Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

No centenario de Manuel Reimóndez Portela

Paz, tolerancia e liberdade inspiraron a vida dun home dotado dunha eminente curiosidade intelectual

Reimóndez coa súa esposa Victoria e os seus fillos María Victoria, José Luís e Manuel Ángel. // Museo

Hai mañá cen anos nacía Manuel Reimóndez Portela na parroquia estradense de San Miguel de Castro onde repousa para sempre a carón da súa esposa Victoria e dos seus amados fillos Manuel Ángel e María Victoria.

Con vinte anos apenas cumpridos -era da quinta do 1937, a leva que barreu sañudamente a Contenda Civil Española, como nos recordaba o seu amigo Camilo José Cela- vivíu nas frontes de León, Teruel e Guadalajara os horrores da guerra de onde regresou dous anos despois coa alma desgarrada e o corazón triste.

Nos anos miserentos da posguerra completa a formación académica e vai encontrando alivio ás súas mágoas, mais teño para min que aquel terrible episodio marcouno para sempre reafirmando a súa vocación médica, modelando os rasgos do seu carácter e consolidando as conviccións que inspiraron toda a súa vida: paz, tolerancia e liberdade.

O relato biográfico de Manuel Reimóndez así como o seu dilatado cursus honorum foron convenientemente recollidos por diversos autores, nomeadamente Olimpio Arca, e polo tanto son sobradamente coñecidos. Permítaseme, sen embargo, a modo de particular e íntima homenaxe neste seu centenario, achegar algún pequeno detalle ou pincelada, xurdidos ao fío da memoria e da amizade coa que me honrou.

Creo que a virtude máis sobranceira de Reimóndez Portela foi aquela súa elegancia intelectual froito da unión entre o seu espíritu sensible e unha formación científica pouco común, forxada na escola médica compostelana da man dos máis eminentes profesores do momento.

Acompañaba ao enfermo na súa particular aventura patolóxica e compartía a súa dor sen esquencer nunca que tralos signos clínicos de moitas doenzas ocultábase unha mágoa da alma e por iso mesmo o proceso curativo precisaba unha intervención simultánea no soma e na psique pois para Manuel Reimóndez o segredo da saúde residía na perfecta harmonía entre aqueles dous elementos da natureza humana.

Sabía escoitar -eficaz recurso terapéutico que el empregaba adoito- e ao seu carón as persoas sentíanse importantes, protagonistas, pois non asoballaba nunca coa indiscutible autoridade da súa cultura e experiencia.

Era ademais un finísimo observador, escrupuloso e atento nas súas exploracións clínicas e estaba dotado dunha eminente curiosidade intelectual. Facíase moitas preguntas e poucas cousas había polas que non se sentise atraído, xa fosen os esquivos síntomas dunha doenza rara, as esvaídas liñas dunha inscrición pétrea ou a humilde arquitectura dos templos, capelas e igrexas que inzan a nosa xeografía.

Ao regreso da súa viaxe á Cuba da súa infancia, onde visitou aos seus amigos Neira Vilas e Anisia Miranda, trouxo na maleta uns puñados de sementes tropicais que plantou nun invernadoiro climatizado onde acabaron agromando, mais murcháronse ao pouco, quizais enfermas de saudade das súas tépedas terras caribeñas.

Da súa permanente reflexión sobre a vida das persoas e da colectividade á que pertencía naceu o seu interese pola nosa común historia e polos problemas e inquedanzas da xente o que o levou a liderar multitude de iniciativas culturais e divulgativas e a fundar no 1982 o Museo que hoxe leva o seu nome co doble propósito de custodiar o rico patrimonio estradense e impulsar o seu estudo. Que mellor homenaxe no centenario de Manuel Reimóndez Portela que abrir de novo as súas portas.

Compartir el artículo

stats