Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

As pedras que gobernan o tempo (I)

Na estrema entre Cerdedo e Cotobade érguese unha pena cornada nomeada Penaquetanxe que esconxura as treboadas

Membros de Capitán Gosende, dende o Outeiro da Corva a Penaquetanxe.

Os de Capitán Gosende temos por honra considerármonos "fillos das silveiras". Dado o calamitoso estado dos nosos montes, acadar os cimos de picoutos e cotarelos esixe, adoito, expor a nosa anatomía ao rudo aloumiño de cachares e silvamachos.

Non hai queixa, as sesións de acupuntura xamais foron en van. A montaña é unha avoa ríspeta, mais tamén, xenerosa e comprensiva. A vella non esquece aboarlles a paga aos netiños que, semana tras semana, tornamos á aldea para sentar no seu colo e bicar as súas meixelas enrugadas.

A montaña quérenos, non hai dúbida, e nós deixámonos cativar polo seu engado. A montaña sabe como acirrar a nosa curiosidade, o noso desexo de saber, o noso degoxo polas larpeiradas que agocha na faltriqueira.

Comezamos o mes de maio na rebusca de gravados rupestres nas lombas do Outeiro da Corva, en cuxos penedos se riscaron as cruces de termo dos predios monteses de Pedre e Limeres (Cerdedo). As excursións deron os seus froitos, pois, tras a singradura, dous novos petróglifos (Outeiro da Corva I e II) caeron nas redes destes mariñeiros de auga doce.

O lema olímpico "Citius, altius, fortius" esporea o noso ánimo e a por de furar na matogueira, unha tarde de rechorida primavera, os nosos pés atinxiron a estrema do concello de Cotobade.

Alí, naquela verdecente atalaia, á beira da devasa de deslinde, érguese unha pena cornada que os naturais nomean Penaquetanxe (coordenadas.- X: 546.677; Y: 4.707.167; alt. 630 m). Na outra beira da devasa, unha cruz de termo tallada nun penouco salienta do lugar a súa vella condición de fito fronteirizo.

Fotografámonos arredor da impoñente Penaquetanxe, fermoso exemplo de pedra cabalada. A súa horizontal prominencia distínguese dende a distancia, visíbel, por exemplo, dende a N-541 que, ao lonxe, se precipita cara á fondeira do regueiro do Barco, nas inmediacións das Cortellas de Pedre. Moito ha mudar aquela bela panorámica cando se interpoña o viaduto do AVE.

Penaquetanxe (Penaquetangue ou Penacatanxe), a "pena que toca", combina á perfección a sonoridade do chamadeiro coa súa pretérita e abandonada función. O topónimo é, de seu, un podente esconxuro.

Nun territorio en franco despoboamento, as escenas de pastoreo son estampas do pasado. Porén, non hai tanto, os pegureiros da redonda escollían as herbeiras do planalto para apacentar os seus rabaños. Os que botaban a vidiña no monte, sometidos ao arbitrio da meteoroloxía, ben coñecían as virtudes do penedo, encomendándose confiantes á súa protección.

Penaquetanxe posúe a selleira propiedade de esconxurar as treboadas. Penaquetanxe é un petouto avegoso do trebón, da chispa impredicíbel, do ceo relustrado. Penaquetanxe arreda o nubeiro eléctrico, garda bípedes e cuadrúpedes do fatal ferrete do raio.

Se o ceo rompía a falar por boca do trono ("Andan os zoqueiros por riba"; "Anda o demo a facer no carbón"; "Están arrombando os mobles no ceo"...), o pastor precavido empoleirábase no rochedo e ao pé do beirado, batía con forza o seu caxato naquel nariz de pedra que apunta cara ao norte.

Abofé, a xente mallaba no badal de Penaquetanxe acompañándose dalgún recitado ("Tente, trono, tente aí, que Deus pode (ou manda) máis ca ti!") ou reforzaba o ritual invocando a mediación do Ecce Homo, da santa Bárbara ou do san Bertolameu: "Que onde san Bertolameu sexa nomeado, non caerá faísca nin raio; non se afoghará no río, nin se ha morrer a ferro frío...".

