17 de agosto de 2014
17.08.2014

O tesouro de Benito Soto agóchase en Cerdedo (e III)

Dicían que o construtor do vial de Barro de Arén a Presqueiras se aparecía na ponte de Fontao para velar a "fortuna", oculta nos seus alicerces

17.08.2014 | 00:19
Ponte de Fontao, baixo a estrada de Presqueiras, escondedoiro do tesouro de Benito Soto.

Un ano despois da exhumación do tesouro do pirata, o construtor Manuel Fontao dirixía a mellora da rede viaria de Cerdedo. Enfrontou a apertura dun novo vial entre Barro de Arén e Presqueiras (Forcarei) e coas explotacións estañíferas reactivadas na época. Nunha das valgadas máis difíciles de superar ergueuse unha pontella (a ponte de Fontao), unha das viraxes máis pechadas do itinerario. Fontao morreu pouco despois. Foise consolidando a crenza de que o seu expectro se lle aparecía aos usuarios da estrada para amedoñar os rexoubadores e velar a "fortuna", o tesouro de Benito Soto, oculto nos alicerces do pontigo.

En xaneiro de 1927, un ano despois da exhumación do tesouro do pirata Benito Soto, atopamos a Manuel Fontao en Cerdedo, dirixindo a mellora da rede viaria do municipio: construción do camiño veciñal nº 417 que, dende o km 19 da estrada provincial de Vilapouca a Pontevea, acadaría as aldeas de Sabucedo (A Estrada) e A Devesa (Tomonde-Cerdedo); construción do camiño veciñal A Devesa-Cerdedo (conexión coa estrada de Ourense (ant. estrada do Barbantiño-Pontevedra)) que, atravesando as parroquias de Tomonde e Figueiroa, viría reducir ostensiblemente a distancia coa Estrada (cabeza de partido); construción do camiño veciñal que dende O Serrapio atinxirá o km 19 da dita estrada de Vilapouca, cruzando o val de Quireza...

O xornal El Emigrado (A Estrada, 16-1-1927, páx. 3), prodigándose na gabanza, engade:

"El constratista Sr. Fontao y a la vez su representante en las obras son dignos de todo elogio, pues nada escatiman la forma de construir, ni los jornales, el tiempo, ni nada, concepto por el cual, el vecindario de Quireza le está sumamente agradecido, pues no se para en nada y para la primavera piensa enlazar con la carretera de Vilapouca u otra que le designen. Traen ya el camino afirmado hasta el lugar de Bugarín, en Castro, y la explanación llega al lugar de Fondós, en Quireza, y corre a pasos gigantescos hacia su fin.

También el ramal que viene de Cerdedo por Castro al lugar de Castros, de Quireza, enlazando allí con el anterior, está tocando casi a su fin; parece que ahora unos individuos, un tanto estudiados, le dieron el alto en sus propiedades, paralizándose las obras, pero al fin, ahora caen de su peso, y dicho camino tiene que unirse a su inmediato, ya que por menos de un kilómetro se pierde un servicio de los más importantes del municipio como es esa vía central, para dentro y para fuera, única, que suple gran parte de las demás".

Quen sabe, ao mellor, os "individuos un tanto estudiados" non pretendían outra cousa ca defender da picaña os depósitos da Idade do Ferro que lle deron nome á aldea dos Castros: a Roda do Castro, ao norte; e o Castro de Abaixo, ao sur. Hoxe en día, a PO-7102 atravesa o xacigo arqueolóxico, mentres que a PO-7103, dende Cerdedo, conecta a parroquia de Castro coa de Quireza.

Segundo a acordanza da xente: "A empresa dos Fontao foi quen abriu a maior parte dos camiños de Cerdedo; poucos máis se fixeron dende aquela". "Todas as estradas que ves ao teu redor fíxoas Fontao", indicoume un informante dende o coto de Castrodiz.

No principiar dos anos 30, Manuel Fontao enfronta, en Cerdedo, a apertura dun novo vial: a estrada que dende o lugar de Barro de Arén (Cerdedo) comunica coa parroquia de Presqueiras (Forcarei) e, en concreto, coas explotacións estañíferas reactivadas na época. As minas de Presqueiras traballáronse dende 1849 até 1954. A extracción do mineral levouse a cabo apontoando galerías e tamén, escavando a montaña a ceo aberto. A conexión entre Barro de Arén coa estrada Pontevedra-Barbantiño (hoxe, N-541), por Pontapiñoa, xa levaba anos emprestando servizo.

