Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Armando de Lalín, o perpetuo axudante de Ramón Mª Aller

Con motivo dos cincuenta anos da morte do sacerdote e astrónomo, o autor céntrase na figura do seu axudante: Venancio Froiz Gómez

Venancio Froiz cun dos telescopios do Observatorio da Universidade.

Con motivo dos cincuenta anos do seu pasamento, son varios os libros, artigos e recensións que nos últimos días se están publicando sobre a personalidade e a obra de Ramón María Aller, o astrónomo de fama internacional. Entre as homenaxes, produce especial ledicia ver por fin editado o seu libro A astronomía a ollo ceibe na súa lingua orixinal. Unha obra que fora presentada en maio de 1936, para a súa posterior publicación, ao Seminario de Estudos Galegos, no que Ramón Aller ingresou en 1928 cun discurso de entrada dedicado ao Matemático Rodríguez. A sublevación fascista de 1936 impediu a realización deste proxecto e finalmente o libro foi publicado en castelán en 1948 co título Astronomía a simple vista.

Porén, eu vou dirixir o telescopio un pouco máis abaixo, cara a unha figura que sempre estivo a carón do sacerdote de Lalín, xa incluso antes destes feitos e do seu traslado a Compostela para dirixir o observatorio da Universidade: Armando de Lalín.

Este persoeiro chamábase en realidade Venancio Froiz Gómez e era fillo do coñecido xastre de Lalín Gerardo Froiz, o dono da xastrería La Elegancia na Praza da Constitución, a decana das xastrerías lalinenses. En Compostela, onde era coñecdo como Armando de Lalín, nun artigo de 1976 dedicado á visita da Banda de Lalín á cidade, descríbeno como "escritor de corte vernáculo muy amante de su tierra, cuya sensibilidad y puritanismo no encaja dentro del desconcierto mundano de nuestros días".

Venancio, que naceu o 10 de xaneiro de 1913, era o máis novo do fillos de Gerardo e Áurea. O máis coñecido dos irmáns foi Xesús Froiz, o poeta e xornalista asasinado polos fascistas en 1936; quizais fose del de quen herdase a súa vocación literaria.

Sendo mozo entrou a traballar con Ramón María Aller en Lalín e este encargouse da súa educación. A influencia do sacerdote xa era palpable nos anos finais da República, cando atopamos a Venancio Froiz como vogal das JAP, a organización xuvenil de Acción Popular, o partido de Gil Robles, que tiña como líder local a Manuel González López e na que tamén figuraban José Madriñán Pereiro, Salvador Carracedo, Ángel Gómez Fernández e Rodrigo Facal Goyanes.

Venancio converteuse no axudante e colaborador do astrónomo e, cando este marchou a Compostela nos anos corenta, levouno con el. Foi Froiz quen axudou a Aller a desmontar e embalar os instrumentos do seu observatorio de Lalín para trasladalos ao que logo sería o observatorio da Universidade de Santiago, que pasou a dirixir. Nomeou a Venancio porteiro, aínda que tamén tiña como misión o coidado dos aparatos e axudaba o padre Aller nas súas observacións astronómicas. Posteriormente acabou sendo axudante de investigación do Consello Superior de Investigacións Científicas. Vidal Abascal dicía que nos últimos anos da súa estadía en Compostela, Aller facíase acompañar sempre de Armando para non andar só.

Foi durante eses anos na capital de Galicia cando desenvolveu a súa afección pola literatura. Ao seu primeiro poema, Rosiña, con data de 1945, seguíronlles un bo feixe de contos e uns poucos poemas, todos eles en lingua galega e asinados como Armando de Lalín. Varios deses relatos curtos foron publicados en El Correo Gallego, algúns con ocasión dos especiais que este xornal dedicou á Feira do Cocido. O anxeliño da María José, A Suriña e Pepiño de Carballude son algúns dos textos escritos por este autor, nos que narra as peripecias de personaxes populares da vila de Lalín.

En El Correo Gallego apareceron tamén artigos divulgativos como Choran os hórreos ou Un galego de corpo enteiro, como homenaxe a Xesús San Luís Romero, o escritor compostelán autor da famosa obra O fidalgo, por quen manifestaba enorme admiración. Estas publicacións déronlle certa sona de escritor nos faladoiros xornalísticos da cidade, e a iso débense as poucas referencias que topamos na prensa á súa figura. No pequeno arquivo que conservan os seus familiares gárdanse outros contos inéditos (O Ferreiro da Seara, O pucha furada, A Venturiña...), algúns mesmo parecen ordenados en preparación da edición dun libro que nunca chegou a ver a luz.

Logo do retorno de Aller á súa vila en 1963, Venancio Froiz continuou vivindo en Compostela até que, xa ancián, foi coidado na casa duns familiares en Lalín, onde morreu o 23 de maio de 1996.

Compartir el artículo

stats