O instituto Marco do Camballón, Vila de Cruces, volve sorprender cunha proposta singular para reivindicar o emprego do galego entre as xeracións de falantes máis novos. Desta volta bota man da boina tradicional galega. Baixo o lema Modernízate, pon boina quere mostrar a intención de renovar a imaxe deste complemento tradicional e promovelo como accesorio de vangarda estética. "Os hipsters están pasados de moda, chegou o tempo dos boiners" apuntan dende o Clube da Lingua, círculo que impulsa esta iniciativa. Despois de acuñar ata o seu propio termo para esta corrente estética buscan seguidores, e para ilo optaron por impulsar un concurso.

O obxectivo da proposta e dobre: por unha banda promover o uso do galego nas redes sociais entre os máis novos e por outra poñer de moda este accesorio tradicional. Una maneira máis de "identificar o noso idioma coas últimas tendencias de moda e fotografía" . Con estes elementos de base o concurso combínaos para "crear espazos de relación en galego de xente nova".

Pero o certame ten outras claves a ter en conta. Busca promover valores de igualdade e crear un proceso de reflexión para a educación non sexista. Un xeito máis de "criticar as dinámicas que cousifican as mulleres no mundo da moda". E como na meirande parte das propostas deste dinámico clube, a orixinalidade tamén vai parella co humor "como ferramenta necesaria pos procesos educativos, así como a relación do ámbito educativo con outros aspectos sociais".

Trátase dun concurso de fotografía que conta con dúas categorías. Por un lado Boina de Ouro, no que se terá en conta a calidade, orixinalidade, creatividade e valor sociocultural da fotografía. E por outro está a Boina Simpatía que ten como obxectivo a participación nas redes sociais con fotografías realizadas espontáneamente. O fin é procurar unha imaxe da boina con humor e simpatía.

O xurado estará composto por alumnado e profesorado do centro así como a zoqueira de Merza, Elena Ferro, como representante do mundo da moda. "Elena demostra que un calzado tradicional, moitas veces despreciado como os zocos, pode chegar a ser tendenza de vangarda na moda europea", xustifican dende o Clube da Lingua. No xurado tamén participarán representantes dunha tenda de fotografía de Vila de Cruces. Ademáis contará coa colaboración dunha revista especializada en moda, internet e comunicación.

O premio, como non podía ser doutro xeito, consistirá nunha boina bordada para a ocasión. O prazo do concurso prolongarase durante a tempada de outono e inverno. E da evolución do concurso irá dando boa conta a páxina do Clube da Lingua na rede social de Facebook.