (17,3) e Vilatuxe (16,7), tamén situadas ao Sur do concello lalinense, ocupan un extenso espazo (54,54), que a nivel municipal representa, nada menos, que o 18,1% de toda a súa superficie. Son as tres máis extensas do concello, pero a súa poboación, especialmente no caso de Zobra, non ten un peso relativo acorde coa súa gran extensión. Se a comparamos coa do concello, a partires dos datos de rexistros censais, foi, sempre, relativamente baixa. En 1887 vivían en Zobra 364 persoas, que representaban o 2,22% da poboación total de Lalín (16.336 habitantes), pero esa proporción foi baixando paulatinamente e, así, no ano 2011, Zobra tiña 152 persoas, que representaban tan só o 0,72% da poboación municipal. En poucas palabras, o valor porcentual da súa poboación a, respecto do municipio, decreceu un 300% nos últimos 124 anos, pero o máis significativo é que fronte ao crecemento da poboación do concello, durante máis de un século, nesta ancestral parroquia impúxose unha tendencia contraria, especialmente desde a década dos anos 70. Zobra destaca pola súa gran extensión superficial, en contraste co seu escaso peso demográfico, que seguiu unha tendencia decrecente.

Certamente, Zobra é unha gran descoñecida a nivel histórico, pero o case seguro primeiro documento medieval que temos en Galicia, o de "Quiza Gonteriquiz", supostamente datado no ano 788 (a finais do século VIII), meciona de forma expresa un monte ou un vilar de Zobra ("... Nugaria subtus monte Zobra que iace inter IIos ribulos: Deza et Fletas, et inde per suis terminis antiquis leua se ipsa uilla ..."). Esta importante referencia documental serve para situar no mapa a existencia histórica dun lugar de doble referencia (monte e vila), que nos pode servir de antecedente a todo que que sucedeu, posteriormente, na súa historia.

A existencia de Zobra no século VIII, na Alta Idade Media, é moi anterior á colonización cistercense que se levou a cabo desde o mosteiro de Aciveiro, en plena Serra do Candán, a partires do ano 1135, momento no que se estableceron doce relixiosos, procedentes da abadía de Claraval, nas inmediacións do cenobio, con autorización do rei de Castela Alfonso VII. Moi pronto o "couto do mosteiro de Aciveiro" abarcou unha extensa superficie polo lado occidental da Serra do Candán mentres que pola ladeira oriental predominaron os aforamentos, con instalación de colonos en numerosas aldeas no val de río Deza. As parroquias de Deza máis cercanas ao cenobio, Vilatuxe e Zobra, foron sometidas a unha intensa vixilancia polo uso dos bosques da Serra do Candán e soportaron a presenza permanente de monxes nos seus territorios, como foi o caso da pequena dependencia monacal de "O Convento", localizada arriba de A Castiñeira, fronte a "Casa de Chedas" (de orixe posterior).

Influenza monacal

TNo caso concreto de Zobra a influenza monacal quedou testemuñada na construcción dalgunha ponte ou "pasos no río" (pasales), como "Porto do Frade" e no caso das numerosas alvarizas construidas en base a modelos, posiblemente, difundidos polo mosteiro de Aciveiro. Convén ter en conta que o mosteiro comercializou, durante séculos, o xeo producido nas neveiras do Candán, que se empregaba para a elaboración de bebidas refrescantes nas que se utilizaba como endulzante o mel, mentres que a cera era unha materia prima de gran demanda para a fabricación de velas e cirios, que se consumían nas numerosas igrexas e capelas nas terras de Deza, Trasdeza e Montes.

Respecto do paso ou pontella de "Porto do Frade", construída probablemente a mediados do século XV, cando era abade Gonzalo das Penas, formaba parte dun camiño transitado polos monxes de Aciveiro para acceder a esta zona, ao "Convento" (especie de "casa de frades", localizada entre Chedas e Lebozán, que funcionou como centro de aillamento e castigo de monxes pouco fervorosos) e como lugar de paso por un dos camiños que conducía cara o mosteiro de Oseira.

