13 de agosto de 2014
13.08.2014

Unha viaxe ao Cerdedo dos setenta

As recuperadas fotografías do pontevedrés Carlos Osorio permiten descubrir o pasado do rural cerdedense

13.08.2014 | 01:32

O fotógrafo Carlos Osorio naceu en Pontevedra no ano 1950. Malia non rematar os seus estudos de arquitectura, a súa paixón pola arte construtiva plasmarase de xeito reiterado na súa obra gráfica. O seu devir vital e profesional vencellouse á angueira do arquitecto César Portela, bo coñecedor tamén dos encantos ocultos de Cerdedo: "El facía fotografía, eu, arquitectura, e da necesidade de colaboración naceu a nosa amizade".

Carlos Osorio, falecido en 2002, optou por ver o mundo a través dos ollos dunha Hasselblad, dunha Leica, dunha Linhof, dunha Nikon... Xerardo Torrado, coordinador do volume "Carlos Osorio. Fotografía" (2009), afirma: "A fotografía dixital era un mundo que empezaba a nacer cando Carlos Osorio estaba ao final da súa vida. De todos os xeitos, consideraba que esta nunca lle gañaría a batalla ao revelado tradicional".

Nos apuntamentos biográficos que introducen a devandita homenaxe póstuma, o propio Torrado infórmanos da colección de instantáneas que, hai corenta anos, Carlos Osorio obtivo na parroquia de Pedre: un peto de ánimas, hórreos, a capela do San Lourenzo (O Serrapio), a amena paisaxe rural...: "A arquitectura popular é unha das constantes na súa obra. Nesta serie en branco e negro realizada en 1977 en Pedre atopamos algunhas das mellores mostras". O historiador Xosé Fortes cre que estamos diante dun dos mellores fotógrafos da súa xeración. O pintor Manolo Moldes coincide: "Coa perspectiva que dá o tempo pódese dicir que é un dos precursores da fotografía actual en Galicia".

Na páxina 21, Xerardo Torrado fai referencia, en Pedre, a unha vía romana: "A vía aparece flanqueada por muros que a separan dos campos lindantes, e entre eles, un milliarium descansa sobre a herba, cuberto de lique e carriza".

Sen ánimo de emendar a ninguén, cómpre dicir que o vieiro enlousado retratado por Osorio (véxase a fotografía) non se localiza na freguesía de Pedre, senón na veciña de Castro. O camiño en cuestión atravesa o río de Quireza (afluente do Lérez) e comunica o lugar de Bugarín co máis da parroquia. A cámara de Carlos Osorio capturou daquela o camiño dos defuntos de Bugarín e non o camiño da Pontapedre, ambos os dous de documentada antigüidade. Tras visitar o lugar (10-8-2014), decatámonos de que o tal miliario é, desgrazadamente, o couzón dunha antiga cancela. Mágoa da ponte de Bugarín, sobre o Quireza, aldraxada cunha chambonada de formigón "marca da casa". Bugarín é o paradigma: en Cerdedo, a autoridade combate o despoboamento instalando "barbacoas".

Feita a puntualización, Xerardo Torrado engade que "a serie de Cerdedo de 1977 é a súa colección máis importante de fotos sobre Galicia en branco e negro". Carlos Osorio mostraba predilección por este tipo de tecnoloxía visual: "A min gústanme as fotos en branco e negro porque co tempo quedan amarelas", diría o artista. En 2009, integrando a exposición "Carlos Osorio, unha vida en amarelo", os pontevedreses tiveron a oportunidade de admirar, entre outros albos, aquel Cerdedo incólume dos setenta.

A escolma de imaxes que hoxe publica Faro de Vigo (formato orixinal: 17x16'5/17 cm) retrotráenos ao inverno do 77: o lugar do Serrapio, íntegro, inmortalizado antes da desfeita expropiatoria do pantano: "A terra é nosa e non de Fenosa", desempoaron os veciños do Serrapio á vista das fotos. O lugar de Vichocuntín, exhibindo as feridas da nova N-541 que relegaría a vella estrada de Ourense. Vestixios do Vichocuntín de Riba, ruínas das que moito se honra o colectivo Capitán Gosende. Panorámicas dunha agra aínda produtiva. A natureza domeada polo ser humano.

Non hai esperanza para este malfadado territorio. Se o encoro non engulipou as aldeas, si acelerou o seu abandono, a súa destrución. Os viadutos e trincheiras do tren e a variante da estrada nacional acabarán por vestirlles a mortalla. En definitiva, o ben merecido apelativo de "aldea museo" que se lle apuña ao lugar de Pedre e á súa contorna, desbaratado por décadas de incapacidade e desgoberno. Que obxectivo se persegue ancheando desmesuradamente a estrada do Serrapio-Quireza (PO-7102)? A que obedece que se enterre un diñeiral nunha reforma agresiva coa paisaxe e co patrimonio e, ao tempo, se neguen catro pesos para evitar a derruba do pazo das Raposeiras?

En compensación, a ollada sensíbel, balsámica, de Carlos Osorio, posta a disposición dos que amamos Cerdedo sen contrapartidas, antídoto contra a desmemoria. Do fardel do fotógrafo cosmopolita, humildoso, desprendido; viaxeiro curtido en mil e unha revelacións: Nova York, San Francisco, Londres, París, Berlín, Viena, Budapest, Caracas... Unha viaxe de ida e volta: dende os ermos do Gran Canón do Colorado deica as fértiles encostas do Seixo; dende o río Hudson deica o Lérez, dende a ponte de Brooklyn deica a Pontapedre; dende o Empire State deica a casa do Manco de Vichocuntín.

Agardo que os veciños de Cerdedo saiban valorar este novo achádego, do pasado convertido en agasallo por Dolores Santalla, viúva do fotógrafo Carlos Osorio, de quen obtiven o visto e prace para a súa divulgación..

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook
selectividad 2018 Galicia

Toda la información sobre la selectividad

Consulta aquí toda la información sobre las pruebas de acceso a la Universidad: notas de corte, resultados y noticias


GALICIA EN VINOS

Galicia en Vinos

Todos los vinos de Galicia

Consulta aquí todos los vinos de las cinco denominaciones de origen de Galicia