Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Manuel Cuiña Fernández: "A herdanza dos anteriores gobernos foi sacar a Silleda da ruina na que estaba"

"A maioría absoluta permítenos facer outro tipo de política, contando coa oposición"

Manuel Cuiña, o día da toma de posesión. // Bernabé/Gutier

Fai pouco máis dun ano, o 24 de maio de 2015, o PSOE de Silleda facía historia ó converterse no primeiro goberno de esquerdas da comarca que podía gobernar con maioría absoluta. Era, tamén, a primeira vez que Manuel Cuiña lideraba a lista, unha candidatura que acadou o 50,5% dos votos e que lle deu ó PSOE 7 dos 13 concelleiros.

-Faga balance deste primeiro ano de mandato en maioría. ¿No caso do PSOE, é certo o refrán de que á terceira vai a vencida, despois de dous anos de goberno truncados pola moción de censura e un mandato posterior en coalición co BNG, tamén frustrado?

-Pois se se entende que á terceira vai á vencida, claro que é certo. É palpable, non hai nada que dicir. O balance do primeiro ano de mandato é moi positivo. Si que é verdade que hai certa diferencia a gobernar en maioría ca sen ela. A proba está en que nada máis iniciar o mandato, poidemos aprobar uns orzamentos que foran rexeitados pola oposición facía seis meses. A maioría absoluta permítenos facer outro tipo de política, aínda que sempre contando coa oposición. Eu sempre digo que temos a maioría absoluta, pero non somos absolutistas.

-Valore o papel da oposición. ¿Volveuse menos activa debido á maioría absoluta coa que conta o seu goberno?

-Teño moito que dicir e que falar da acción do meu goberno, e non me queda tempo para valorar a oposición. Os membros da oposición valóranse eles mesmos.

-O goberno de Silleda é, xunto ó cuadripartito de Lalín, o único da zona alleo ó PP. ¿Pensan en realizar actividades conxuntas? ¿E cos outros municipios? ¿Axuda, esta vez, ter un goberno amigo na Deputación?

-Si, non cabe dúbida de que imos realizar, e de feito, xa estamos realizando, actividades conxuntas. Hai moi boa relación, pero non só co alcalde de Lalín, eu sempre tiven boa relación con todos os alcaldes do Deza. Con Rafael Cuiña é máis fácil, e xa temos plans en conxunto. De feito, xa somos socios no Plan de Desenvolvemento Agrario, e estamos a colaborar noutras cousas. E tamén é certo que colaboraremos con outros concellos, como fixemos no seu día co de Vila de Cruces. Pero en xeral hai moi boa sintonía con todos os alcaldes da comarca. En canto á Deputación, sempre axuda que nunha institución tan importante coma ésta, cando chames á súa porta, haxa alguén que cha abra, cousa que antes era moi difícil.

-¿Cál foi a herdanza que lle deixaron os anteriores gobernos?

-Desde o 2007, salvo a época de moción de censura, gobernamos nós. A herdanza foi que, paso a paso, sen descanso, tivemos que ir sacando a Silleda da ruina na que estaba. Atopámonos un concello totalmente na quebra, e agora mesmo temos un concello solvente.

-Precisamente, unha das principais dificultades coas que se atopou o seu goberno foi reducir a débeda do Concello e volver ter uns orzamentos cun remanente en positivo. ¿A qué houbo que renunciar para conseguir isto?

-Cada euro que se adica a pagar débeda, débeda atrasada e ademais tan abultada como tiña o noso concello, é un euro que non se adica a prestar servizos ós nosos veciños. Evidentemente, temos bastantes eivas nos servizos. A mostra está en que, por exemplo, carecemos dun centro de día residencial, entre outras cousas, porque durante anos se malgastaron os cartos e agora houbo que pagar a débeda. Renunciamos a moitas cousas que nos gustaría facer, e temos que seguir renunciando porque estamos pagando preto de 300.000 euros de débeda cada exercicio, que nos darían para moitos servizos ós veciños.

-O Concello asumiu a xestión das depuradoras e en breve debaterase a do abastecemento de auga. ¿Esta asunción de competencias supón un maior gasto para os veciños? ¿É o futuro?

-En cada servizo e en cada concesión o futuro será aquelo que sexa o mellor para os cidadáns de Silleda. Neste caso decidirase na Mesa da Auga se o mellor para o concello é que o servizo se municipalice, pero cada servizo estudarase para ver se é mellor para o concello que estea municipalizado ou externalizado, sempre coa premisa de que nunca será prexudicial nin sairán os servizos máis caros para o cidadán.

--¿Qué aprendeu da súa antecesora no cargo, Paula Fernández?

-Paula Fernández é alguén de quen se aprende moito, tanto da política, como da vida, como da propia persoa. Pero creo que nestas actividades todos aprendemos un pouco de todos.

Compartir el artículo

stats