Na Galicia interior e enclavado nunha paraxe bucólica do rural galego, no lugar de A Grela da parroquia de San Xurxo de Codeseda pertencente ao concello de A Estrada, atópase rodeado dunha fermosa carballeira o santuario de Nosa Señora de Guadalupe, que foi fundado polo presbítero Domingo Cabada e a súa familia no ano de 1748 cunha misa rezada o día 8 ou 9 do mes de setembro de cada ano. O santuario foi declarado monumento histórico artístico no inventario do patrimonio cultural do concello de A Estrada (DOG, 16 de xullo de 1991).
A familia Cabada ergueu unha cativa capela e foi o presbítero Domingo Cabada quen fixo doazón da imaxe da Virxe de Guadalupe. Pero foron tantos e tan importantes os donativos recollidos que poucos anos despois se erguía o actual santuario. No libro de fábrica do santuario dáse conta de esmolas de emigrantes e mariñeiros que en horas de perigo, ben embarcados para ultramar ou nas faenas do mar, pedían socorro á Virxe de Guadalupe e lles era concedido. Así atopamos neste libro que no ano 1770 un emigrante: "Por hallarse en un riesgo de perder la vida en la mar, navegando para Indias, donde el barco se recostó para sumergirse cinco minutos por la gran tempestad, ofreció a la Virxe de Guadalupe una lámpara de 465 onzas de plata, librándolo la Madre de Díos de aquel peligro".
No ano 1812 crease a confraría de Nosa Señora de Guadalupe, deixando de estar en activo no ano 1895. Esta confraría será a encargada de manter viva a tradicional procesión que, saíndo da igrexa parroquial de Codeseda, penetra no monte seguida de unha manchea de ferventes devotos que levan os santos a ombros ata o encontro coa Virxe de Guadalupe no "Alto da Cruz", onde todas as imaxes lle fan a reverencia. Alí recítanse poesías e logo os devotos todos xuntos marchan camiño do santuario e posterior misa solemne.
Esta confraría destacou por manter o santuario e imaxes nun estado digno, e así nolo testifica o libro da devandita confraría. No ano 1855 cómprase un estandarte floreado dedicado á Virxe cun custo de 674 reais, e noutra ocasión un vestido e manto de gala, bordado en ouro por prezo de 1.152 reais. E no ano 1861 fanse obras no santuario como un novo altar maior, as cubertas dos púlpitos e o arranxo dos altares colaterais por 7.000 reais. E así centos de obras e arranxos como a campá maior, o atrio, a coroa da Virxe, etc. Ademais de sufragar os gastos dos músicos e gaiteiro que actuaban o día da función e no seu véspera, corrían cos costas dos fogos artificiais e de aire así como de un globo que soltaban. Afortunadamente na actualidade esta confraría está sendo refundada e comeza a dar os primeiros pasos, que tantas alegrías nos van dar.
Colgan do teito do coro do santuario réplicas de veleiros e outro tipo de naves que foron doadas por mariñeiros, que en tempos non tan remotos acudían como romeiros en gran número desde a costa de Pontevedra.
O santuario é dunha soa nave con cruceiro, sobre a porta unha fornela acubilla a imaxe da Virxe, e sobre o van de acceso unha fiestra permite a entrada de luz ao interior da nave. Coroando o edificio aparece a torre campanario situado no centro da fachada con tres campás, situándose a súa cronoloxía na segunda metade do século XVIII.
No interior o retablo ocupa todo o testeiro do santuario cunha altura de 8 metros, composto dun único corpo central dividido en tres rúas e rematado cun relevo inscrito nun medallón de forma oval no que aparece a representación da Virxe de Guadalupe mexicana, á que vai dedicado o retablo. O corpo central dividise en tres rúas, diferenciadas por columnas de orde corintia, as mesmas que aparecen no pavillón circular que ocupa a rúa central a modo de pequeno baldaquino.
No santuario existen dúas representacións da Virxe de Guadalupe, unha -como queda dito- no relevo do retablo que pola súa iconografía representa a Virxe de Guadalupe mexicana, xa que representa a aparición da Virxe ao indio Juan Diego, mentres a outra, ao xeito da Virxe estremeña, é unha imaxe exenta que se saca en procesión e representa a María coroada, con cetro na man destra como raíña dos ceos, e na outra co seu fillo no colo, sobre unhas nubes con dous anxos, que evoca as imaxes da Purísima Concepción, da que é debedora esta advocación.
Hai preto de medio século as casas e palleiras dos veciños da Grela non daban abasto a acoller, o día da festividade, a tantos romeiros que acudían desde a costa, así como do interior ata o santuario de Nosa Señora da Guadalupe. Os mariñeiros durante a procesión erguían os remos en honra e louvanza a Virxe da Guadalupe.
Co paso dos anos cambiaron os costumes, así que agora a súa celebración é o primeiro fin de semana de setembro. Este ano a procesión, á que está invitado todo o mundo, dará comezo o sábado as 18,00 horas e despois da misa, cea de confraternidade con un abundante menú, e para rematar a noite cunha gran verbena amenizada por dúas orquestras.
Lembrámoslle os inesquecibles lectores que este ano o presidente da Asociación Socio Cultural a Moreniña de Rianxo xunto con mais veciños, e acompañados do seu estandarte, estarán con nos na procesión. Así mesmo o Presidente da Asociación Cultural Virxe da Guadalupe- A Grela, Codeseda, xunto con un nutrido grupo de veciños marcharán de excursión a Rianxo o día 11 de setembro para participar nos actos en honra da Virxe de Guadalupe (A Moreniña).