As dificultades orográficas puxeron en xaque o enxeño e a maquinaria daquel tempo. Aínda que Fontao investiu nas obras moito máis do orzamentado, os traballos depararon unha estrada estreita e chea de curvas. O pobo non dubidou en expresar o seu descontento e, sen escatimar na retranca, atribuíulle o deseño do trazado a un burro ("animal que sempre avanza ao menos dano"). Polo que vou sabendo, boa parte da viaria antiga tivo por enxeñeiro un de raza cabalar.

No tocante á construción da estrada de Presqueiras, unha das valgadas máis difíciles de superar foi aquela pola que discorre o regueiro das Arxas (ou das Sarxas) cuxo nacedoiro, no monte do Seixo, se coñece polo Ollo do Boi. Casualmente, no seu descenso, o arroio rega as leiras dos Fontao (Os Fontaos), denominándose, nesa altura, regueiro de Fontao.

Ergueuse, xa que logo, unha pontella (a ponte de Fontao) para salvar a impetuosa corrente, que constitúe, aínda hoxe, unha das viraxes máis pechadas do itinerario.

Houbo de aturar o contratista, estoicamente, as diatribas dos veciños, mais, para alivio de todos, non hai mal que cen anos dure nin corpo que o resista. Ao pouco, Fontao abandonaba este mundo. Mesmo así, a súa memoria seguiu adobiándose con faladurías do tipo: "Fontao enterrou nesta ponte unha fortuna e de pouco lle valeu". Nin a tumba era quen de garantir o descanso eterno do malogrado construtor.

O falar non ten cancelas e, boca a boca, foise consolidando a crenza de que o espectro de Fontao, ataviado con traxe branco e chapeu panamá, lles facía á espera aos usuarios da estrada de Presqueiras, aparecéndoselles de socate naquela escusada revolta. Dous eran os motivos que xustificaban a rolda de Fontao: amedoñar os rexoubadores e velar a "fortuna", o tesouro de Benito Soto, oculto nos alicerces do pontigo, ao socairo de olladas envexosas.

No tronco do Carballo Ghordo, aínda en pé na intersección coa estrada de Meilide (Portocelos), alguén, tentando disuadir os incautos (ou os cazatesouros), pendurou un letreiro no que se lía a seguinte advertencia: "Fontao espera por ti". O cartaz botou tempo esquecido cravado no carballón.

Malia o anónimo apercibimento, o arrecendo do diñeiro fácil atraeu ao lugar unha chea de cavadores. Probabelmente, a reiterada rebusca deu orixe ao topónimo Terra Feita.

Hai uns anos, compartín mesa e mantel con Sabino Torres, egrexio escritor e editor pontevedrés. Entre 1948 e 1952, Sabino Torres xunta Cuña Novás e Álvarez Negreira alumbraron, no obradoiro Gráficas Torres, a colección de poesía "Benito Soto". Amais da inspiración dos promotores, este proxecto editorial arrequeceuse con textos da autoría de Celso Emilio Ferreiro, Luís Pimentel, Álvaro Cunqueiro, Carvalho Calero, Manuel María...

Durante a cea falouse, como non podía ser doutro xeito, de poesía e, xaora, de Benito Soto. Coñecendo Sabino Torres a miña ascendencia cerdedense, axiña trouxo a colación o vencello existente entre o pirata da Moureira e Cerdedo, a través dos Fontao. Sabino Torres, parafraseando o dicir do pobo, contou que "mentres os nomeados canteiros traballaban na remodelación da escalinata da basílica de Santa María a Maior, bateron cunha hucha ateigada de moedas de ouro que, sen dúbida, era porción do botín estibado nas adegas d'A Burla Negra". Como poden comprobar, o conto é vello.

Non dubido que o tesouro dos piratas estea agochado en Cerdedo, non discuto que se atope nos cimentos daquela ponte da estrada de Presqueiras; agora ben (e non é por despistar), coñecendo a porfía dos Fontao por defender a fonte da Mina, dáme no nariz que o niño do ouro está encovado alí, intacto ao fresquío do manancial. Que mellor escusa para desmantelar o infame "mausoleo da vaca" que, en época recente, o Concello erixiu no lugar, para seguir desvirtuando a historia de Cerdedo..

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook
selectividad 2018 Galicia

Toda la información sobre la selectividad

Consulta aquí toda la información sobre las pruebas de acceso a la Universidad: notas de corte, resultados y noticias


GALICIA EN VINOS

Galicia en Vinos

Todos los vinos de Galicia

Consulta aquí todos los vinos de las cinco denominaciones de origen de Galicia