A pedra percutida emitía unha xorda vibración, un tanxer imperceptíbel para o oído humano, mais, velaquí o prodixio, apazugador da ira do deus do trono.

A conta feita entre o relampo e o estrondo certificaba que a perturbación se ía afastando, arrastrando o perigo para alén do Seixo.

O costume de afastar o mal da cabeza dun para pousalo na do veciño non se restrinxe á esconxura do raio. É coñecida a fórmula coa que se libran os agros da néboa corriqueira e murchadora que, en Cerdedo, denominan "picañoa": "Esconxúrote, neboerio, coas cornas dun carneiro; esconxúrote, neboeiro, volve (ou vaite) prós cotos do Ribeiro!". Ao pouco, o fuscallo cesaba a súa galga, desapegaba da terra e os seus farrapos esfianchaban de vez en raiolas de sol.

En cada cimbra un petón para neutralizar a torboeira, rito prehistórico que, coa cristianización, asumiron espadanas e campás. Naqueles montes, cumes pedrosos coma o do Outeiro do Sino ou o do Sino de Goga (do lat. signu(m) "sinal"), poden corroborar, quizais, o emprego das pedras como campás (sinos).

O lugar de Penaquetanxe non só nos agasallou co misterio da súa maxia. A escasos metros, ao abeiro doutro penedo, achamos a boca dun tobo lobeiro. Na soleira, dous lobetos envurullados, acabadiños de nacer, aínda húmidos, indefensos, cativaron a nosa atención boa parte da tarde. A loba, dende a desesperada distancia, ben seguro, non nos quitou ollo.

Descendemos coa impresión certa de que, outra vez, a Deusa Nai beicera o noso esforzo.

Á semana seguinte recuncamos na busca do extraordinario. Manuel Fortes, o xeógrafo do grupo, trouxo novas doutra Penaquetanxe, semellante á anterior en morfoloxía e atribucións, mais localizada nas proximidades do Castro Toraxe (a uns 5 km cara ao sur da primeira e a uns 2'5 km cara ao sudoeste do lugar de Caroi), terra dentro do concello de Cotobade. Cónstanos, así mesmo, a existencia doutra Penaquetanxe no lugar de Cerdeira, concello de Xunqueira de Ambía (Ourense).

Repetindo o itinerario que, hai anos, nos levara á aldea abandonada da Coenllosa, deixamos o transporte na chaira da Coutada e, cruzando a chagorza de Lagaceirame, fomos dar á Penaquetanxe de Toraxe.

Segundo o arqueólogo Santos Estévez ("Catalogación dos xacementos arqueolóxicos do concello de Cotobade", Gallaecia, 1998), o topónimo Castro Toraxe "non revelou a presenza dun recinto castrexo". Secomasí, situados na base do pedroso outarelo, non puidemos conter o pulo de chegar á cimeira. A ascensión non foi doada. O descenso, épico. Sucesivas camadas de matorreira seca ocultaban furos e fochancas, a vexetación nova, rexa e pugarenta, dobrabános en altura e atrapallou con crueza o noso avance.

Cando acadamos a pista forestal, quen máis quen menos semellaba ter padecido todas as estacións dun viacrucis. Por se non fora abondo, abelloados os tronantes, a tardiña reservábanos un espectáculo final de pirotecnia. Un nubarro negro estacionou enriba das nosas cabezas e, sen dó, descargou sobre os corpos suorentos e abafados unha bátega servida en grosas pingotas. No lenzo do Seixo, o arco da vella competía en efectos especiais cos relampos. As detonacións e a lucería semellaban obra dos fogueteiros da Revolta. Encomendámonos, non podía ser doutro xeito, a Penaquetanxe, e a súa providencial intervención preservounos de todo mal.

Tras a esgotadora xeira de Castro Toraxe, démonos dúas semanas de tregua (tamén houbo que corrixir un monte de exames) e con folgos anovados ("mono de toxo"), escollemos a orografía de Tomonde para dar continuidade á busca das pedras que gobernan o tempo.

Continuará..

Compartir el artículo

stats