Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

A Bandeira, capital do baile tradicional

- A localidade acolle hoxe a mostra infantil de Xirandola e mañá o certame Azaloira - É o terceiro ano que Fortín da Pomba adica o seu festival ás canteiras de bailaríns

Pase dun grupo nunha edición anterior de Azaloira. // Bernabé/Gutier

Esta fin de semana, os veciños da Bandeira teñen dúas citas co baile e a música tradicionais, o que pón en evidencia o profundo compromiso desta vila co folclore galego. Hoxe pola tarde (19.00 horas), no auditorio Manuel Dopazo, terá lugar a XX Mostra Infantil de Baile Tradicional que organiza o colectivo Xirandola, e que contará cos grupos Recordanzas (de Monroy, Alicante), a Escola de Muiñeira de Cantigas e Agarimos e os alumnos da asociación cultural anfitriona.

Mañá é o turno do Concurso de Baile Tradicional Galego Azaloira, que se celebrará tamén no auditorio da vila e que corre da man do colectivo Fortín da Pomba. A súa presidenta, Josefa Ferreiro, explica quepolas súas 16 edicións xa pasaron "os mellores grupos de baile de Galicia, como Cantigas e Agarimos, Xacarandaina ou A Ponte Vella". Ésta é a terceira edición que se adica de maneira consecutiva ás escolas dos grupos de música, e a súa acollida é tal que "tivemos que deixar grupos fóra do certame, porque non temos onde metelos nos vestiarios. O auditorio quédasenos pequeno", explica a presidenta. Serán, en total, 17 agrupacións as que compitan polos tres premios que se conceden nas dúas categorías (de 8 a 12 anos e de 12 a 16): Os Remuíños; dous grupos de Cantigas e Agarimos; Seixebra; Agrupación Folclórica Colexiata do Sar; Zarzullo e Pillabáns;Ultreia; A Telleira; un grupo da Asociación Cultural Rosalía de Castro; Asociación Cultural Mar de Arousa; O Muiño da Retorta; Tras do Eo; Nove Ferreñas; o grupo da Asociación Cultural Rosalía de Castro e o grupo B da Escola de Muiñeiras de Cantigas e Agarimos. A organización entrega, en total, 1.750 euros en premios.

A cita durará unhas dúas horas. Cada grupo baila só unha vez -cando o certame era para adultos, as formacións daban dous pases-. O xurado estará composto por profesionais de grandes agrupacións: unha docente de Vigo, outra da Coruña e un terceiro que imparte clases na escola de Fortín da Pomba.

Este colectivo debe o seu nome a dous enclaves históricos da Bandeira: a Casa do Fortín, un edificio adornado cunha bandeira e no que a xente pagaba os impostos para poder vender na feira, e a Leira da Pomba, onde se celebraba o mercado. "Comezamos os ensaios en 1998. Cando nacemos éramos un grupo de persoas maiores que quería bailar. Empezamos sendo uns 20 e no ano 99 xa saímos á rúa, pola Festa da Empanada", lembra Ferreiro. Hoxe en día o colectivo supera os 50 membros e tén nenos a partir de 4 anos. Os bailaríns organízanse en catro grupos segundo a idade. "Os primeiros anos o festival facíase no polideportivo, e o colexio deixábanos as aulas". Hoxe, a súa repercusión xa é tan grande que se fai necesario un espacio maior có auditorio.

Compartir el artículo

stats