21 de septiembre de 2014
21.09.2014

O patrimonio arqueolóxico do concello de Cerdedo (I)

A parroquia de Cerdedo suma 12 mámoas neolíticas, 7 conxuntos petroglíficos e 6 castros, carentes da mínima sinalización

20.09.2014 | 22:42

Este artigo inaugura unha serie de colaboracións sobre a arqueoloxía de Cerdedo, un recurso turístico tan atractivo como ignorado pola autoridade. Busco visibilizar os depósitos arqueolóxicos, salvagardalos e actualizar a carta arqueolóxica que viu a luz a finais de 2009. A parroquia de Cerdedo suma 12 mámoas, 7 conxuntos petroglíficos e 6 castros. Todos carecen da mínima sinalización e padeceron graves alteracións por mor dos labores agrícolas e forestais. Conviría unha comprobación sobre o terreo. Optouse pola analsexia da desmemoria. Non se inviste en enxalzar a Cultura. Úrxenos unha repoboación con asturianos.

O presente artigo inaugura unha serie de colaboracións coas que, modestamente, pretendemos acadar tres obxectivos: satisfacer a curiosidade de naturais e foráneos ao respecto da arqueoloxía local (recurso turístico tan atractivo como ignorado pola autoridade), visibilizar os depósitos arqueolóxicos dos que se ten constancia, para salvagardalos da súa alteración ou destrución e actualizar, asemade, a "Carta arqueolóxica do concello de Cerdedo" que, ao coidado da editorial Morgante, viu a luz a finais de 2009.

A porfía exploradora, monte arriba monte abaixo, deu como resultado un feixe de novas e gozosas descubertas que, ende ben, iremos engadindo ao material xa inventariado.

Comecemos, sen máis arrodeos, ofrecendo a relación do patrimonio que atangue á parroquia de Cerdedo, dispondo o tesouro en tres andeis, correspondentes, grosso modo, a tres períodos prehistóricos: a Idade da Pedra-Neolítico (megálitos), a Idade do Bronce (petróglifos) e a Idade do Ferro (castros). Nas ilustracións que acompañan o artigo, a presenza de mámoas representouse cun rectángulo, a existencia de gravados rupestres, cun triángulo e os castros, cun óvalo.

No tocante ao estrato neolítico, a parroquia de Cerdedo suma, cando menos, 12 mámoas (monumentos funerarios duns 6.000 anos de antigüidade), repartidas nos seguintes xacementos.

No Coto de Mámoas, cimo do monte do Sangal, ao nordés do lugar de Cerdedo, A Dirección Xeral de Patrimonio catalogaba en 2001 tres túmulos. Dez anos despois, os estudos de impacto arqueolóxico realizados na zona, afectada polo trazado do tren de alta velocidade, supuxeron a identificación doutras dúas mámoas.

En consecuencia, a necrópole do Coto de Mámoas suma 5 megálitos. O conxunto carece de sinalización e, na actualidade, pende sobre el a ameaza dun vertedoiro, posto que Fomento escolleu as proximidades para arrombar perto de 50.000 m3 de cascallo, reboutallo que xerarán as futuras obras do TAV (Léase Faro de Vigo: 28-1-2014 e 9-2-2014).

Non moi lonxe do Coto de Mámoas, cara ao sudoeste, rexistramos o topónimo Cerrada das Mámoas. Malia non ter localizado, polo momento, túmulo ningún, o chamadeiro é abondo significativo.

Cara ao leste, na cimeira do Couto, no linde das parroquias de Cerdedo e Folgoso, atópase outro dos xacigos neolíticos: as Mámoas do Couto. En 2001, Patrimonio tiña catalogadas 3 mámoas. O seu número pode ser superior.

Ao sur da aldea de Limeres, no chamado monte de Baixo, catalogáronse en 2001 dúas mámoas. O seu número pode verse incrementado. Ao nordés da aldea de Biduído, na cemba do Outeiro Aciveiro, Patrimonio, en 2001, catalogaba outras dúas. Neste caso, o algarismo tamén pode ser revisado á alza.

No tocante aos gravados rupestres, cuxa antigüidade oscila entre os 3.500 e os 5.000 anos, a parroquia de Cerdedo ofrécenos 7 estacións petroglíficas cuxa localización é coñecida.

No monte de Lourido, ao sur da aldea, sitúase o petróglifo das Brañas (catalog. de 2001): "Círculos concéntricos (consérvanse incompletos) con cazoleta central e coviñas consteladas. No laxedo da redonda, graváronse cruces de termo (estrema Lourido-Biduído)".

Ao nordés da aldea de Biduído, no cimo do Outeiro Aciveiro, atópase o petróglifo do Outeiro Aciveiro (catalog. de 2001): "Número indeterminado de cazoletas (algunhas aliñadas). Nunha laxa do coto gravouse unha cruz de termo (estrema Biduído-Lourido)".

Ao sur da aldea de Biduído, áchase o petróglifo da Cerqueira: "9 cazoletas consteladas" (sen catalog.).

