Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Os tesouros do Roteiro da Ponte dos Cabalos (II)

A igrexa románica de Alperiz

A forma do tímpano, o aleiro, o arco e as decoracións vexetais sitúan a súa construción entre os séculos XII e XIII

Capitel con follas tipo palmeira. // A.P.

Templo de estilo románico, de pequenas dimensións (modelo rural románico), parcialmente modificado trala ampliación que se realizou no ano 1846, ao substituir o ábside primitivo por outro moderno, alongando considerablemente a nave. O novo ábside ten o ancho da nave e na súa construcción aproveitáronse os sillares do antigo, segundo se pode apreciar nas numeracións que aparecen marcadas na cara exterior do templo. Desde o punto de vista construtivo aprécianse notables diferencias entre a construción antiga e a moderna, especialmente polo lado meridional, ao empregar sillares de diferentes tamaños que rompen a liña das filas.

Fachada e muros

A fachada occidental remata nunha espadana moderna (1846) permanecendo o resto da mesma inalterada. A porta principal remata nun arco lixeiramente apuntado formado por dous pares de dovelas de diferente tamaño. As dovelas exteriores, aplanadas e con decoración en axedrezado, conectan cos sillares da fachada e as interiores están molduradas. O tímpano, de aspecto practicamente liso, apoiado sobre dúas mochetas e construído nunha soa peza está coronado por un arco de reforzo. Polos laterais atópanse dúas columnas rematadas en capiteis entregos (forman parte da parede), con decoración vexetal, empotrados no muro e servindo de soporte ao arco.

No muro meridional atópase unha porta sen arquivoltas e cun lintel semellante ao tímpano da porta principal, sostido por dúas mochetas. A cornixa ou aleiro está sostida por canzorros (cabeza das vigas que sobresae no exterior) e algúns deles están decorados con cabezas humanas. A existencia de dous soportes empotrados na parede fai supoñer que, adosado a este muro de solaina, debeu existir un alpendre (aleiro sainte).

Doce canzorros

O muro norte presenta unha saeteira cara a parte central e tamén está rematado por doce canzorros con diversas decoracións, algunhas delas dentadas.

A nave tiña catro saeteiras, unha en cada muro, para a súa ventilación e no seu interior os muros están encalados. Na cabeceira da nave primitiva atópase o arco triunfal formado por dúas arquivoltas. A arquivolta exterior descansa sobre dúas columnas rematadas en capiteis decorados con tres grandes follas con bolas no envés. Arredor da nave houbo un banco de pedra que na actualidade quedou enrasado coas lousas do pavimento. Ao traspasar a porta principal existe unha pequena tribuna de madeira que permitía aumentar a cabida de persoas en cerimonias multitudinarias.

En resume, a forma do tímpano, o tipo de aleiro, o apuntamento do arco e as decoracións vexetais indican que se trata dun edificio tardío de finais do século XII ou comezos do XIII.

Compartir el artículo

stats