Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

A Ponte dos Cabalos

"Un espazo a protexer logo de máis de mil anos de resistencia"

A Ponte dos Cabalos, sobre o río Arnego. // Á. Utrera

Sobre as frías e cristalinas augas do río Arnego, a ponte dos soños, mantense contra vento e marea a pesar dos pesares facilitando unha vía de paso natural no límite xeográfico que o río marca entre os concellos de Lalín, no lugar de Parada e Gurgueiro de Agolada,- Auga Levada-, terra barrenta e chairega de brañas enlamadas, xenerosa en ríos, regatos, canles, como o lentisco, Ferreiroa, Vila, Buxel, e o Arengo e o río dos ríos, o Ulla.

Máis de mil anos de resistencia e patrimonio histórico das herdanzas contempla as súas pedras, moitas delas xa dende o fondo do río mesmo, de centos de miles de pasos calados de labregos sumisos, de camiñantes extraviados, de peregrinos e viaxeiros en pos de mellor fortuna, historia de vida mesma dun tempo e unha forma de vivir desaparecida para sempre.

A data máis posible de remate da fábrica fala do ano 970 da nosa era. Mágoa de pedra fundacional, que sen dúbida existiu, como noutras pontes máxicas, tales como a de Vilariño, ou a de Tuiriz, marco natural cara os lugares veciños de Vila de Cruces, nas que a fortuna gardounas para a nosa contemplación é ledicia, aínda que tan so queda constancia dela nos escritos de "Vilariño de Moimenta" que puido lela no século pasado -era DCCCIIC- tal e como relata no seu manuscrito sobre a historia da comarca e da que nos fala Aurora González Areán, no seu traballo para o Anuario de Estudos do Deza, importante traballo sobre a ponte da que estamos a falar.

No entorno natural da ponte que non existe, como foi definida polo escritor e poeta Xosé Vázquez Pintor, dáse a conxunción de diversos e variados elementos naturais da nosa biodiversidade, que xa por si so farían a ledicia de calquera, aínda mais cando podes disfrutar delas de forma xenerosa e marabillosa. O río, e o seu curso en fervenzas e remuíños tormentosas, e outras cun tránsito e morno discorrer á beira do castro de Parada e na súa ribeira, salgueiros, ameneiros, bidueiros, carballos, e unha flora e fauna abundante e variada, pequenas illas feitas polo traballo de sedimentación das augas, tostas e varios muíños, algúns xa tan so ruínas, outros ata fai ben pouco tempo aínda moian, sen esquecernos tanto de Alperiz como río abaixo de Moimenta verdadeiros parques arqueolóxicos, con importantísimos restos de mámoas e petroglifos, restos que nos falan de asentamentos e cultura castrexa de certa importancia na nosa historia na que ocupan lugar de relevancia por unha banda a igrexa románica de Alperiz, e no outro lado a de Ferreiroa, e sería inxusto esquecer nomear a de Ventosa, pois paga a pena facer uns quilómetros e achegarse na súa contemplación e os baldaquinos polos que mereceu a denominación de Catedral do Rural.

Espazo a protexer onde se atopa un mundo cheo de vida vexetal unha arquitectura de auga, con pasares e desniveis para o aproveitamento do río, muíños, tostas, canles, murádellas de pedra que couta as augas das enchentes e agocha a ribeira da erosión, tan ben feitiña, de tanto amor dos devanceiros labregos e as xentes do agro, camiños enlousados que habilitaban o paso esforzado dos carros a tiro de bois e cabalerías, que estamos a perder e desaparecer de pouco.

Carros cantaríns de rodas de madeira feitas a golpe de ferreiro, nas que a xente levaría ás feiras dos Pendellos, museo vivo da pedra, as mercadorías e produtos da terra previo pago do Portazgo, ou imposto sobre o dereito de paso, practicamente o único do que quedou constancia na escrita medieval que saibamos, e que sería un tributo real subrogado como fonte de ingresos e arancel sobre as persoas e mercadorías, por delegación rexia ou mercé daqueles, os señores dos castelos, fortalezas e pazos e a nobreza, encargada da vixilancia, seguridade e custodia dos camiños. Unicamente quedaban exentos da obriga do portazgo; os peregrinos, os monxes, os homes santos dos señoríos monacais, os estudantes, e os afortunados posuidores de privilexios reais, así como determinadas mercadorías, materiais de traballo, e bens de consumo propio. Pero curiosamente non estaban eximidos do seu pago, os cregos, nin os cabaleiros.

