Primeiro foi Tattoos da Galiza, e agora Modernízate: pon boina. O Clube da Lingua do instituto Marco do Camballón, de Vila de Cruces, busca sempre aqueles ámbitos nos que o idioma galego estea de moda. E si quedou clara que a lingua está moi presente nas mensaxes a flor de pel que locen centos de galegos, agora o centro educativo cruceño tenta demostrar que un complemento tan tradicional como a boina pode converterse nunha peza chea de glamour e estilo.

A boina, desde sempre, estivo vinculada ao mundo rural, a fonte onde resistiu e resiste o idioma galego. Por iso, no perfil de Facebook do Clube de Lingua pódense contemplar fotografías históricas de xente con boina, como Castelao á súa chegada a Cuba, o equipo de fútbol de Carral, ou un debuxo de 1937 no que Jordi Tell retrata, no cárcere da Coruña, a Quintás Goyanes, Benigno Araújo, Arturo Taracido e Domingo Quiroga, case todos eles con boina. Se estas personaxes históricas portaban a boina con orgullo, igual de fachendosos teñen que estar os alumnos do IES con tal complemento. Como o están, tamén, moitos representantes do mundo cultural galego que decidiron enviarlle ó Clube da Lingua un autorretrato con boina. Por citar só a algúns, estamos a falar de Vituco Neira, de Ruxe Ruxe ou o afamado presentador do Luar José Ramón Gayoso.

O proxecto do Clube da Lingua xa saiu máis dunha vez na televisión autonómica, e onte volveu facerse dono das cámaras. O motivo era unha novidosa proposta de colaboración que demostra que usar boina e falar galego é sinónimo de ir á última moda. Os alumnos do Marco do Camballón colaboraron na xornada de onte cos da Escola de Artes Mestre Mateo, de Santiago, en concreto cos que estudan os ciclos superiores de Fotografía e Xoiaría. Os alumnos cruceños facían de modelos dunha improvisada pasarela no primeiro andar da escola compostelá mentres os futuros fotógrafos inmortalizaban o desfile, ao ritmo dun rap que invitaba a sumarse á iniciativa. Pero é que ademais, estes alumnos de Fotografía tamén retrataron a escritores, músicos, poetas e demais membros da escea cultural galega ataviados con boinas. Non faltou á cita Sandra Vilas, a artesá que deseñou a primera boina do século XXI. Pero ollo, non eran unhas boinas calquera, pois estaban adornadas con elementos diseñados por alumnos do ciclo de Xoiaría. Estes ornatos eran pequenos pinchos específicos para este tipo de complementos, e que daban un plus de modernidade.

Do que se trataba, como indica Sechu Sende, profesor do centro cruceño, é de "unir o concepto de boina cun idioma que está en crise de transmisión xeracional, co fin de achegalo con moito humor e festa á xente nova e urbana, para que vexan a realidade da lingua galega sen prexuizos". E qué mellor para esquecerse dos prexuízos que rodean o galego que poñer sobre a cabeza unha boina, para demostrar que é un complemento tan vivo e con futuro como o idioma galego.