Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

O Castro de Vilar, salvado dunha pista polo PXOM

Este castro de Vilar, na parroquia lalinense de Soutolongo, é tamén coñecido como "O Castro Daquel Lado"

O vello camiño pasaba a carón do terraplén do antecastro. // A.P.

O Concello de Lalín pode ser considerado como o pioneiro da Comarca de Deza na aplicación do PXOM (aprobación inicial en 1996 e final en 1999) para a preservación do seu importante patrimonio. Podemos botar man de varios exemplos pero, sen dúbida, un caso interesante foi o que sucedeu no Castro de Vilar (Soutolongo) no ano 2012. No mes de outubro dese ano unha máquina escavadora da Deputación Provincial estivo ensanchando o camiño veciñal entre Vilar (Soutolongo) e Sestelo (Botos) para transformalo en pista de sete metros libres de ancho.

Volvendo a vista atrás hai que sinalar que a historia empezou moito antes, porque no ano 1917 entrou en funcionamento a Central Hidroeléctrica do Castro, que subministraba electricidade á nacente vila de Lalín. Uns anos máis tarde, trasladáronse para esta central os mecanismos dun muíño, que pertencía aos veciños de Vilar, localizado na Costa do Val, medio quilómetro máis abaixo da "Fabrica da Luz" -nome popular da central hidroeléctrica- e foi necesario abrir un camiño de carro a través do castro para chegar ao referido muíño. O camiño en cuestión, tamén, permitía pasar ao outro lado do río Asneiro, a través dunha ponte de madeira, de forma que as aldeas de Vilar e Sestelo quedaron direitamente intercomunicadas. Todos saían favorecidos coa a apertura dese camiño: os veciños de Vilar podían chegar cos seus carros ao "Muiño da Fábrica" e os de Sestelo podían acceder ao monte do Castro, onde cortaban toxos e leña de carballo ou aproveitaban os pastos. O camiño aberto naqueles anos, de tan só dous metros de ancho, que afectaba ás estructuras defensivas do Castro, foise encaixando no terreo a causa da erosión orixinada na pendente polas arroiadas e converteuse en congostra.

O problema do camiño

Pois ben, cando a máquina de Deputación, no ano 2012, se dispoñía a ensanchar ese vello camiño afectando a dous foxos externos e a un parapeto do Castro de Vilar, en plena "Zona de Protección Integral" (segundo o PXOM), o concello de Lalín tivo que tomar unha decisión consecuente coa realidade. A solución adoptada foi apartase do trazado dese camiño abrindo outro alonxado do castro para enlazar, río abaixo, coa pista ensanchada desde Sestelo. A continuidade da nova vía de comunicación está pendente da construcción dunha díficil ponte sobre o río Asneiro, pero o castro de Vilar quedou preservado dunha intervención destructiva innnecesaria e evitable.

O Castro de Vilar (Soutolongo), tamén coñecido como "Castro Daquel Lado", figura no católogo xeral de castros da Xunta de Galicia coa referencia GA360240034 e está recollido no Catálogo de Bens Protexidos do concello de Lalin (PXOM) co número de identificación 1-45. Este castro, debido aos seus condicionantes físicos, pode ser considerado como un dos máis singulares da bisbarra de Deza e, a este aspecto, debe engadirse a súa proximidade ao Castro de Sestelo ou "Castro Deste Lado" (Botos), co que mantén unha relación de irmandade fisiográfica. Ao estar enmarcado por un gran meandro encaixado do río Asneiro e protexido por varias líneas de foxos no punto de estreitamento do meandro "istmo", abarca unha superficie de gran extensión, aproximadamente 8 Ha (80.000 metros cadrados), na que se ten en conta todo o territorio envolto polo recorrido do río (950 metros de canle fluvial, que serve de protección ao asentamento castrexo) e a lonxitude do istmo, 175 metros, onde se atopan unha ou dúas líñas de foxos que cercan o asentamento castrexo.

Grande espazo castrexo

O espazo ocupado pola estructura castrexa sitúao entre os de maior extensión, non só de Galicia senón tamén de Portugal. A modo de referencia podemos considerar os seguintes exemplos: Monte Mozinho (Penafiel, Portugal) con 20 Ha; Sanfins (Paços de Ferreira, Portugal) con 15 Ha; San Cibrán de Las (San Amaro-Punxín, Ourense) con 8,84 Ha e Baroña (Porto do Son, A Coruña) con 2,26 Ha. No caso de comparalo con calquera outro asentamento da comarca dezá destaca por este aspecto, xa que ningún outro castro acada unha superficie tan extensa. Sen embargo, non se debe confundir este aspecto co posible tamaño da poboación que habitou neste espazo, que debeu ser un poboado de tamaño máis ben pequeno.

Asociado ao castro existe unha importante masa forestal de carballos negrais ou cerquiños (Quercus pyrenaica), posiblemente a de maior tamaño no concello de Lalín. Esta árbore é de orixe mediterránea (rexión florística mediterránea) e a súa chegada, a este enclave aillado, debeuse á propagación da especie seguindo o curso do río Miño e a súa rede de afluentes, neste caso o río Avia-Arenteiro. A penetración da especie tivo lugar pola zona de Dozón descendendo, posteriormente, polo val do río Asneiro. A carballeira está ben adaptada as condicións deste espazo, rodeado polo sinuoso curso fluvial do río antes citado.

Este castro debeu ser abandonado no séculoI-II d. C., trasladándose a poboación a unha primitiva aldea que, segundo algúns arquivistas, debeu recibir o nome de Laias, situada nas cercanías, no Campo Dozón ou Campo do Ouzón (no territorio da aldea de Vilar). O abandono do castro foi total e, ao longo da súa dilatada historia posterior, pasou a ser un sitio explotado parcialmente polos veciños da aldea de Sestelo que ocuparon un territorio situado ao outro lado do río e, por iso, o denominaron Castro Daquel Lado.

Douse unha situación estraña, porque isto era unha invasión territorial que terminou establecendo unha fronteira un tanto artificiosa: un valado "o valado da discordia" polo estreitameto do meandro que servía de límite veciñal e parroquial. Así, cando unha besta era atrapada no Castro Daquel Lado, os veciños de Sestelo metíanlle un pau atravesado na boca e atado cunha corda arredor do pescozo, para que non puidera comer, e mandábanlla desta forma aos de Vilar como represalia por haber entrado nas súas fincas. Os de Vilar replicábanlles da mesma forma (lóxica común).

É así como un camiño aberto no primeiro tercio do século XX serviu para comunicar dúas aldeas, pero non para unir dous pobos, que seguiron disputándose as fincas do Castro Daquel Lado e iso é o que parece ocasionar o novo ensanche, pero o Castro non ten culpa do problema e a actuación levada a cabo foi gratamente respetuosa co Patrimonio.

Compartir el artículo

stats