Paso libre

Tras el pago correspondinte, o viaxeiro recibía do portazguero, o oportuno "albalá guía", recibo y pase que acreditaba o seu dereito de paso libremente. Non existe demasiada literatura que avale fehacentemente este portazgo, o que si está claro é que tería que ser moi gravoso paralos labregos e comerciantes sometidos continuamente os abusos e espolios dos mais fortes militarmente falando, polo que buscarían novas e as veces perigosas vías de paso e outros camiños non oficiais, mais difíciles pero libres destes tributos que espoliaban o seu xa por si escaso peculio.

No caso da Ponte dos Cabalos, a coñecida como pedra do portazgo, atopábase no lugar de Parada, e polos estudos da toponimia é coñecido o termo, Parada, Paradela; como lugar o longo dos camiños do país, no que se pagaba a "Parata" , imposto o portazgo, tal e como nos da conta no seu libro Los Caminos Medievales de Galicia Elisa Ferreira Priegue.

O paso do tempo o abandono da nosa forma de vida tradicional,o despoboamento das vilas e aldeas, a mellora das vías de comunicación e todo un cúmulo de despropósito están a se converter na causa, a derradeira da desaparición a que esta condenada a vella ponte medieval, na que a degradación progresiva ante a ignorancia e desidia das autoridades, mostra xa signos evidentes.

A Ponte dos Cabalos, é unha boa mostra de construción en cantería cando os camiños eran de intelixente trazado e construción, pragmatismo e fermosura que hoxe son case unha ousadía . Afortunadamente os romanos deixaron excelentes pontes no seu paso polo país.Moitos foron adaptados, mellorados e empregados na época medieval, recuperando vías, con obras de reparación nas que se ían aplicar as novas técnicas desenvolvidas o que logo significou a desaparición de moitas das características destas fábricas romanas.

Para os estudosos na materia o máis característico nunha ponte romana, é o arco de medio punto, e os taboleiros a dúas vertentes, xa que na construción, ao minguar o río no estiaxe, a ponte edificábase dende abaixo coma un acueduto, con calzada plana, en tanto que nas pontes xa medievais, aplicaríase a arte gótica, co arco oxival, e con rampas, o que facilita nas enchentes dos ríos e cas chuvias as filtracións que danan a estrutura, xa que as augas esvaran polas rampas, sen encharcar a ponte

Atopamos un taboleiro plano xa que o camiño ven baixando con pendente non moi pronunciada, e a calzada cunha inclinación, para desaloxar a auga de chuvia evitando enlamados, con dous ollos, o principal abarcando case todo o caudal, máis elevado e amplo para permitir as enchentes das augas, salva e da paso franco ao camiño empedrado do que aínda pódense contemplar algú primitivo, entre as xestas, silvas e o mato do monte, que no medievo usaban carros, e persoas de a pé que dunha banda chegaban polo ponte de Pedroso, (Rodeiro), baixando da serra do Faro, polo camiño de inverno a Compostela, para peregrinos e viaxeiros, cando o Cebreiro e o Alto do Poio facían a viaxe unha aventura practicamente imposible pola neve e o frío invernal, e recollían do outro ramal os de A Veiga (Lalín), e forma parte da época dourada no século X, das vías e camiños principais de comunicación, xunto coas pontes xa mencionados de Pedroso, Taboada, que afortunadamente aínda se conservan, e os de Vilariño , Carmoega, Mourazos e Toiriz, desaparecidos. Para coñecer mais do tema me remito o estudo de Elisa Ferreira, xa comentado, no que explica cales foron as principais vias de comunicacion no medievo. Como curiosidade resaltar as marcas de cantería que en algunhas pontes pódese distinguir e que era característico das construcións medievais, castelos, igrexas, torres defensivas, etc. e que aquí non atopamos.

