Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Fútbol de salón con zocos de deseño

A cruceña Elena Ferro deseña un futbolín no que os xogadores son pezas de zocos a escala

Elena Ferro amosa o futbolín no seu taller da parroquia cruceña de Merza. // Bernabé/Gutier

Aínda que seguramente haxa moitas cousas que definan a identidade propia de Galicia, os zocos e o futbolín son, sen dúbida, alomenos dúas delas. A primeira porque foron o calzado, denostado, pero case único para milleiros de galegos durante os anos nos que estes zapatos se empregaban para trabajar, ir de festa ou acudir a actos sociais. O futbolín, agora espallada a súa práctica polo mundo, foi un invento de Alexandre de Fisterra (Alejandro Campos Martínez).

A recoñecida zoqueira de Merza (Vila de Cruces) Elena Ferro tomou como referencia o popular xogo e a súa profesión para idear un singular futbolín que, desde logo, non deixa indiferente a ninguén por curioso, elegante, atractivo e sobre todo singular. No obradoiro da aldea de Reboredo pode verse desde hai uns días o que ideou a imaxinación e as mans de Elena. O resultado do traballo é espectacular. A zoqueira contou coa colaboración do seu veciño Pablo, o carpinteiro de Merza, que se encargou dos acabados da estrutura do futbolín, feito case con idénticas medidas que os milleiros que aínda funcionan nos bares e outros establecementos de medio mundo. Neste futbolín non hay bonecos emulando a xogadores, nin de metal nin de madeira, nin coas pernas separadas nin xuntas, e resulta complicado recorrer ás técnicas como o arrastre ou outras para marcar gol. Son zocos, exactamente 22 zocos de madeira elaborados a escala en miniatura os que golpean o balón. Para diferenciar unha escuadra doutra, Elena Ferro pensou en deseñar os dun equipo cun estilo tradicional e outros, xa algo máis modernos e con tintes de cores ou lazos en vez de mallós.

"Pensamos en facer algo divertido, coma outras propostas que temos e que logo subimos ao Facebook para difundir o noso traballo", comenta Elena, que xa adianta que o singular futbolín, ademais de no seu taller de Merza, poderá verse en días no encontro de artesanía, en Agolada.

Outras das particularidades deste futbolín e que non están delimitadas as áreas do terreo de xogo como as dun campo de balompé. Tomando como referencia os patróns que se empregan para confeccionar zocos, na superficie de xogo se pintaron as palas, traseiras e contrafortes que conforman este vello calzado. As baras tamén son de madeira. A metade foron traballadas en abeleira e as outras dunhas pólas dunha laranxeira que cortou preto da casa hai un tempo. O resultado non deixa indiferente a ninguén.

Compartir el artículo

stats