Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Soutolongo, aldea singular (IV)

Os últimos conflitos

Os problemas da parroquia nos últimos anos céntranse en leves disputas relacionadas con lindes e a propiedade da casa-escola

Placa de mármore na fachada da vella escola onde se le: "Los hijos de Soutolongo agradecidos a la familia González Gamallo, fundadores de esta escuela. 1926". // A.P.

A conflitividade parroquial, nos últimos anos, centrouse en leves disputas relacionadas cos lindes da parroquia e na cuestión da propiedade parroquial da casa-escola de Vistalegre. Respecto dos límites parroquiais, a problemática procede de cuestións históricas, ás veces, bastante imprecisas, que se centran en tres zonas: Castro de Vilar, Monte de O Couto e área da Mámoa da Cruz en Castro de Arriba (Vilatuxe).

O Castro de Vilar, antigamente coñecido como Castro Daquel Lado, está localizado no interior dun meandro encaixado do río Asneiro ao seu paso entre Botos e Soutolongo, na marxe esquerda da corrente fluvial, é dicir, no dominio natural da parroquia de Soutolongo. Por razóns históricas descoñecidas, os habitantes de Sestelo (Botos), teñen parcelas no monte do castro e iso ten sido motivo de disputas cos veciños de Vilar (Soutolongo), especialmente no século XIX.

O río Asneiro é o límite de separación natural entre as dúas parroquias, pero este lugar tivo unhas características excepcionais. No monte do Castro o parcelario pertence aos veciños das dúas aldeas, pero os de Sestelo non contaron cun acceso adecuado ás necesidades para chegar as súas fincas, a non ser por un paso a traveso do propio río no sitio denominado Porto dos Carros, por onde cruzaban o río, en período de augas baixas. Para desprazarse desde Sestelo ata o castro había que contornear o meandro pola parte de fóra e percorrer unha longa distancia por un camiño irregular.

Cerca da zona de estreitamento do meandro, ao sur dos foxos do castro, localízase "o valado da disputa", que serviu de fronteira para uns e para outros. Os veciños de Sestelo cando atopaban unha "besta" dalgún veciño de Vilar no seu territorio, porque traspasara o valado, apresábana e poñíanlle un pau atravesado na boca para que non puidera comer e pasábana para o outro lado do valado, para terreo dos veciños de Vilar. Os deste lugar seguían a mesma pauta, cando era ao revés, pero todo cambiou a raíz da construcción da Central Hidroléctrica do Castro.

A Central do Castro, popularmente coñecida como A Fábrica da Luz, foi construída entre 1918-1920 e, unha vez posta a funcionar, estivo atendida durante as 24 horas por dous empregados da aldea de Sestelo, pero ao lado tiveron que colocar un muiño a servizo de varios veciños de Vilar, porque o encoramento da presa asulagáralles o da Chousa do Muiño. O muiño construído a carón da central funcionaba coa auga desviada polo túnel trazado por debaixo do Monte do Castro, prestando un servizo gratuito aos propietarios do asulagado; para o resto de usuarios era un muiño de maquía.

A menos de 400 metros abaixo da central había outro muiño, o do Val, tamén pertencente a veciños de Vilar e foi preciso rebentar a súa tosta para facilitar a fluidez na circulación das augas, que encoraban un pouco máis abaixo da central, na Costa da Ponte. Coa eliminación deste muiño aumentou levemente o número de veciños con "dereito preferente" a moer no da fábrica.

Os veciños de Vilar copropietarios do novo muiño, unha vez aberto un camiño de carro a través das estructuras externas do Castro Daquel-lado, empezaron a trasladarse con frecuencia a este lugar para moer os cereais (centeo, trigo e millo) que cultivaban, converténdose a hidroeléctrica nun punto de encontro e convivencia. Acabáronse as vellas disputas e, mesmamente, durante as noites de inverno os veciños de Vilar acudían á Fábrica da Luz como lugar de entretemento.

Por outra banda, arredor de 1918, construiuse unha ponte de madeira sobre o Asneiro para transportar, desde Sestelo, os materiais e a maquinaria da eléctrica. O camiño aberto através do Castro Deste-lado (Sestelo) permitulles aos desta aldea acceder aos terreos que tiñan no Castro Daquel-lado (Vilar) e facer uso dos mesmos para acopio, basicamente, de leña, madeira e toxos.

Na década de 1970, Fenosa pechou a central e aos usuarios preferentes (veciños de Vilar) do muiño, que funcionaba en paralelo coa mesma, concedéronlles dereito de moenda gratuito noutro de corrente trifásica que se construiu no Monte de Baxán, actualmente Polígono Industrial de Botos. En 1984 a ponte de madeira foi arrasada por unha enchenta, agravada porque rebentou a presa. Os veciños de Sestelo conseguiron que o Concello da Lalín lles enviara, en 1987, unha escavadora para ensanchar o camiño que chegaba ata a Fábrica da Luz. Unha vez ensanchado, pretendían que a Xunta de Galicia se fixera cargo da construción da ponte. A perda da ponte, unida a todos os cambios sociais e económicos habidos neste período, levaron a un abandono do espazo ocupado polo castro, pero tamén se acabaron as relacións interveciñais dos habitantes de Sestelo cos de Vilar.