A presenza monacal acivarense, non só se nota na parroquia de Zobra polo sinalado anteriormente, senon, tamén, pola existencia de modelos e formas de organización do espazo que, seguramente, mantiveron vinculación co citado centro monacal. O aumento de aldeas (crecemento parroquial) tivo lugar naquela época (séculos XV-XVI) como ben nos indican os topónimos relacionados con cultivos, os fitotopónimos e outros: Acevedo (sitio onde abundan os acivos), Ameixedo (lugar onde se localizan plantacións de ameixas ou ben lugar no que hai ameixas bravas), Liñeiras (sitio onde se cultiva o liño para a obtención de fibras testís), A Trigueira (sitio onde se sementa e recolle trigo) ou Porto Martiño (lugar cercano a un punto por onde se atravesaba o río). Algunhas destas novas aldeas instaláronse dentro das devesas, como foi o caso de As Liñeiras, aillando o espazo cultivado da zona de bosque por medio de grandes valados, segundo o modelo existente en A Graña (Madanela de Montes, Forcarei). A Graña representa o modelo de instalación dunha explotación agraria do mosteiro de Aciveiro en plena Serra do Candán e ese modelo aplicouse, moi pronto, na formación de novas aldeas.A indiscutible importancia que tivo o mosteiro nos séculos XV-XVI coincide co período de maior crecemento desta parroquia e, probablemente, se deba adscribir nesa fase o enterramento que se describe neste traballo.

Igrexa actual

Para o emprazamento da actual igrexa de Zobra, na media ladeira da vertente dereita do río Zobra, aproveitouse un pequeno rechán na pendente, caracterizado pola existencia dun potente depósito de coluvión, parcialmente removido para a cimentación do templo, pero de gran utilidade para os enterramentos de inhumación profunda.

A moderna igrexa actual, levantada no mesmo lugar ca primitiva, da que non se conservan restos coñecidos, atópase ao Leste da aldea de Zobra (a uns 300 metros en liña recta) e ao Norte de Acevedo (a uns 150 metros en liña recta). A carón da igrexa, localizadas pola parte de abaixo, existiron dúas vivendas que formaban o denominado núcleo de Eirexe, abandonadas no primeiro tercio do século pasado (antes da Guerra Civil) por causas estrañas.

Como en todas as igrexas da zona, o cemiterio está situado arredor do templo, formando o atrio ou adro, no que se foron instalando as sepulturas desde medidos do século XIX. As sepulturas máis antigas do actual están situadas a carón da fachada da igrexa, onde se atopa a porta principal de acceso e aparecen dispostas seguindo a súa orientación, coa cabeza cara o Leste e os pés cara o Oeste.

Nestes últimos anos o cemiterio actual foi ampliado, polo lado Leste da igrexa, con sepulturas de construcción aérea, moi diferentes ás de uso tradicional. Tanto a propia igrexa como o atrio (adro), co seu cemiterio ampliado, atópase nun reducido rechán, no medio da ladeira, e para ampliar o espazo ocupado ou ensanchar o camiño de acceso foi preciso efectuar rebaixes na referida ladeira. Por causa deses rebaixes púxose ao decuberto unha sepultura de épocas moi anteriores, posiblemente relacionada coa antiga igrexa parroquial, segundo se describe a continuación.

Dase por suposto que antes da construcción da actual igrexa houbo outra anterior, posiblemente ampliada nalgún momento da súa historia, da que non se conservan restos, situada no mesmo emprazamento e arredor da que ten habido enterramentos (antigo cemiterio). Neste espazo o sitio que reunía mellores características para enterramentos profundos de inhumación era o situado ao Norte da igrexa, porque é aquí onde se localiza o rechán no que está construída e, no lugar onde se orixina a rotura de pendente, formouse un potente depósito con arrastres de ladeira (coluvión). O espesor deste depósito sobrepasa os 3 metros e iso permite a realización de enterramentos suficientemente profundos sen chegar a rocha do subsolo.Ata a década dos anos 80 non houbo variacións significativas no contorno da igrexa, á que se accedía por un "camiño de carro" que viña desde a aldea de Acevedo e continuaba, a partires de aqui, en dirección Leste, cara o alto de O Rañadoiro, Chedas e As Liñeiras, sen embargo desde a aldea de Zobra, tan só se podía chegar á igrexa atravesando os agros ("Agro de Zobra") por un "carreiro" estreito. A comezos da década de 1980 proceduse á apertura dunha pista desde a aldea de Zobra ata a igrexa, seguindo o trazado do "carreiro" que atravesaba o referido "Agro". Ao chegar a igrexa ensanchouse o camiño que continuaba cara a O Rañadoiro, rebaixando o terreo e poñendo ao descuberto unha sepultura profunda, correspondente a un períodp moi anterior da historia desta parroquia. Naquel momento ninguén apercibiu a existencia dunhas estrañas lousas de micaxisto colocadas en posición vertical case a ras do camiño.

