Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Soutolongo, aldea singular (I)

Unha parroquia definida polo trazado do Asneiro

Situada no "pé de monte" dos sistemas montañosos que forman a Gran Dorsal Galega, ten neste río a súa propia columna vertebral

Teito dunha "inversión térmica invernal" sobre o polígono de Botos, vista desde a aldea de Vilar (Soutolongo). O fume ao chegar ao teito da inversión térmica estáncase sobre unha liña horizontal. // A.P.

Soutolongo está no "pé de monte" dos sistemas montañosos que forman a Gran Dorsal Galega, que separa a Galicia Costeira da Galicia Interior, atopándose, en concreto, no tramo central ou transversal da mesma. Este sistema montañoso, segundo os xeógrafos, comeza a partires dos 600-620 metros de altura, polo que, aquí, pódese decir que o Castro de Lodeiro (644 m), no extremo SO da parroquia, forma parte dun apéndice da Dorsal, que se extende desde Pena Albura (821 m), conformando a liña divisoria entre os ríos Deza Superior e Asneiro. Entre o sitio máis elevado da parroquia (Castro de Ludeiro, 644 m) e o máis baixo, que coincide coa saída do Asneiro polo costado NO, na Tosta do Requeixo (427 m), hai un desnivel que sobepasa os dous centos metros e, por iso, poden diferenciarse dous espazos complementarios na paisaxe: as zonas altas e as zonas baixas.

As zonas altas localízanse nas liñas divisorias de augas, que se atopan polo flanco occidental da parroquia, entre o Coto do Castro (Castro de Lodeiro) e o Coto de Vistalegre, así como ás divisorias internas (dentro da parroquia) de San Caetano, O Seixo e As Chairas. As zonas baixas corresponden ao fondo dos vales, articulados polo río Asneiro. Estes fondos de val son o propio Asneiro, o rego de Carracedo, o rego de Chousa do Muiño e o val de Marcelín. As zonas altas e as baixas forman unha sucesión case rítmica de dirección SO-NE, acotada pola liña divisoria occidental da parroquia e polo río Asneiro, fortemente controlada pola estrutura xeolóxica, especialmente o rochedo e a tectónica (fracturas e fallas entrecruzadas en varias partes da parroquia).

O encaixamento do río Asneiro, a partires da Ponte Nova (estrada Lalín-Laro), onde ten lugar un cambio de dirección desta corrente fluvial, tamén condiciona o relevo da parroquia, marcando dous sectores: o sector Norte e o sector Sur. O sector Sur queda separado do sector Norte pola divisoria secundaria que vai desde o Coto de Vistalegre ata o Monte de Des-Val da Silva. A este sector correspóndelle unha pendente uniforme, é a zona máis poboada, con maior densidade de aldeas e con máis superficie cultivada (agros, prados). O sector Norte, que se extende entre a anterior subdivisoria e o rego de Marcelín, caracterízase pola planitude nas partes altas (Monte de Fontabulleiro, As Chairas) e pola acusada pendente imposta polo encaixamento do río Asneiro. É a area máis despoboada, na que domina o espazo forestal (carballeiras).

A parroquia de Soutolongo, pola súa posición xeográfica, está dentro da zona climática temperada oceánica, pero vese afectada por matices de carácter local sen que cheguen a orixinar unha área mcroclimática definida. Os elementos do clima (temperaturas, precipitacións, humidade relativa, días de xeada, vento, etc.), considerados como variables individuais ao longo do tempo, influiron decisivamente nas condicións de vida, no desenvolvemento económico e no poboamento.

Valores meteorolóxicos

Tendo en conta os valores meteorolóxicos da cercana estación de Mouriscade pódese dicir que o clima da parroquia vén caracterizado por unha temperatura media anual de 11,6ºC, sendo xaneiro o mes máis frío cunha media de 6,1ºC e agosto o máis cálido, con 17,9ºC, polo que a oscilación térmica é de 11,8ºC. As precipitacións medias, a pesares do efecto de sombra pluviométrica imposto pola Serra do Candán ao paso das borrascas de procedencia atlántica, sitúanse en torno aos 1.263 mm. O mes máis chuvioso é outubro, cunha media de 181 mm e o máis seco xullo, con tan só 20 mm de promedio. En canto aos valores anuais, a precipitación máis alta rexistrada é 1.957 mm e a máis baixa, 792 mm.

Relacionando temperaturas con precipitacións pódese dicir que o clima desta parroquia é un clima oceánico de transición no que existen dous meses áridos, xullo e agosto, nos que as plantas se ven sometidas aos efectos da seca estival.

