O alcalde de Ponte Caldelas, Andrés Díaz,reuniuse o mércores coa plataforma contraria á fusión. Andrés Díaz manifestou o se respecto institucional aos dous concellos implicados no proceso pero reiterou a súa postura de que para iniciar un proceso de fusión destas características sería preciso, en primeiro lugar, "un debate amplio e sosegado no Parlamento galego". En segundo lugar, unha vez que se estea dacordo sobre o "mapa de fusións", cre que sería preciso facer un estudio técnico, serio e en profundidade das vantaxes e inconvintes de determinadas fusións, incluir a participación da Deputación de Pontevedra, como marca a lei, e apelar ao bo entendemento dos alcaldes implicados, como representantes públicos e, finalmente, someter o proceso a unha consulta popular para que tódolos veciños e veciñas podan expresar a súa opinión. "Do contrario, o proceso está condeado ao fracaso", dixo Díaz.

Revelou que veciños de Cotobade lle están a dicir que preferirían fusionarse con Ponte Caldelas, territorio co que hai unha maior relación e interdependencia social.

Díaz indicou que o seu Concello estudará persoarse como interesado no expediente de fusión que tramita a Consellería de Presidencia, con independencia de que, se non é posible, poda presentar alegacións durante o período de información pública para deixar claro o seu punto de vista. "Creo que ademais dos informes da Deputación e da Comisión Galega de Delimitación Territorial que a lei galega prevé, deberían informar tamén aos municipios limítrofes, porque temos cousas que achegar", declarou.