12 de octubre de 2014
12.10.2014

A síndrome de Vichocuntín

En ausencia de calquera outra industria, hoxe por hoxe, o turismo é máis ca unha opción, é a pura supervivencia de Cerdedo

11.10.2014 | 22:43
Ruínas da aldea vella de Vichocuntín.

Segundo o Instituto Galego de Estatística, a 1 de xaneiro de 2013 o concello de Cerdedo sumaba 1.865 habitantes (870 homes e 995 mulleres). Consonte a web do IGE, en 2012, o censo electoral ascendía a 1.888 electores. Sospéitase que nas eleccións municipais do 22 de maio de 2011 volveron votar os mortos. En 2009, a renda dispoñíbel per cápita era de 7.718 euros, non obstante, en Cerdedo hai quen acada esa cifra nun bimestre.

No transcorrer do ano 13, en Cerdedo naceron 4 persoas e morreron 24 (saldo vexetativo -20). O número de matrimonios ascendeu a 1. No tocante aos grupos por idades, 776 cerdedenses tiñan 65 ou máis anos, propiciando unha idade media de 56'7 anos e un índice de avellentamento do 625'7. Nun concello de case 80 km2, o número de alumnos matriculados en Educación Infantil era de 15.

No período 1991-2011, Cerdedo perdeu 1.938 habitantes, é dicir, o concello viu reducida a súa poboación á metade. Ao longo deses vinte anos e no segmento de idade dos 10 aos 14 anos, experimentouse un descenso do 89'64%. No segmento dos 15 aos 19 anos, a diminución foi do 82'33%. Dos 20 aos 24, a mingua foi do 78'23%. Concluída a vintena, o grupo dos 20 aos 64 anos (aprox., a poboación activa) reducírase nun 53'59%. Probabelmente, o ladino De Guindos disfrazaría esta outra recesión empregando o eufemismo do "crecemento negativo".

Cerdedo é, á luz dos datos, un concello inviábel. As cifras máis optimistas (as oficiais) agoiran que, de aquí a pouco, non haberá ninguén para contalo. O Partido Popular e as súas precuelas veñen ocupando a alcaldía de Cerdedo dende tempos inmemoriais. Daquel chusco inmobilismo de antano pasouse ao "facer que se fai" de hogano e, mentres se pintan e repitan os pasos de peóns de cor azul (prohibido polo artigo 168 do Regulamento da Circulación), o reloxo de area apura os seus últimos grans.

A síndrome de Vichocuntín devasta Cerdedo, a síndrome de aldea pantasmagórica fóisenos intruducindo no organismo e, agora, xa non sabemos quen somos, de onde vimos nin cara a onde imos.

O de "pantasmagórica" non é ocorrencia miña. Achei inspiración na propia web do Concello de Cerdedo (www.cerdedo.org): "Vichocuntín, aldea fermosa e cunha encantadora atmosfera pantasmagórica, xa que está condenada polo futuro e sempre teórico proxecto dun encoro". Somos o que comemos.

Algo ten de irreal este recuncho do país. Cerdedo vexeta na néboa do tempo, estantío, resignado á súa sorte. Non hai esperanza. No val, teimudas, tanguen as campás a defunto.

En abril de 2012, botou a andar en Cerdedo o colectivo Capitán Gosende. Os que integramos esta libérrima asociación posuímos vínculos familiares ou afectivos co lar cerdedense (isto non é conditio sine qua non). Hoxe, desenvolvemos o noso labor de reivindicación cultural neste territorio; mañá, quen sabe onde nos levarán os camiños. Nós non temos vocación de heroes nin de mártires, por moito que a exposición pública faga a nosa vida máis difícil. Tampouco temos medo ao que dirán. De feito, retroaliméntanos co dar que falar. Deus dea sinerxias altruístas que remexan na poza. Nas augas mortas de Cerdedo hai moito pouso lodado.

En apenas tres anos de traballo desinteresado e entusiasta, o relato das nosas expedicións porfiaron en neutralizar a mala prensa que adoito suscita Cerdedo: lumes asasinos, tala indiscriminada de carballos, hackers apandadores, veciños intoxicados nas casas do pobo de nova feitura, presuntas expropiacións fraudulentas e, sobre todo, despoboamento, despoboamento, despoboamento.

Invertir os valores da pirámide de poboación debera ser prioridade para o goberno local. Conviría que calquera das accións emprendidas garantisen a suma e non a resta. Saber que a infraestrutura máis utilizada do municipio é o tanatorio debera estimular en positivo a imaxinación dos estrategas. Porén, resulta imposíbel atallar a sangría demográfica, porque vivir en Cerdedo non é rendíbel (mesmo prexudicial, se es da outra corda). Entrementres, a autoridade claudicante, "en plan broma", xa entoou o coñecido "sálvese el que pueda". Comezou a conta atrás.