No seu decurso, o Arnego tras cruzar baixo a Ponte dos Cabalos, colle forza e ritmo entre grandes penedos e paredes rochosas esculpidas en curiosas e as veces imposibles formacións pola forza e o paso inexorable das augas , ata albiscar a Ponte Vilariño onde se asenta a central hidroeléctrica do Arnego, complicando en exceso o paso polo estreito sendeiro de pescadores as veces completamente perdido na humidade das follas putrefactas dos carballos, que desaparecen de cando en vez deixando ao descuberto praderías, zarras e mais dunha zona chairenta e enlamada polos regados que baixan enfebrecidos buscando o leito do río, onde se agochan as troitas na procura dos nutrientes.

A poucos metros da ponte atopamos os restos dunha vella tosta, da que sae unha canle que recollía a auga para dous muíños, dos que xa non quedan senón as ruínas tapizadas polo musgo entre silvas e o silencio absoluto que tan so racha o murmurio das augas. Semella que foran dous muíños xuntos, con cheminea e dúas entradas independentes, e abertos polo seu fronte onde o rodicio devolvía a auga o río a unha impoñente parede rochosa.

Máis adiante volves topar outro novo muíño que recolle o caudal dun regatiño que morre no río grande e antes de entrar en terras de Cadrón, o río vai quedar emparedado en penedos e paredes de pedra que escurecen o curso dos rápidos e pequenas fervenzas, xa case que ata a zona dos chamados muíños das Lamas, que recolle caudal do rego do Ferro, ao parecer, usado nas explotacións mineiras de Ferreiroa, posiblemente no medievo.

Paciencia

Se queremos enfocar o noso camiño río arriba, tampouco atoparemos facilidades para a andaina, xa que salvo os sendeiros de pescadores non hai roteiro posible que facer, polo que teremos que armarnos de paciencia e camiñar para non esvarar e caer as augas, as veces sobre os penedos mesmos, ata chegar a Ponte nova do Porto, moderna construción feita en tempos recentes para dar paso entre Alperiz e Gurgueiro, a estrada que vai a Ventosa, da vella ponte que existiu ata non fai moito, grandes lousas de granito apenas quedan restos .

A lamentable situación de abandono e esquecemento que está a provocar o seu progresivo deterioro foi denunciada, tal e como recolleu Faro de Vigo, en Novembro. do ano 2011, en artigo de Salome Soutelo, pola desaparecida Asociación Amigos dos Pendellos de Agolada, no ano 2009, cursándose mesmo invitación ao Director Xeral de Patrimonio, naquel entón do tripartito, D.Juan Manuel Rey, visita que nunca chegou a realizarse e que sería bo cursar de novo as autoridades competentes na materia na actualidade coa implicación dos actuais alcaldes de Lalín e Agolada, e na que puideran comprobar a desaparición de diversas pedras do petril, os danos causados polo ancheamento da pista de zahorra, así como recuperar as do fondo do río, a pedra da marca do Portazgo, que indicaba a obriga de pago dun tributo real, así como a limpeza das marxes de ramas e troncos das arbores que os temporais levaron a formar tostas naturais, que fan de tapón cando hai avenidas, mesmos obrigando a forza do río a pasar por riba dos sillares de pedra desta fermosa Ponte dos soños, co perigo evidente que elo significa para a súa integridade outros mil anos.

Por certo, éntre aas anécdotas e disparates que pululan pola rede -a xente ten tendencia a crer en todo ou case todo o que lé en internet- atopei esta xoia nunha páxina oficial de turismo de Galiza que transcribo tal cal, por suposto en castelán, falando da igrexa de Ventosa.

Cerca de allí se encuentra también un puente romano muy famoso, sobre el río Arnego (límite natural entre los municipios de Lalín y Agolada). Se le conoce como el Puente del Portazgo. El portazgo era el impuesto que antiguamente había que pagar a los vigilantes de Roma que custodiaban el lugar para poder cruzar el puente. Incluso en las inmediaciones está la piedra en la que los romanos se situaban para cobrar el impuesto. Una leyenda popular dice que este puente tenía un poder teletransportador que hacía que quién cayera al río desde allí fuese absorbido por un agujero y devuelto en otra parroquia situada a varios kms.

Compartir el artículo

stats