24 de agosto de 2014
24.08.2014

Os Taboada de Limeres, John Lennon e o pan de Quireza

A cerdedense Rosaura López traballou como asistente dos Lennon

24.08.2014 | 01:17
Yoko Ono, Sean y John Lennon, para los que trabajó Rosaura López en su piso de Manhattan.

Recreeime hai uns días na internet coa epopea da estirpe cerdedense dos Taboada. Xosé Taboada Vidal, naceu na aldea de Limeres (Cerdedo) o 26 de novembro de 1877. Con oito aniños, orfo de pai, a necesidade botouno a traballar de pinche de canteiro. Aburado polas escravistas condicións laborais, carente de recursos e expectativas, optou, finalmente, pola emigración. O 22 de novembro de 1892, Xosé Taboada, na soleira dos 15 anos, desembarcou no peirao de Salvador, capital do Estado brasileiro da Bahia. Salvador, a primeira capital do Brasil, é, na actualidade, o terceiro municipio máis populoso da América Latina.

Xosé Taboada (ao pouco, Zé Taboada) empregouse, de primeiras, nunha das loxas de ultramarinos e tecidos, propiedade doutro esforzado emigrante galego, Manoel Sobrinho, sita na vila balneario de Rio Vermelho (Camoroipe), próspero arrabalde turístico e pesqueiro. Falar a mesma lingua propiciou a súa rápida integración naquela comunidade.

No ano 1903, froito do seu natural dilixente, Taboada superou a condición de empregado e fixo sociedade co que fora o seu patrón. Pouco despois, adquiriu a posesión exclusiva do Armazem Rio Vermelho, establecemento que lle tocara rexentar, especializándose na venda de xénero, confección e mercería. Taboada chefiou con acerto a medranza dos seus negocios ao tempo que medraba a localidade que o acollera.

Empresario arguto, soubo tamén reaxir fronte ao declive da vila balneario, aconsellando os seus descendentes (sete fillos) na diversificación e relocalización da actividade industrial da familia. Taboada exemplificou á perfección a avantaxada capacidade de adaptación dos galegos. O mundo quedóusenos pequeno e, no eido das crenzas, o sincretismo é trazo salientábel da nosa idiosincrasia. Malia profesar a relixión cristiá, Xosé honrou as divindades indíxenas e, en concreto, a Iemanjá, a Mãe d'Água, a Raíña do Mar, "a nai cuxos fillos son os peixes"; culto de orixe africana.

Curiosamente, Zé Taboada e quen escribe compartimos algúns dos vicios do "bon vivant": o viño do Porto e o tabaco elaborado por Dannemann. A fábrica de charutos Dannemann, fundada polo alemán Gerhard (Geraldo) Dannemann en 1873, está localizada na cidade de São Félix, no mesmo Estado da Bahia. Os Taboada e mais os Dannemann mantiveron unha estreita relación de amizade. Taboada tivo así a oportunidade, cumpriu a promesa de levar para o Brasil os seus catro irmáns canda a respectiva prole. Xa que logo, o apelido Taboada desapareceu de Limeres.

Taboada viaxou a Galiza en dúas ocasións: en 1908, na compaña de Amália Souza Martínez, a súa muller; e en 1953, xa viúvo. O 11 de xuño de 1953 visita en Limeres a casa patrucial, participando na romaxe do San Bernabé. Faleceu o 2 de maio de 1967, a piques de cumprir 90 anos e tras vaticinar con temperanza o seu propio deceso. A súa humildade, honestidade e altruísmo fixérono merecente do título "Benemérito de Rio Vermelho". O 7 de xullo de 1967, a Cámara Municipal de Salvador acordou bautizar unha rúa co seu nome. A travessa Santana pasaba a denominarse rúa de Xosé Taboada Vidal. Por ignorancia e desleixo, en Limeres, coma en todo Cerdedo, as rúas e camiños esquecen a vella nomenclatura, dedicánselles a personaxes de infausta memoria ou, simplemente, se identifican cun triste número.