En Cerdedo, desgrazadamente, non hai oposición. Daquela, este labor san, democrático e imprescindíbel queda nas mans dos colectivos ou dos individuos que decidan exporse ás consecuencias. O noso humilde labor contestatario limítase a corroborar o evidente, solidarizándonos cos 796 cerdedenses (o 40% do censo) que non votaron unhas siglas abrasadas pola corrupción e a incompetencia; outra maioría silenciosa. A calma chicha de Cerdedo é a paz dos cemiterios.

Cerdedo non ten futuro. A longa decadencia depreciou as propiedades rústicas e urbanas que, pola contra, seguen tributando á alza. A ausencia de recursos propios e a inoperancia acabarán consumando a desaparición dun dos concellos históricos da Terra de Montes. Para algúns, mentres o pau vai e vén, descansa o lombo.

Capitán Gosende, na súa modestia, actúa en prol dun Cerdedo digno: deseño de roteiros, excursións guiadas, descuberta e promoción do patrimonio histórico-arqueolóxico; en definitiva, a valorización integral do noso acervo. A internet é para nós unha ferramenta utilísima, pois, elude o silenciamento. A Rede achégalle ao mundo outra idea de Cerdedo, a utopía do Cerdedo posíbel; un Cerdedo atractivo e alternativo. A concellaría de Cultura dos Gosende non lles custa un peso aos sufridos contribuíntes. A nosa dedicación é (case) exclusiva.

O froito da nosa angueira ofrecémosllelo de balde a todos os que, en Cerdedo, optan, v. g., polo emprendemento no sector turístico. En ausencia de calquera outra industria, hoxe por hoxe, o turismo é máis ca unha opción, é pura supervivencia.

Comprometémonos porque nos peta. Non nos move interese electoreiro ningún, só a teima de amparar un país apachocado pola galegofobia. A Xunta quere galegada, nós exercemos galeguismo.

Ende mal, o que máis ofende da xestión municipal é a impostura, a actitude de quen, sen despeitearse, defende unha tese e a contraria. Actitude bipolar, inquietante dos que, por exemplo, sacaban peito na Festa da Vincha (iniciativa veciñal) e, ao tempo, conspiraban para facela desaparecer (proba superada). A actitude dos que un día anunciaron un "parque forestal de ocio" no río do Seixo (ano 2011) ou mesmo 50.000 euros para acondicionar un camiño ribeirán "de gran belleza paisajística" (La Voz de Galicia, 29-6-2014) e, días despois, retrucaban con máis dun millón de euros (Faro de Vigo, 19-9-2014) para encher de formigón o seu curso alto.

Conforme a opinión dalgúns veciños, o proxecto de captación no río do Seixo e traída de augas (uns 4 km de canalización) para fornecer Cerdedo capital (só Cerdedo capital) non é unha necesidade prioritaria. Aínda que o fose, moito se aforraría traendo a auga do Lérez, que está máis perto e, por desgraza, afectado xa co formigón dunha hidroeléctrica. Que intereses permitiron que a conca do Lérez se infestase de encoros e eólicas sen negociar contrapartidas na factura eléctrica? No argot militar, estas actuacións denomínanse política de terra queimada.

Se a demografía de Cerdedo leva máis dun século colleitando cifras negativas, que factor xustifica este investimento? Que maxia se vai empregar para satisfacer a previsión dos 3.000 usuarios? As troitas, ceibadas a bombo e prato, acabarán batuxando nas pucharcas dun río seco. Estes desprópositos non ocorrerían se houbese regantes. Isto so é posíbel por mor do despoboamento.

A vixente Lei de Augas (artigo 60) prioriza o abastecemento das poboacións e os usos agrarios fronte aos usos industriais para a produción de enerxía eléctrica. Xa que logo, antes de intervir noutra zona protexida co carimbo da Rede Natura, a traída de Cerdedo capital (o niño dos votos) debera garantirse coa auga do Lérez. Semella que os gobernantes prefiren danar un espazo incólume, de alto valor ecolóxico, antes ca prexudicar os intereses dunha hidroeléctrica.

En Cerdedo falta autoridade e sobra autoritarismo. En Cerdedo, ao agocho dunha maioría relativa, téñense dinamitado os mínimos da convivencia. É vergoñento que na web do Concello só se publiciten dous establecementos hostaleiros (un deles, o coñecido polo "bar do alcalde"). É intolerábel que, por exemplo, nunha aldea da parroquia cerdedense, non se beneficie co reparto da leña comunal a uns veciños recén-chegados (mellor que marchen).

Na madrugada do 1 de novembro, Capitán Gosende celebrará o IV Roteiro da Pantalla (coma sempre, de balde; coma sempre, para todos os públicos), por esconxurar, ao noso xeito, a síndrome de Vichocuntín.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook
selectividad 2018 Galicia

Toda la información sobre la selectividad

Consulta aquí toda la información sobre las pruebas de acceso a la Universidad: notas de corte, resultados y noticias


GALICIA EN VINOS

Galicia en Vinos

Todos los vinos de Galicia

Consulta aquí todos los vinos de las cinco denominaciones de origen de Galicia