Un aspecto importante, a ter en conta, é a inversión térmica que ten lugar no fondo do val do río Asneiro, en determinados días, durante o inverno, nos que domina a situación anticiclónica. Así as aldeas de Carracedo, Soutolongo de Abaixo e O Tarreo marcan o límite superior ou "teito" desa inversión, caracterizada por presentar unhas temperaturas inferiores ás da zona que se atopa por encima. Loxicamente, o espazo afectado por esta inversión térmica estivo tradicionalmente deshabitado: "O frío e a humidade que hai á beira do río son a causa de que a xente non viñera para aquí".

As augas

A auga tivo unha importancia primordial no desenvolvemento económico da Galicia rural, porque moitos cultivos dependían dela en determinados momentos do seu ciclo. O curso da auga máis importante na parroquia é o río Asneiro, que é unha auténtica columna vertebral que articula a rede fluvial da zona. A chegada do río Asneiro a Soutolongo coincide coa desembocadura do río Lebozán, pero vanse engadindo pequenos regatos internos (teñen todo o seu trazado dentro da parroquia), como son: Os regos de Carracedo, Fontelas, Des, Val da Silva, Chousa do Muiño, Fontebuxá, Quella do Val e Marcelín. Moitos destes regatos foron empregados para fertilizar os prados de regadío mediante complexas redes de presas ou, no caso de levar un caudal máis sostido, para a instalación de muiños (ríos Lebozán e Asneiro e rego de Marcelín).

As augas subterráneas foron aproveitadas como reserva hídrica e utilizadas sobre todo para uso doméstico mediante pozos, minas ou encamentos. Polo regular cada vivenda dispoñía dun pozo, aínda que, a distancia que había entre uns e outros, a veces, non fora superior a 20 metros. Os encanamentos e as minas empregábanse basicamente para regadíos, a pesares de que durante o verán se viran afectados pola seca.

A vexetación

A vexetación potencial ou clímax da parroquia é a correspondente ao bosque oceánico caducifolio con dominio de carballos, castiñeros, bidueiros, salgueiros, freixos, ameneiros, abelairas e, nalgún enclave, carballos negrais ou cerquiños. A actividade vexetativa abarca un período relativamente amplo de 7-8 meses, con xeadas, sobre todo, entre novembro e marzo. As asociacións vexetais máis importantes, localizadas na parroquia, son: Matos, brañas, carballeiras, soutos, bosque ripario e especies introducidas.

Os matos ou matogueiras corresponden ao nivel silvico (en zona de bosques) e débense ao secular uso antrópico do territorio: Roturacións, talas, estivadas, cultivos, pastoreo e incendios, que favoreceron a súa expansión, a expensas do denso bosque caducifolio, que cubría por completo a parroquia en tempos do pre-Neolítico (antes da aparición das mámoas). A vexetación de tipo serial ou subserial, que se expandiu nas zonas roturadas, foron as xesteiras, os codesais e os toxais, moitas veces cultivados para a súa posterior transformación en esterco nos cortellos ou nos quinteiros (fertilizante agrícola tradicional).

As brañas, con vexetación propia de zonas húmidas, caracterízanse pola presenza de especies que sobreviven en condicións de encharcamento continuo, especialmente no fondo dos vales, en zonas asulagadas. Na actualidade teñen desaparecido moitas delas por causa da implantación de praderías e, por iso, consérvanse varios microtopónimos referentes a zonas hidromorfas, en case todas as aldeas da parroquia, tales como: O Xuncal, A Poza, Os Chousiños, A Braña, Os Gancedos, etc.

As carballeiras foron a vexetación dominante no pasado, pero, na actualidade, as que se conservan son de orixe antrópica, debidas á silvicultura tradicional que as tiña incluídas dentro do ciclo da agricultura de subsistencia. A carballeira proporcionaba madeira, leña, froitos (as landres) e materia orgánica (as follas) empregada para a cama do gando nos cortellos antes da súa transformación definitiva en esterco. Estas masas forestais recibiron un duro castigo, unha tala selectiva impresionante, durante a década dos anos 50 para a elaboración de travesas usadas na vía férrea Ourense-Santiago.

Os soutos, formados por castiñeiros aproveitados para madeira e para a obtención de castañas, moi importantes na alimentación humana, tiveron gran importancia nesta parroquia, que debe o seu nome a esta árbore: "Soutolongo = extenso (longo) souto".

En canto ás especies introducidas, cabe destacar piñeiros, eucaliptos e mimosas. Os primeiros eucaliptos que chagaron á parroquia foron traídos como árbores de xardín, con caracter ornamental, na década dos anos 20 na aldea de Vilar (O Campiño), pero, a partires da década dos anos 50, xa foron considerados como árbores de crecemento rápido, moi apropiados para a súa comercialización e transformación en celulosa (caso dos cultivos da Zarra Nova, O Viveiro e O Palomar).

Compartir el artículo

stats