O clan dos Taboada deu continuidade ao labor iniciado polo patriarca Xosé. Os Taboada fixeron as Américas. Aquela modesta mercería de Camoroipe deveu na presidencia de Terra Norte Empreendimentos Rurais e Comerciais S. A., empresa que hoxe xestiona a explotación de dez facendas, dedicadas ao cultivo e comercialización de soia, algodón, arroz e millo. Léase a biografía do noso paisano, escrita por Ubaldo Marques Porto Filho: "Xosé Taboada Vidal, un galego na Bahia" (2013). Abandonei o emporio dos Taboada e mais o soño da puxante Galiza exterior e, a seguir, entregueime á lectura doutra biografía apaixoante. Nun chiscar de ollos, dei conta do libro "Na casa de John Lennon" (2005), escrito por Eduardo Herrero, segundo o privilexiado testemuño de Rosaura López Lorenzo.

Rosaura López, falecida no ano 2005, veu ao mundo no lugar dos Castros, parroquia de Quireza, no ano 1932. En 1962, esporeada pola insistencia dunha amiga da infancia, residente en Nova Jersey, Rosaura abandona Cerdedo, destino Norteamérica. O 14 de abril, pon o pé na cidade de Nova York. O seu home, Secundino, levaba tres anos residindo nos Estados Unidos. O buliciosa desmesura da Gran Mazá e o idioma supuxeron dous atrancos difíciles de superar.

Cara a 1970, cos seus fillos xa criados, decide, alén das ocupacións domésticas, procurar traballo fóra da casa. Arredor do ano 1974 comezou a servir na casa do escritor Allan Staley, aveciñado no apartamento número 71 do edificio Dakota (na rúa 72 de Manhattan). Cousas da vida, John Lennon e Yoko Ono ocupaban, dende 1973, o apartamento adxacente, o número 72. Rosaura foi unha das primeiras persoas no planeta que soubo do nacemento de Sean Lennon (9-10-1975), o único fillo do matrimonio "Lennono".

Na primavera do ano 1976, os Staley deciden trasladarse a Londres. Previa a mudanza, alugáronlles a vivenda aos Lennon: "La señora Staley puso tan sólo una única condición: la de que yo continuase trabajando en su casa [...] No hubo objeción alguna al respecto por parte de John y de Yoko". Así foi como Rosaura pasou a integrar o selecto e íntimo grupo de serventes do celebérrimo ex-Beatle: "Conviví con John Lennon y su familia alrededor de cuatro años, entre 1976 y 1980. Limpié su casa, acuné al pequeño Sean y conversé con ellos cientos de veces [...] En mi condición de asistenta, lavaba, limpiaba, planchaba, recogía y hacía un poco de todo". Neste tempo, o cantante británico comporía e editaría o álbum "Double Fantasy", o seu derradeiro traballo.

As memorias deixan translucir que a relación entre Rosaura e os Lennon rebordaba o estritamente profesional: "Algún día irei coñecer a túa terra, Rosa. Galiza... -prometeulle John. Polo que me contas, debe ser un lugar fermoso e tranquilo. Encantarame perderme un tempo por alí...".

Uns meses antes do terríbel asasinato, acontecido o 8 de decembro de 1980, Yoko Ono, prescindiu inxustamente dos seus servizos. Na véspera do magnicidio, Rosaura, que seguía empregada no Dakota, cadrou no portal co propio Mark David Chapman que tomou por un dos moitos incondicionais da estrela do rock. Ao parecer, nunha das últimas entrevistas concedidas por Lennon, o músico confesou o moito que lle gustaba facer pan.

Rosaura engade no seu libro: "Yo puedo corroborrar sus palabras y presumir además de ser la persona que le enseñó a prepararlo [...] Yo me crié en la pequeña parroquia dos Castros de Quireza [...] Allí montaron una panadería mis emprendedores padres, Gerardo y Josefina. El horno en que se cocían los bollos estaba en la misma vivienda en que crecí junto con mis hermanos [...] El "experimento" resultó todo un éxito [...] Y no exagero si digo que hoy es muy difícil encontrar -sobre todo aquí en Norteamérica- hogazas tan deliciosas como las que hicimos juntos John y yo".

Xa non hai tafonas en Quireza. A fórmula secreta daquel pan gorentoso marchou canda os seus forneiros para a tumba.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook
selectividad 2018 Galicia

Toda la información sobre la selectividad

Consulta aquí toda la información sobre las pruebas de acceso a la Universidad: notas de corte, resultados y noticias


GALICIA EN VINOS

Galicia en Vinos

Todos los vinos de Galicia

Consulta aquí todos los vinos de las cinco denominaciones de origen de Galicia