Na xornada do domingo 13 de xullo a tropa dos Gosende enfrontou a segunda xornada de expedición polo río do Seixo. A primeira transcorrera o domingo 29 de xuño: aldea de Cavenca, congostra do Rapenlo, camiño dos Portamuíños, pozo Fumeghas, tramo inicial da presa de Cavenca, Os Barreiros, Pedraboa, A Pontemouteira, até a ponte da Laxa, no fondal de Abelaíndo, e retorno.

Un paseo vagaroso, demorado, procurando non perder detalle. Cando o camiñante lle empresta a atención debida á natureza, a Deusa Nai non dubida en agasallalo cos seus saborosos melindres: o sprint da donicela, o voo do moucho de orellas, o mergullo da lontra, unha serpe retorneada, un súbito saltón de ás, un amorodo ventureiro..., un desapercibido petroglifo.

Saír na procura de tesouros é unha misión semellante á caza de grilos. Cómpre paciencia, aguzar os sentidos e unha palliña coa que estimular o ventre do encanto, pois, o tesouro mimetízase co brión encouselado, coa hedra gabeadora, co maneo do fento, co lusco e fusco... Os tesouros de río vibran na mesma frecuencia ca a auga en cachoeira. O bulir da troita é mostreiro, o grallar do gaio ou da pega rabilonga indica frío, frío! A fuxida rasante do merlo rieiro, pola contra, quente, quente!

Falando de grilos e da temperatura, as dúas variábeis avéñense á seguinte ecuación. Cóntese, durante un minuto, o número de veces que o insecto fai "cricrí". Résteselle 40 ao cómputo. Divídase a cantidade resultante entre 4 e súmeselle 18. Finalmente, divídase o resultado entre 1'8 e obterase, en graos centígrados, a calor que acirra a cantata do grilo e, asemade, a nosa transpiración.

Na xeira do 13, retomamos o paseo polo río do Seixo dende As Ribeiras de Abelaíndo (antano, terra de labor; hogano, xesteira desbocada) deica o pozo Sangoento. O río do Seixo, conforme a súa denominación, ten o berce no alto do Seixo, froito da confluencia, entre outros, do regueiro da Fontefría e do regueiro do Areal.

Liamos na prensa, hai uns días, que o Concello de Cerdedo dispón de 50.000 euros de todos nós para acondicionar o camiño dos defuntos, antiga verea que, dende A Cavadosa, discorre polo canón do Seixo até acadar o quinteiro de Cavenca. Ao parecer, entre as actuacións previstas se contempla "retirar pedras do río" (consúltense os xornais do 29 de xuño). A ameaza era motivo abondo para visitar a zona, á espera de acontecementos.

Chama a atención a actitude bipolar que caracteriza a xestión municipal. Un día interprétase o rol de ecoloxista e pregóase na prensa que o itinerario do río do Seixo é "una impresionante ruta de gran belleza paisajística que recorre terrenos que aún no sufrieron en muchos casos la transformación del hombre" e, ao seguinte, anúnciase a construción dun dique de formigón no leito do río co obxecto de riparlle parte do seu xa escaso caudal. O encoro que se proxecta para o curso alto do Seixo e a conseguinte canalización da auga deica a Cerdedo suporá a enésima desfeita natural e patrimonial. Se o "casco urbano" cerdedense precisa fornecer a súa traída (polo aumento de poboación non será), transfórmense as barraxes das hidroeléctricas do río do Castro e do Lérez en barraxes de captación, boa parte da condución xa está en servizo e o estrago ambiental, asumido. Que ansia teñen algúns por escarallalo todo!

En ausencia doutras alternativas que obren o rexurdir do concello, cando se decatará a autoridade de que é imposíbel promocionar este territorio como destino turístico se, ao tempo, desvirtuamos os seus atractivos con encoros, centrais hidroeléctricas, mingua do arboredo autóctono, parques eólicos...?

