Haberemos recordar a data do 18 de xuño de 2014 como o día no que os alumnos do colexio de Cerdedo visitaron o monte do Seixo. Agradecemos, daquela, a valente e edificante iniciativa dos seus mestres. Inaugurado en decembro de 2005, a cifra de visitantes guiados polo "Roteiro da Montaña Máxica" chegou ás 2.480 persoas.

Ás 10 h daquel mércores déronse cita no colexio uns 60 alumnos que, canda os seus profesores e na compaña de Pedro Peón, guía do colectivo Capitán Gosende, ascenderon até a cimeira do Outeiro do Coto a bordo de dous autobuses.

Dende a atalaia do Seixo, os nenos puideron albiscar as terras de Ourense, o veciño concello da Estrada, O Barbanza, o seu colexio, tan abaixo, tan pequeniño; norte, sur, leste e oeste, dacabalo da rosa dos ventos. As nubes baixas impediron, pola contra, a vista do mar. Outra vez será.

A seguir, xa no camiño de Coto: a Mámoa Ghrande, o relato do Tecelán de Carballás. Os pícaros coseron o noso guía a preguntas. A súa curiosidade revelouse insaciábel. O Almadraque de Pirocha, a Laxa Mosqueira... Na umbría da Fonte dos Chaos os excursionistas fixeron un pouso para tomar a parva.

En Portalén, como é costume, tentouse agrupar a miudanza para o retrato, mais non houbo xeito de que acougasen un intre. Outra arroiada de preguntas. Do Marco do Vento á ermida da Santa Mariña, remate da actividade.

O monte do Seixo, tan próximo, tan afastado, luciu as súas mellores galas. Mañá solleira, temperatura apracíbel, lombas e valgadas ateigadas de animais. Os pequechos gozaron coa natureza viva, mais nada atraeu tanto a súa atención coma os despoxos dun poldro morto. Se se puidese levar peza a peza para a casa!

Coa visita do colexio de Cerdedo ao monte do Seixo, os de Capitán Gosende acadamos outro dos nosos obxectivos. Nada impedirá que se leve a cabo a tarefa que nos temos encomendado. Que bos vasalos se tivesen bo señor.