Dando resposta á petición dun amábel lector, seareiro das aventuras do Capitán Gosende, enfronto a difícil e chovinista tarefa de escoller, entre un cento, sete paisaxes selleiras que erixen Cerdedo como un dos lugares máis fermosos do mundo. Mágoa da cegueira dos xestores que lle tocaron en sorte. De primeiras, fago enumeración e, a continuación, tentarei explicar, brevemente, o porqué da miña elección.

Despois de sisudas cavilacións, decántome polas seguintes. As sete marabillas naturais de Cerdedo son: As Insuas (Pedre), a foz do Lérez (Parada-Folgoso-Cerdedo), a Pena da Moura (Quireza), o Castro Grande (Cerdedo), o pico de Castrodiz (Castro-Figueiroa), o pozo Sangoento (río do Seixo-Cerdedo) e o val dos ríos Castro e Seixo (Cerdedo).

As Insuas é o chamadeiro da chaira aluvial pola que se estende a agra fértil do Serrapio (Pedre). Areas, arxilas e callaos acumulados durante o período cuaternario polo arrastre incesante das correntes fluviais. A xunción dos ríos Lérez e Quireza ancheou o leito e permitiu a formación de illotes (insuas) que, cubertos de vexetación, aláganse coas cheas. A beleza da veiga das Insuas serve de marco verdecente á ponte medieval da Pontapedre (rota de peregrinación xacobea), sobre o Lérez; á pedra antropomorfa do Xacente, sita no Coto das Insuas; á ponte do Serrapio (baixo a estrada PO-230), sobre o Quireza, e ao outarelo do San Lourenzo (capela do séc. XVIII).

Denominamos foz do Lérez á cárcava escavada polo río en apurado e retorto descenso dende a estrema das parroquias de Castrelo, Parada e Folgoso deica o relanzo de Cerdedo. A abrupta orografía valeulles de barreira defensiva ás tribos da Idade do Ferro instaladas en ambas as dúas beiras (Coto da Roda, castro das Cercas, A Mouteira, castro do Pego, castro dos Aghorvellos, Roda da Ameixoada); seis vestixios castrexos en apenas 8 km de río. Túmulos e gravados rupestres. O Lérez relouqueiro, enfía, a maiores, vedrañas pontes de pedra: a ponte de Parada (romana), a ponte Nova do Pego e a ponte Valoutas.

A Pena da Moura é un impoñente afloramento granítico localizado no monte do Outeiro (Quireza), na marxe esquerda do regueiro da Cova da Lagoa. Baixo o beirado rochoso, agóchase a entrada ao Burato da Moura, longa espenuca (hoxe ocluída) que a pon o abeiro en conexión co regato. As lendas asociadas distínguennola como santuario da Deusa Nai Terra, advocación primixenia. Abrigadoiro dos pastores de toda época e escondedoiro de fuxidos tras a sublevación fascista do 36.

A peneda do Castro Grande érguese a 1'7 km ao sudoeste do Outeiro do Coto (1.015 m), cimo do monte do Seixo, a Montaña Máxica. O promontorio ocupa unha superficie de 2'5 ha (o terzo norte, uns 5.000 m2, corresponden a Cerdedo), acadando unha altitude de 919 m. Preeminente atalaia des onde albiscar o mar de Pontevedra. Fito de deslinde dos concellos de Cerdedo e Forcarei e das parroquias de San Xoán de Cerdedo e Santa Mariña de Presqueiras. Na face leste do rochedo, as pedras avíronse ao plano inclinado, favorecendo, noutrora, a xogueta infantil. O pétreo tobogán coñécese por rotadoiro, rasteña ou sarillo. O Outeiro do Castro únese á mámoa de Xestido a través dun aliñamento lítico duns 500 metros de lonxitude. Tamén na face leste, atópase, malia que cegada, a entrada da cova do Castro. No interior da pedreira, acugúlanse as lendas: a capeliña coa tella de ouro, a Moura de loiros cabelos, o rato Rabisaco, a galiña dos pitos de ouro, a besta branca...

O pico de Castrodiz (631 m de altitude) derrega as parroquias de Figueiroa e Castro. No cume, áchase un depósito castrexo que aínda conserva boa parte dos foxos circundantes. Unha restra de contos e lendas xermolaron á súa roda. A unha carreira de can, cara ao sueste, áchase o singular petróglifo do Outeiro do Mestre (Deán-Figueiroa). Castrodiz, privilexiado miradoiro, inspirou o pulo poético do vate Otero Espasandín (1900-1987), natural do lugar de Castro Domedio: "Castrodiz, rexo castro de celtas en terras de Cerdedo..." ("Pico de Castrodiz", 1942).

O pozo Sangoento, no treito alto do río do Seixo, é unha fondura labrada pola auga en cachoeira. No eido mítico, o pego, de profundidade insondábel, comunica baixo terra co Castro Grande, no monte do Seixo (o pasadoiro da besta branca, o cabalo unicorne). No fondón, a arrepiante serpe Bichoca custodia os restos dun carro entesourado que, en tempo dos mouros, baixou a rolos pola barranca de Costoa até afundirse no goio (ferraxes, arado e grade de ouro). No lúgubre Sangoento, pozo de ola, a mocidade da parroquia adoito escenificaba as súas probas de valor. O apelativo de sanguinario advirte do seu inopinado e fatal remuíño.

O val dos ríos Castro e Seixo constitúe a "Mesopotamia" cerdedense, a postal alpina coa que se identifica o noso territorio. Os viaxeiros que circulan pola N-541 gravan na retina as encostas de poñente do monte do Seixo, cinguidas polo río do Castro e o seu afluente. A Laxamoura (a pedra da fin do mundo), a Galgareta (costa do monte de Meilide), os agros e as pradarías das aldeas de Arén, Meilide, Cavenca e Revolta. Dende a cuíña do castro de Arén (belísima panorámica) até a amecida do río das Cervas (fragas e carballeiras). Rosario de muíños, pontes e peares (a ponte de Arén, a Pontapiñoa, a ponte e capela de Santo Antonio...).

Presuntamente protexidas pola Rede Natura 2000, todas sete marabillas ameazadas ou afeadas por tendidos eléctricos, eucaliptares ao chou, centrais hidroeléctricas, encoros, canalizacións, aeroxeradores eólicos, formigón e piche a embute; e a maldición do AVE. Ai, se o sentido común se vendese barato na feira de Soutelo!