Cara ao leste da aldea de Chamadoira, no Outeiro de Chamadoira, localízase o petróglifo da Laxa do Almanaque (catalog. de 2001): "O conxunto disponse na peneda a varios niveis: grandes pías con desaugadoiros (nivel 4 ou superior), cazoletas aliñadas (nivel 3), cazoletas aliñadas arredor doutra meirande (dúas delas, inscritas en senllos círculos) (nivel 2), cazoletas (dúas inscritas en senllos círculos) e un reticulado (nivel 1 ou inferior)". O santuario rupestre da Laxa do Almanaque é unha das manifestacións máis fermosas de arte rupestre do concello de Cerdedo. O lugar adobíase co folclore de mouros.

No monte de Chamadoira, ao sueste do lugar, atópase a petróglifo da Fonte Mosqueira (catalog. de 2005): "Cazoletas e cruciformes (estes, medievais ou modernos)".

Ao sur da aldea de Limeres, no chamado monte de Baixo, achamos espallados 5 soportes inscultóricos. A saber: Monte de Baixo I (catalog. de 2001): "Círculos concéntricos e cazoletas". Monte de Baixo II (catalog. de 2001): "Círculos concéntricos con cazoleta central e apéndice". Monte de Baixo III (catalog. de 2001): "Espiral". Monte de Baixo IV (sen catalog.): "Cazoletas espalladas. Nunha laxa do coto gravouse unha cruz de termo". Monte de Baixo V (sen catalog.): "Signos xeométricos inclasificábeis". O lugar adobíase co folclore de mouros.

No monte do Sangal, ao nordés do lugar de Cerdedo, o colectivo Capitán Gosende atopou (2-2-2014) o denominado petróglifo da Laxa do Sangal (sen catalog.): "Aliñamento de media ducia de coviñas (tamaños diversos) que, de primeiras, lembra a constelación do Carro (Ursa Maior) ou a do Carriño (Ursa Minor), tamén chamados setestrelos". Situado na pista de acceso ao alto do monte, a súa conservación tamén está supeditada ao citado vertedoiro do AVE (V-11). Léase, para o particular, Faro de Vigo: 9-2-2014 e 2-3-2014.

No tocante aos vestixios castrexos da parroquia de Cerdedo (máis de 2.000 anos de antigüidade), a DXP só contempla nos seus arquivos a existencia dun castro: o castro de Arén (catalog. de 2001), porén, tras efectuar un minucioso varrido pola área estudada, empregando a cartografía aérea por teledetección láser, ousamos afirmar que en San Xoán de Cerdedo se agochan outros catro castros: o castro dos Aghorvellos (a escasos 500 m, ao norte, da Casa do Concello), o castro de Cernados, o castro de San Bernabé e, máis cara ao sur, o Castra Segón, na estrema coa parroquia de Caroi (Cotobade). Castra Segón serve de escenario ao folclore de mouros.

Ao respecto do castro dos Aghorvellos (Agros Vellos, antigas muradas), a súa integridade verase, sen dúbida, comprometida por mor das obras do tren de alta velocidade. Un fragmento de muíño de man circular, atopado xacando nas inmediacións e conservado no Museo de Pontevedra, corroboraría a existencia do xacemento.

O depósito de auga da hidroeléctrica do río do Castro construíuse invadindo a área de cautela do castro de Cernados.

As capelas do San Miguel e do San Bernabé, edificadas sobre os recintos castrexos, cristianizaron os ritos pagáns que escolleran como escenarios propiciatorios o castro de Arén e o de San Bernabé, respectivamente.

Se aos devanditos castros lle engadimos, no monte do Seixo, o Castro Grande (topónimo denotativo), a parroquia de Cerdedo sumaría 6 xacementos da Idade do Ferro. A peneda do Castro Grande (o topónimo Castro Pequeno xerouse por comparanza) deslinda a parroquia de San Xoán de Cerdedo coa de Santa Mariña de Presqueiras e, ao mesmo tempo, os concellos de Cerdedo e Forcarei. A peneda do Castro Grande acolle un sofisticado aparato lendario.

Nesta primeira colleita, demos xuntado 12 mámoas, 7 conxuntos petroglíficos e 6 castros. Todos e cada un dos citados depósitos arqueolóxicos carece da mínima sinalización. Todos, sen excepción, padeceron graves alteracións por mor dos labores agrícolas e forestais. Conviría, de novo, unha pausada comprobación sobre o terreo (inaccesíbel en moitos casos), xa que a caótica rede de pistas e devasas, abertas ao chou e con maquinaria pesada, ben seguro vulnerou ou fixo desaparecer algún deles.

En Cerdedo optouse pola analsexia da desmemoria. Non se inviste un pataco en enxalzar a nosa Cultura (con maiúsculas). O Museo da Pedra balorece de puro insubstancial e, nos adros e tabernas, cando se fala do legado prehistórico, adóitase escoitar aquilo de: "Esas pedras non existen". Úrxenos unha repoboación con asturianos.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook
selectividad 2018 Galicia

Toda la información sobre la selectividad

Consulta aquí toda la información sobre las pruebas de acceso a la Universidad: notas de corte, resultados y noticias


GALICIA EN VINOS

Galicia en Vinos

Todos los vinos de Galicia

Consulta aquí todos los vinos de las cinco denominaciones de origen de Galicia