Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Camiño entre petróglifos, pantallas e polafías

Capitán Gosende bautiza como Laxa da Romaxe o seu cuarto gravado descuberto no monte de Pedre

Membros de Capitán Gosende a carón do petróglifo da Laxa da Romaxe. // Xoán Soto

O venres día 9, á noitiña, deille principio ao lecer asistindo, como membro da Sección de Literatura de Tradición Oral da AELG, á Polafía da Estrada. A palabra "polafía" é un neoloxismo referido ás reunións ou veladas de carácter festivo con contidos literarios e musicais, que teñen como obxectivo primordial o de pór en valor e rescatar do esquecemento o valioso patrimonio oral, literario e musical galego.

Coordinadas polo escritor Antonio Reigosa, a polafía da Estrada foi a trixésima das celebradas até o de agora polo país adiante. En 2007, a Cerdedo correspondéralle organizar a cuarta edición, na que brillou con luz propia a querida cantareira Manuela Cortizo Medal, "Manuela de Barro". Xa choveu, xa aloveou.

Os amigos da Asociación Vagalumes, Xoán Carlos Garrido e David Otero, presentáronnos un fermoso e variado espectáculo de reivindicación cultural no que non faltou de nada: a angueira do liño, a música, o canto e o baile tradicionais da man dos grupos Tamparrantán e Tequexetéldere; o Entroido do val de Vea glosado por Manuel Reices, e os contos tradicionais nas voces de Luís Rivas "Barbastristes", Marcos e Tino Regueira Paz, neto do defunto David Paz, músico de Cerdedo.

Aproveitei a oportunidade para saudar e conversar cos amigos Antonio Reigosa, Isidro Novo, Xoán Carlos Garrido, David Otero e Tino Regueira e mais para apalabrarmos unha pronta excursión polo monte do Seixo (Roteiro da Montaña Máxica), guiando a xente de Vagalumes. Non foi mala feira a da Estrada.

Xa no domingo, ameazados pola cabuxa do furacán Xoaquín, os de Capitán Gosende enfrontamos a xornada apelando á resiliencia nosa de cada día. Ana Santiso, Nando Vázquez, Xoán Soto, Anjo Torres e quen escribe botámonos ao monte, e o vendaval acabou apiadándose de nós. Non podía ser doutro xeito, chamándose o vento Xocas.

A noite do 31 de outubro para o primeiro de Santos, os Gosendes celebramos en Cerdedo o Roteiro da Pantalla que este ano fará a súa quinta edición. A meta da camiñada espectral que programamos para a noite do Magosto é a estación petroglífica da Laxa das Filloeiras, os dous conxuntos inscultóricos que tiven a sorte de atopar o 3 de marzo e o 22 de xullo de 2012 e que se localizan no monte de Pedre, no lugar denominado Os Castelos. Cumpría, xa que logo, botarlle unha ollada ao percorrido escolleito para a presente, por aquilo de improvisar só o estritamente necesario.

A media costa, un presentimento apurroume a abandonar o camiño previsto e a rubir por unha devasa aberta entre o piñeiral. Case sen alento, acadei un relanzo. Baixo os meus pés estendíase un laxedo cuberto de frouma, lique e brión, acoutado, polo leste, por uns penedos que, a xeito de funil, evocaban as torres dunha antiga e zafreada fortaleza. A grandes trazos, aquel chan lousado presentaba moitas similitudes co santuario rupestre da Laxa das Filloeiras, situado, monte arriba, a uns 150 metros cara ao sueste.

Achegueime á base daquela pena casteleira e axiña os ollos se sentiron atraídos por un risco acazapado baixo o cobertor vexetal. O indicio esperanzador axiña se converteu en felicísima certeza. Quizais, miles de anos despois, unha man humana volvía acariñar as pegadas daquel alfabeto insondábel.

O petróglifo descuberto o domingo 11 de outubro de 2015 (coordenadas: X: 546.731; Y: 4.708.098) componse, a primeira vista, duns 63 elementos (cruciformes, cruciformes pometados e/ou antropomorfos, coviñas, idoliños...) distribuídos nun panel a dous niveis. No nivel superior, a laxa presenta unha grecha ou rebaixe que, de arriba a abaixo, divide a tona da pedra en dúas metades de proporcións parellas. Á esquerda da fendedura, distribúense uns 19 motivos. Á dereita, 32. No panel inferior, cun grao maior de inclinación, riscáronse uns 12 motivos.

Decidiuse bautizar o novo achado co nome de Laxa da Romaxe, xa que, o conxunto lembra un festexo cerimonial, unha ruada, un serán, un remuíño de xente que se agrupa ou baila arredor de dúas figuras principais profusamente adobiadas. Unha polafía, si, quitáronmo da boca.

Asemade, con esta denominación, Capitán Gosende quere homenaxear as amigas e amigos da Asociación Irimia. O pasado setembro, en Penas de Rodas (Outeiro de Rei), co gallo da súa XXXVIII Romaxe, os de Irimia honráronnos coa entrega do "ramo". Capitán Gosende, canda o colectivo Canón de Pau (Cotobade), traballaremos para que o vindeiro ano, a trixésimo nona edición da súa multitudinaria celebración teña por escenario o "oenach" do monte do Seixo.

O achado do petróglifo da Laxa da Romaxe (ou dos Irimegos), o cuarto que os exploradores de Capitán Gosende atopan no monte de Pedre, sérvenos para denunciar a situación de franca indefensión do patrimonio arqueolóxico desta parroquia, ameazado, entre outros proxectos, pola trincheira do tren de alta velocidade. O novo gravado rupestre localizaríase a escasos 200 m ao sur da liña límite de edificación da infraestrutura ferroviaria.

O 21 de setembro celebrouse no Concello de Cerdedo un pleno no que, a preguntas da oposición, a autoridade local volvía insistir en que o AVE non pasará por Pedre (ou si, e xa se verá). A comunidade de montes de Pedre, confiante no mesiánico vaticinio, aínda non estimou oportuno convocar unha xuntanza para falar sobre o asunto. Alá cadaquén. O colectivo Capitán Gosende, malia o silencio incomprensíbel dos comuneiros, seguirá pateando o territorio para, na medida das nosas posibilidades, minimizar os estragos que se agoiran. Escusamos dicir que o sitio arqueolóxico da Laxa da Romaxe se engade dende xa á oferta cultural do Roteiro polo Pedre milenario, deseñado por Capitán Gosende en 2013.

Coa descuberta do petróglifo da Laxa da Romaxe na parroquia de Pedre, o colectivo Capitán Gosende suma 17 petróglifos no concello de Cerdedo e catro no da Estrada (parroquia de Sabucedo). Os Gosende enviámoslles un agarimoso saúdo aos compañeiros e compañeiras da Asociación Rapa das Bestas, desexándolles moito éxito para a nova rota dos muíños de Vesacarballa que tiveron a ben ampliar, atinxindo os recén-descubertos gravados rupestres do Outeiro da Pena (O Curuto). Faise camiño ao andar..

Compartir el artículo

stats