En 2013

Pasado moito tempo, no ano 2013, o apicultor e veciño de Zobra Manolo G. Taboada, sorprendido pola posición daquelas lousas, decatouse que podían ser unha caixa de pedra dun antigo enterramento "cando fixeron o camiño ninguén se dou conta disto pero, certo día, observei que as pedras non estaban ai de calquera xeito senon colocadas de forma ordenada. Puiden comprobar que formaban unha especie de caixón, con varias lousas colocadas en vertical e outras tapando por encima e por iso dentro hai un vacío. Aquilo non podía ser un canal para levar auga e, tendo en conta o sitio onde estaban, non cabía outra posibilidade máis ca de ser unha sepultura"

Os enterramentos baixo terra, a unha profundidade cercana ou superior aos dous metros responden, normalmente, á necesidade de preservar os cadáveres de seren devorados por animais de hábitos carroñeiros (cans, zorros, teixugos). Para protexer máis os cadáveres, a maoires dun enterramento a gran profundidade, tamén se construiron caixas de pedra feitas con varias lousas e cubertas cunha tapa de gran tamaño que abarcaba toda a caixa cuadrangular (a veces trapezoidal) ou por outras de menor tamaño. Estes enterramentos, denominados "tumbas de cista", garantizaban a total protección dos cadáveres inhumados da acción dos animais que escavaban tobos en busca de carne putrefacta. Os enterramentos en profundidade, seguindo o ritual cristiano, estaban orientados de Oeste a Leste (cabeza ao Oeste e pés ao Leste), a imitación das igrexas e no interior das "tumbas en cista" podiase enterrar ao defunto metido dentro dun cadaleito feito con táboas cravadas ou simplemente envolto nunha sábana. Co paso do tempo a madeira termina por desaparecer, transformándose en po, pero consérvanse os cravos moi oxidados.

Os enxovais funerarios, que teñen aparecido, caracterízanse pola presenza de obxectos diversos que acompañaban aos defuntos, tanto obxectos de uso persoal, como vestimentas ou parte delas. Entre outros obxectos destacan: fibelas, broches de cintos, botóns, aneis, aretes, alfinetes, cruces metálicas, etc

Co paso do tempo as "tumbas en cista" derivaron cara a enterramentos singularizados, que foron os practicados ata tempos recentes, ultimamente modificados a causa dos cambios habidos na construccion de nichos pola aparición do ladrilllo e do cemento. Nos enterrarmentos singularizados desapareceu a cista e o cadaleito colocábase rodeado de terra apisonada, para que retivera os gases da putrefacción, mentres que a tapa pasou a colocarse en superficie indicando o lugar onde estaba o falecido. Non tardarían moito en colocar sinais indicaticativas na tapa da sepultura: nome, idade, R.I.P. , etcétera.

Apertura dunha pista

Na década dos 80 construise a pista de acceso á igrexa desde a localidade de Zobra e ao chegar á altura do templo procedeuse a ensanchar o camiño que pasa pola lado Norte do atrio, en dirección ao alto de O Rañadoiro, para darlle continuidade á pista que se acababa de abrir. Neste ensanche, por detrás do atrio, removeuse un potente depósito de coluvión e puxéronse ao descuberto varias lousas dunha "tumba en cista".

Respecto do nivel do solo no que se localiza, cuberto por unha carballeira, a caixa da sepultura está a unha profundidade de 2,10 metros (parte superior da caixa). Respecto do camiño, a un nivel un pouco máis baixo, a parte inferior da caixa está a 0,50 metros, por esa razón, cando se observa desde o camiño, dá a impresión que se trata de algo que mantén relación co mesmo pero, a referencia debe ser o nivel do solo que está por encima do terraplén existente.

A cista está construída con pequenas lousas de micaxisto, rocha metamórfica extensiva nesta zona e na Serra do Candán e Montes do Testeiro (área xeolóxica na que se integra a parroquia de Zobra), colocadas en fila verticalmente polos catro lados e outras de maior tamaño, colocadas por encima a modo de tapa, para formar a oquedade na que se depositaban os defuntos. Unha vez inhumado o falecido botábaselle terra compactada por encima, sen que entara en contacto co falecido. A sepultura descuberta co rebaixe efectuado no depósito coluvionar presenta unha orientación típica no ritual cristiano: cabeceira cara o Poñente (Oeste) e pés cara o Nacente (Leste). Está dirección é a que permite mirar sempre cara Oriente, onde se atopa o centro espiritul do antigo cristianismo (Xerusalén). Convén destacar que o lugar no que se localiza esta antiga tumba en cista, como se indicou anteriormente, reune unhas condicións excepcionais para albergar este tipo de enterramentos por causa da gran profundidade do solo, formado por un depósito de coluvión de ladeira (media ladeira na vertente dereita do río de Zobra, afluente do río Deza no seu curso alto). Neste lugar é posible que se atopen máis sepultuars destas características porque iso é o que se deduce pola existencia de dúas tapas de cista depositadas na caseta do cemiterio. Esas tapas de micaxisto, coa cara inferior labrada de forma cóncava, foron desenterradas cando se efectuou o ensanche do camiño que pasa ao Norte do atrio, polo que estaban localizadas moi cerca da seputura descuberta.

Compartir el artículo

stats