Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Un petróglifo na parroquia de Castrelo

Capitán Gosende descubre un novo gravado rupestre entre Parada e O Vieiro

Membros de Capitán Gosende a carón do petróglifo do Vieiro.

O domingo 26 de xuño, os expedicionarios do colectivo Capitán Gosende proseguimos o noso porfiado labor de esculca, demorándonos nos predios monteses das parroquias cerdedenses de Parada e Figueiroa e, en concreto, nos arredores da estación petroglífica descuberta a semana anterior, nomeada, provisionalmente, "petróglifo de Porriñeiras".

Cara á tardiña, devotos dos camiños, vereas e devasas que nos conducen ao descoñecido, atinximos unha chaela situada por riba dos 600 metros de altitude. O planalto, repoboado hai pouco con piñeiros e pertencente á parroquia forcareicense de Castrelo, presenta afloramentos xistosos en forma de crista, característicos do metaformismo do Cerdedo oriental e da litoloxía forcareicense.

A piques de dar por rematada a xornada de busca, os ollos repararon nun aliñamento rochoso orientado cara ao sueste. Albízaras!, na face superior, combinándoas primorosamente con piouchos de orixe natural (erosión), un primitivo montañés labrara unhas vinte e cinco coviñas, as máis delas en clara orientación leste-oeste. Dada a súa dirección e a altura do sol no horizonte solsticial, o conxunto resaltaba ostensibelmente do lenzo pétreo, xa que cada unha das pequenas concavidades se ateigaba dunha dose de sombra. Máis cara ao sur e leste, os cotos das serras do Cando (monte do Seixo), do Testeiro e do Candán despregaban un impoñente pano de fondo.

Bautízase co nome do Vieiro

O gravado rupestre (coordenadas: X: 551586; Y: 4712355; altitude: 631 metros) localízase a 150 metros cara ao norte da estrema coa parroquia de Parada (Cerdedo) e a uns 300 metros cara ao sudoeste do lugar do Vieiro (Castrelo-Forcarei). Acordouse, daquela, bautizar o novo achado co nome de "petróglifo do Vieiro", facendo o número vinte e seis dos descubertos por Capitán Gosende. Que non decaia!!

Compartir el artículo

stats