O refrán di que pasou o día e pasou a romaría. Pero no caso do Día das Letras Galegas non é así. Pasou o 17 de maio e seguen organizándose actividades para o recoñecemento da obra de Manuel María e, por extensión, para a posta en valor do idioma galego. Unha desas actividades na comarca foi a sesión de contacontos con Pablo Díaz nas dependencias da Fundación Paco Lareo A Solaina, de Piloño. Boa parte do público conformábano os nenos do colexio Cerdeiriñas, desta parroquia, pero entre os adultos tamén se puido ver ó alcalde, Jesús Otero, e ó secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García Gómez, moi vinculado ás terras cruceñas polos lazos que o unen coa Fundación Xosé Neira Vilas, de Gres.

Por outra banda, os 17 alcaldes que conforman a executiva da Federación Galega de Municipios e Provincias, Fegamp, celebraron a comisión executiva na terra natal de Manuel María, Outeiro de Rei. Os rexedores, entre os que se atopa o silledense Manuel Cuiña, fixeron unha visita guiada pola Casa Museo do autor antes de desenvolver nela a súa reunión mensual. Mediante un convenio asinado coa Fundación Manuel María de Estudos Galegos, a Fegamp pón en marcha ó longo do ano varias actividades relacionadas co autor en diversos concellos.

CEIP da Bandeira

Por outra banda, o CEIP Ramón de Valenzuela, da Bandeira, acolle hoxe a VI Romaría das Letras. Haberá obradoiros, postos típicos, xogos e música. As actividades comenzan ás 10.00 horas.