Aquela vella polémica, que se daba por desaparecida, agromou dunha forma sutil en 2012 cando os de Sestelo empezaron, novamente, a presionar ao Concello para que ensanchara o camiño da Fábrica, de forma que as aldeas de Vilar e Sestelo recuperasen unha comunicación interrumpida durante 28 anos. Presentaron a petición ao concello en base ao argumento da necesidade de construir unha nova ponte, para unir as dúas aldeas cunha pista ancha pola que puideran circular os vehículos, pero as intencións de fondo eran diferentes, dado que pretendían acceder ás fincas do Castro Daquel-lado.

Nese mesmo ano, unha escavadora da Deputación procedeu ao ensanchado do camiño, primeiro pola parte de Sestelo e logo pola de Vilar. A actuación afectaba ás estruturas externas do Castro de Vilar e foi preciso desvialo a máis de 200 metros de distancia. Este desvío non contentou aos veciños de Sestelo porque os alonxaba do acceso ás súas parcelas no Castro de Vilar.

A casa-escola

A cuestión da propiedade parroquial da casa-escola de Vistalegre foi resultado dunha serie de circunstancias que se cruzaron nun determinado momento histórico. Está situada na localidade de Vistalegre, a carón da estrada Lalín-Cachafeiro (PO-534), nunha finca de 4.500 m2, cun cobertizo adicional e un pozo para abastecemento escolar. Inaugurada en 1926, a súa construción foi costeada por emigrados a Arxentina. Funcionou como escola con dous locais, un para nenos e outro para nenas. Posteriormente trasladouse a unidade feminina a outro sitio e o local que esta ocupaba transformouse en vivenda para o mestre.

Coa reforma educativa propiciada pola Lei Villar Palasí (ministro de Educación) e a aparición das concentracións escolares para impartir a EXB (anos 70), a escola desapareceu como tal. Os escolares foron levados durante un par de anos ao Colexio Manuel Rivero, de Lalín, e, arredor de 1972, ao de Vilatuxe. Durante moitos anos foi mestre da escola de nenos desta parroquia D. Manuel Ganzález Rodríguez, alias O Cancelo, quen residiu na casa adosada. Trala súa xubilación en 1964, esta vivenda quedou libre porque o novo mestre deprazábase diariamente desde Lalín.

Nese tempo, co apoio dos propietarios do Pazo de Des, creouse un teleclube que ocupaba unha parte do local escolar, procurando non causar interferencias no ensino, polo que se abriu unha nova porta de entrada polo lado norte do edificio. O teleclube empezou a organizar actividades culturais e deportivas (fútbol) e non houbo problemas de convivencia coas actividades escolares ata que veu destinada a última mestra, que pronto sería concentrada no colexio de Vilatuxe. Estaba familiarmente vinculada cos benefactores orixinais, os que donaran o terreo e, coas axudas recibidas en Arxentina, costearan as obras do edificio escolar. No local había unha televisión que os veciños acudían a ver algunhas noites, sobre todo os días festivos e sábados. Isto ocasionou molestias á mestra ocupante e á súa familia e así o fixeron saber, nun primeiro momento, mediante queixas, pero pronto comezaron a realizar actos de protesta (pechar as portas do local ou poñerlle táboas cravadas á porta, encender unha moto pola noite no local contiguo, sacar as sillas...).

Esta situación estaba creando tensión entre os socios-veciños do teleclube e a familia da mestra, que foi considerada unha okupa, unha vez trasladada a Vilatuxe. A escola unitaria de Soutolongo deixou de funcionar como tal, pero a mestra seguía ocupando a vivenda escolar. Parecía que a mestra, facendo valer dereitos de herdanza, pretendía quedar na vivenda para convertela en propiedade, xa que deixara de cumprir a función para a que fora creada. A tensión foi en aumento e os socios do teleclube empezaron a manifestar o seu descontento ata que, un día pola mañá, apareceu un tractor arando no campo de fútbol parroquial, instalado na finca do circundo escolar, pola parte traseira. Un veciño de Eirexe acercouse ao sitio e fíxolle saber ao tractorista que debía abandonar, inmediatamente, o terreo porque era dos veciños da parroquia. O tractorista manifestou que foran os ocupantes da vivenda quen lle mandaran facer o traballo, pero retirouse ao instante.

Este acontecemento foi a gota que colmou o vaso e pronto houbo unha reación dos veciños, que sempre consideraron que a escola, con todo o que había dentro da finca, era unha propiedade que lles pertencía por doazón lexítima e testemuñada desde 1926. O problema pasou á vía xudicial e aproveitando esta circunstancia a mestra abandonou, temporalmente, a vivenda, deixando nela os seus enseres. Os veciños acordaron recoller tódalas pertenzas da mestra e levalas nun tractor a súa vivenda real (Vilar do Río, Bendoiro), aínda que isto conlevara outra denuncia. Finalmente, a xustiza doulle a razón á parroquia e todo voltou á normalidade, quedando a casa-escola e o terreo do circundo como ben parroquial. O teleclube dispuxo de todo o espazo e continuou funcionando. Hoxé é o local social de Soutolongo.

Compartir el artículo

stats