Dos 68 bens lalinenses inventariados hai que destacar que o maior número correspóndese con igrexas localizadas nas distintas parroquias (23), seguidas de cruceiros (15) e de capelas (10). Asimesmo, están rexistrados en patrimoniogalego.net oito casas señoriais, cinco pazos, dúas casas rectorais, un castelo, unha fábrica de papel, un castro, unha fraga e o santuario de Nosa Señora do Corpiño.

Un número de bens culturais destacado o de Lalín, tendo en conta que se trata dun proxecto relativamente recente, actualizado a diario coas achegas de profesionais e afeccionados. O municipio dezao sitúase por riba da media da maior parte de concellos galegos en canto a elementos patrimoniais inventariados. Así, Lalín acumula algo máis do 60% dos bens de Deza que aparecen recollidos na web, cun total de 68 dos 113 da comarca.

Cada un dos 68 bens culturais aparecen claramente identificados, a través dunha ficha descritiva mediante a cal se cataloga de que tipo de ben se trata, en que parroquia e lugar está asentado e de que época é ou de quen é propiedade, ademais de recoller diversos aspectos de interese de cada un e referencias bibliográficas. Acompáñanse fotografías do elemento patrimonial e un mapa de localización.

Bens por tipoloxías

As igrexas son o ben patrimonial máis abondante, coas seguintes recopiladas: San Cristovo de Camposancos, San Lourenzo de Moimenta, San Martiño de Cello, San Miguel de Galegos, San Xoán de Palmou, San Xulián de Rodís, Santa Baia de Donsión, Santa Baia de Losón, Santa Baia de Palio, Santa María de Bermés, Santa María de Noceda, Santa María de Xaxán, Santa Mariña de Cangas, Santiago de Cercio, Santo Adrao de Madriñán, Santo André de Val de Carrio, San Adrián de Moneixas, San Facundo de Busto, San Lourenzo de Vilatuxe, San Pedro de Erbo (Palmou), San Xoán de Anzo, Santa Mariña de Soutolongo e Santiago de Sello. O Santuario de Nosa Señora do Corpiño aparece diferenciado. Tamén figuran un par de casas rectorais, antigas residencias dos curas, polo xeral, próximas as igrexas, en Moneixas e Vilatuxe.

Entre as capelas hai dúas dedicadas a San Bieito, unha localizada na parroquia de Xaxán -pequena edificación xunto á igrexa parroquial feita de perpiaño granítico revocado- e outra en Castro de Abaixo (Vilatuxe), cunha única nave cunha pequena espadana dun só arco que remata nunha cruz de pedra cos brazos potentados. Tamén dunha única nave é a capela da Virxe das Mercedes, en O Cruceiro (Anzo), mostra do estilo neoclásico que antano era visita obrigada para as xentes ofrecidas do Corpiño; na súa ficha detállase que hai "un frontal incrustado que é o único recordo que queda da igrexa de Santa Tegra". A capela das Dores de Montouto, en Santa Baia de Losón, destaca pola súa grande cabeceira e polo tímpano da fachada, roto pola escultura mariana que se atopa metida nunha fornela. A capela de San Bartolomé, en Bustelos (Vilatuxe), está construida totalmente en pedra de cachotería e é de reducidas dimensións; sobresae o seu campanario dun único arco rematado nunha cruz de ferro. A de San Caetano de Ludeiro (Soutolongo) ten unha espadana dun so arco de medio punto. A de San Antonio de Vilatuxe data do século XIX, ten un campanario grande na fachada principal. En Cangas, con propiedade comunal, aséntase a ermida de Santo Domingo. En Noceda está a dos Remedios, coñecida como da Nosa Señora da Pascuílla. Dedicada á terceira orde carmelitana, a capela de San Adrián de Moneixas levantouse en 1960.

As oito casas señoriais recollidas son: A de Carlos Agulló, en Vilatuxe; a de Galegos; Rielo (Palmou); Torreiro, en Palio de Abaixo (Rodís); O Señorito (Camposancos); Os Alentados (Moneixas); Eirexe (Noceda); e Montouto (Cercio).

Na páxina web aparecen os seguintes tres cruceiros en Soutolongo (Eirexe, Vista Alegre e capela de San Caetano), dous no Corpiño e un en cada un dos seguintes lugares: Cercio, Outeiro (Anzo), O Campiño (Moneixas), Palmou, San Cristovo de Camposancos, Eirexe (Noceda), Santo Adrao de Madriñán, Campo de Bermés, Montrigo (Cangas) e Galegos.

Os pazos lalinenses que se citan na publicación dixital sobre o patrimonio son os de Anzuxao (Madriñán), Bendoiro, Liñares (Prado), Outeiro (Vilatuxe) e Val do Carrio.

Como ben industrial so aparece a antiga fábrica de papel de Rodís, datada entre os séculos XVI e XVIII e calificada como "o primeiro proxecto fabril do municipio". O único castelo recollido é o de Paradela, en Porto Martín (Zobra), como "posible estrutura entre os ríos Deza e Chedas". Tamén figuran o Castro de Abaixo ou Aurela do Castro, entre unha trintena documentada, e a Fraga de Quiroga (Catasós).

Tendo Lalín un alto número de elementos xa catalogados e sendo un dos concellos que teñen máis inventariados nesta web, aínda quedan para completar o extenso patrimonio cultural local, composto por diversos monumentos, entre os que se inclúe polo menos unha igrexa en cada unha das 48 parroquias, uns 70 cruceiros, unha trintena de edificacións nobres e pacegas ou outros tantos castros.