Desculpen, mais, ao fío, non podo borrar do maxín o ofrecemento que, en 2005, o goberno local lle fixo a Celulosas para que se instalase en Cerdedo. Os números aforran máis explicacións. En 2012 a pasteira chuchaba do río Lérez uns 13 hectómetros cúbicos de auga anuais, mentres que o consumo doméstico de Pontevedra, que tamén bebe do Lérez, era duns 10 hectómetros cúbicos. Como ven, a oferta era só outro brinde ao sol.

A única listaxe fiábel dos muíños, pontes, pontellas e peares do río do Seixo elaborouse en 1994 (cúmprense 20 anos) e foi publicada en 2002, integrando os "Materiais para o estudo da freguesía de Cerdedo". Na páxina 381 do dito inventario consígnanse 51 muíños no río do Seixo, cifra que dista moito da "trintena" que manexa o Concello de Cerdedo. Dende o balcón da Casa Consistorial é difícil botar ben as contas.

Dos 51 muíños do río do Seixo (uns máis arruinados ca outros), dous aloxaron, noutrora, batáns (o batán da Cavadosa e o batán de Abelaíndo) e un, un serradoiro hidráulico (a serra de Campos, na Cavadosa).

Voltemos á excursión do día 13. Tras a Pontemouteira, estrema de Meilide e Abelaíndo, axiña se albisca o muíño de Herdeiros de Baixo. O muíño de Herdeiros de Baixo e o de Herdeiros de Riba, coma bois emparellados, fan da ponte da Laxa a cabezalla do carro; imaxes conxeladas doutro tempo.

O sol vespertino barutábase nunha peneira de ameneiros. Baixo aquela bóveda de crucería vexetal aboiaba unha atmosfera onírica. Avanzabamos río arriba pola ourela dereita do Seixo. De socate, unha lene airexa abalou a follaxe e un feixe de luz proxectouse sobre un penedo asentado fronte ao muíño de Herdeiros de Baixo a carón do buraco do inferno. Os ollos craváronseme naquela pedra toucada de carriza. Labrados na face anterior da rocha, unha morea de signos reclamaban a nosa atención.

Cruzamos o río polo ar. O gravado rupestre, efectuado probabelmente en época medieval, compúñase, basilarmente, de signos circulares, lenticulares e cruciformes pometados. Algúns elementos evocaban o motivo cruciforme tallado na Porta do Castro (Arén). Choveron as interpretacións: catro cruces cabeza abaixo, un tridente, catro ou cinco figuras circulares que semellaban moas e rodicios, outros riscos de indescifrábel simboloxía... con certeza, un xeroglífico de natureza protectora e propiciatoria da moenda.

Consonte os "Materiais para o estudo da freguesía de Cerdedo" (páx. 389), o muíño de Herdeiros de Baixo (tamén coñecido en Abelaíndo por muíño Vello) é o nº 33 do río. Sito á marxe dereita (segundo o fluír da corrente) é un muíño de canle, con paredes de cachotaría, cuberta a dúas augas (cubrición: tella común), rodicio de ferro e unha moa. O muíño de Herdeiros de Baixo é, da parroquia de Cerdedo, un dos aparellos consignados no "Catastro de Ensenada" de 1752, dato que corrobora a súa antigüidade.

Felicitámonos, coma sempre, pola nosa moita e reiterada fortuna. Os numes da foresta volvían premiar a nosa iniciativa. Velaquí teñen o fermoso petroglifo do muíño de Herdeiros de Baixo, un máis, para honra e gozo de todos os cerdedenses e de todos os galegos.

Disque aos rexedores municipais lles levou 15 anos elaborar o PXOM. Tendo en conta que o presente ten unha vixencia de 14 anos, úrxelles pórse de novo mans á obra, posto que, no que atinxe á relación de bens patrimoniais, da misa a metade. Capitán Gosende patrulla o río do Seixo.