Como se pode deducir do seu nome, a parroquia de Ponte debe a súa denominación a unha construción erixida para cruzar o bravo río Deza. A antigüidade desta freguesía segue a ser un misterio, se ben sábese que xa aparece mencionada nun documento dun xuízo de comezos do século XIV. Pero a construción desta ponte non foi fortuíta, senón que perseguía fins comerciais e relixiosos, xa que se atopaba a medio camiño entre a actual vila de Silleda, cruce de camiños e cunha afamada feira, e o santuario mariano do Corpiño, mestura do humano, o divino e o lendario. A primeira ponte e, polo tanto, "nai" da parroquia estaría situada no lugar da Insua, nun treito de pouca profundidade do Deza onde o río transcorre paseniñamente. Tras o seu derrubamento, este paso foi reconstruído no Preguntoiro, augas arriba da Insua, e posteriormente foi levantada a comezos do século XX a última ponte a carón do Pozo Negro, que aínda se atopa en pé. Nos tempos en que non había ningunha ponte, o paso dunha beira á outra do río realizábase mediante unha barca, situada no Pozo do Avogado ou do Pego. Desde calquera destes emprazamentos partía o que se denominou "Camiño da Feira", en alusión ao mercado que se celebraba na capital trasdezá, restrinxíndose no século XX ao camiño que conducía á ponte do Pozo Negro. Outra vía, alternativa aos pasos do Pozo Negro ou da barca do Avogado, era aquela que se dirixía desde esta parroquia cara o regueiro de Saídres e cruzaba o Deza, ben pola barca de Juanito -apelativo de Juan Soto Areán, veciño de San Pedro de Losón (Carbia, hoxe Vila de Cruces)- cara O Corpiño ou ben pola "Tosta do Inglés", cara as minas de volframio da Brea, en Fontao.

Tal foi a importancia deste camiño que foi recollido pola catedrática de Historia Medieval da USC Elisa María Ferreira Priegue na súa obra Los caminos medievales de Galicia (1988). Neste libro afirma que o acceso desde Tabeirós e Montes cara o Corpiño, que "xa sería posiblemente un lugar de culto precristián", facíase "segundo me contaron na zona, desde Silleda, por Outeiro, Rosende e San Miguel de Ponte", onde pasado este lugar se cruzaba pola ponte. Unha vez do outro lado, en San Pedro de Losón, "a subida é penosa, por un estreito sendeiro escavado na rocha, pero por onde parece que ata fai pouco se andaba ao lombo de bestas do Corpiño á feira de Silleda".

A antiga feira de Silleda celebrábase no espazo agora ocupado pola Praza da Feira Vella e os terreos próximos. Aparece citada no Interrogatorio sobre a xurisdición de Trasdeza do Catastro de Ensenada (1752), onde se di que tiña lugar o día 6 de cada mes. Ademais deste día, tamén se celebraba o día 23, destacando as feiras da véspera de Noiteboa e do día de Reis. Este mercado congregaba xentes do Deza e dos seus arredores, destacando pola compravenda de gando, maioritariamente bovino. O Camiño da Feira pontés está moi ligado ao traslado de destes animais. Aínda queda na memoria dos máis maiores da parroquia como facían os tratantes para guiar ringleiras de vacas que podían chegar a superar o medio cento de animais. Tamén se adoitaba dicir que o gando que era mercado polos tratantes da terra de Arzúa nunca se volvía ver nin no mercado silledense nin na feira da Bandeira, pois ao parecer "embarcábanas (as vacas) cara Inglaterra". A diferenza destas, o gando que era mercado por veciños do concello sempre podía acabar de novo nun ou noutro mercado.

Suceso no Pozo do Avogado

Unha das historias que aínda se recordan relata o caso que aconteceu cun boi vendido nesta feira. O devandito animal fora criado por un veciño de Ponte e, ao alcanzar unha certa idade, decidiu vendelo. Os seus compradores foron uns tratantes arzuáns, que tiñan que pasar por Ponte para continuar cara a súa terra. O animal, criado nos montes que atravesaba o Camiño, emprendeu a fuga monte arriba sen que os homes fosen quen de termar del, aínda que finalmente foron quen de atrapalo. Pasada unha tempada, cando viron de novo ao home que llelo vendera, preguntáronlle se era de preto do lugar onde acontecera a fuga do boi, pero o home non lles contestou ao caso. Dise que desde entón, os comerciantes de gando procuraban non mercar animais que puidesen coñecer esta zona de Ponte, para evitar novos incidentes. Tamén se recorda un terrible suceso ocorrido na barca do Pozo do Avogado. O día dunha feira en Silleda, uns feirantes tamén arzuáns regresaban cara as súas casas. Subíronse co gando que mercaran á barca e o barqueiro procedeu a cruzar o pozo. Pero no medio do traxecto, a carga moveuse e desestabilizou a barca, que deu a volta, e o que levaba (animais e persoas) afundiuse no pozo, sen quedar superviventes. Os corpos dos feirantes foron finalmente recuperados e soterrados no camposanto de San Pedro de Losón.

Pero, como xa se dixo anteriormente, este camiño tamén era utilizado polos romeiros do Corpiño como vía para chegar ao santuario e realizar as súas ofrendas á Virxe. Este templo, famoso por ser lugar de exorcismos, reunía moreas de xente chegadas de todos os currunchos do Deza e máis aló, principalmente os días 23 e 24 de xuño, que era cando se celebraba a festa máis importante. A xente do Trasdeza utilizaba habitualmente esta ruta para acudir á capela, situada no linde entre Losón (á que pertence) e San Pedro. Ademais de feirantes e romeiros, este camiño serviu para os traballadores das citadas Minas da Brea, así como para os outros "traballadores" da mina, os estraperlistas.

Co paso do tempo esta ruta comezou a ser menos utilizada debido ás malas características do terreo e á mellor calidade das estradas da Carixa, cara Merza, ou da de Ourense, cara Prado. Esta situación provocou que, coa mellora dos medios de transporte, se tivese que dar un gran rodeo por algún dos devanditos lugares para cruzar o Deza, desde Ponte cara O Corpiño. Nembargante, o tempo trouxo unha gran solución como foi a construción da PO-205, entre os núcleos de Silleda e Vila de Cruces, en 1993. Quedaban definitivamente substituídos o centenario camiño e a ponte do Pozo Negro por unha estrada que percorren milleiros de vehículos cada ano e un viaduto de 155 metros de lonxitude que salva o obstáculo do río, respectivamente.

Da antiga feira de Silleda, que daría lugar a actual Central Agropecuaria de Galicia, situada nas instalacións da Feira Internacional de Galicia, tan só queda a modo de homenaxe a "Praza da Feira Vella". E do Camiño da Feira, desaparecido en parte trala concentración parcelaria e outra parte chea de tanta maleza que apenas o deixa percorrer, só queda na memoria dos poucos que lembran anécdotas e historias relacionadas con el. A piques de esmorecer no esquecemento colectivo, quede esta constancia daquela vía que foi un eixe vertebrador da economía silledense e lazo de unión coa outra beira do Deza.